A Universidade de Santiago contará a partir deste outono cun programa de mestrado pioneiro no noso país. O Máster en Industria Musical da Universidade de Santiago nace coa intención de formar profesionais que poidan desenvolver unha industria propia. Toda unha transformación na que os propios alumnos están chamados a ter un papel fundamental.
Segundo recoñece Xaime Fandiño, director do novo mestrado "Galicia ten moitísimo talento pero agora é importante xestionar esa materia prima para poder facer diso unha industria". Nese sentido, apunta que "non abonda con ter conservatorios e escolas de música nos que formar os artistas. Cómpre saber como organizar e colocar esta xente". "Hai pouco vimos como se desfacía un grupo da talla de Berrogüetto porque non hai audiencia ou porque o público non está afeito a pagar pola arte", explica. Nesa liña "cómpre educar o público, sen unha masa crítica non se pode facer nada. Pesamos que a música é un elemento fundamental dun país e cómpre ter unha industria que lle dea un valor engadido", sinala.
Falta de referentes
Como exemplo da importancia que pode ter este sector no desenvolvemento da nosa cultura, apunta que "fóra de clásicos como O miudiño non temos cancións en Galicia que poidan cantar avós, fillos e netos cando se xunta, non temos temas que nos identifiquen. En Cataluña, por exemplo, saen dúas cancións de referencia cada ano, que se promocionan nas radios e que coñecen todas as xeracións".
Diferentes enfoques para a música
Independentemente dos estilos, a intención deste ciclo formativo é "que a xente poida vivir disto". Para isto promoverase a creación de profesionais nos máis diversos ámbitos vencellados ao mundo sonoro. Creación, autoría, interpretación, produción e mercado son os ámbitos que se anuncian na presentación do ciclo, que atenderá a ámbitos como marketing, economía, lexislación, promoción, produción, management, industria, captación de talento, xestión de carreiras ou comercialización creativa e que se poderá cursar entre xaneiro e decembro de 2015 na primeira edición. Orientado a titulados en Ciencias da Información, Comunicación Audiovisual, Belas Artes, Historia da Arte ou Económicas e Empresariais, a proposta tamén se dirixe a licenciados ou graduados en conservatorios superiores de música. O programa inclúe tamén prácticas en empresas do sector ou formación sobre técnicas e ferramentas de gravación entre outros temas. "Logo a xente orientarase a ámbitos máis experimentais ou máis comerciais, indie, rock ou pachanga. Hai moitas áreas nas que se pode vivir, pero o imprescindible é pensarmos en montar unha industria".
Crise e oportunidade
A crise que está a atravesar o sector desde hai anos, co afundimentos de moitas discográficas fronte ao incremento da autoedición, da difusión por Internet e das actuacións en directos, supón para Fandiño un momento especialmente favorable para se introducir no campo. "Estamos nun escenario totalmente diferente ao de hai uns anos. Antes gravar un disco obrigaba a ir onda as multinacionais, agora pódense facer propostas diferentes, existen fórmulas para monetizar o traballo e poder vivir disto. É un momento de oportunidades, os cotos de pesca de antes xa non existen". Á hora de definir o modelo desa futura industria, o director do mestrado sinala que "iso ten que o definir a xente nova".
Intercambio profesional
De xeito paralelo ao programa regrado, o mestrado prevé espazo para intercambio de experiencia con profesionais en activo do sector. "Queremos que a xente pase e conte moitas experiencias, ver por onde se pode ir. Pensamos que a universidade pode ser un centro de reflexión constante e ver onde imos". Un espazo que, pola súa experiencia, está a ser reclamado desde o propio sector. "Todos coinciden en que cómpre un espazo de encontro onde se poidan atopar todos os profesionais sen que cada un turre pra seu".
A importancia dos alumnos
Como orientación básica do novo proxecto formativo, Fandiño destaca unha vocación "atlántica", na que o propio alumnado desempeña un papel fundamental. "Temos un océano diante e despois hai un mercado bestial que chega a toda Hispanoamérica, a Brasil e ao mercado hispanofalante de Estados Unidos. Son millóns de persoas. A nosa vocación é que veñan alumnos de toda Hispanoamérica, que contacten con xente de aquí e que se forme unha rede de contactos que despois desenvolvan proxectos conxuntos. Estamos a traballar moito para conseguir alumnado destes países. En poucos anos iso pode permitirnos ter un mercado aberto". Para Fandiño, a aposta por latinoamérica vai, para alén de afinidades lingüísticas e culturais, pola propia situación da industria discográfica nestes países. "Falamos de mercados emerxentes nos que non está aínda todo tan definido e fechado polas multinacionais como no anglosaxón, onde resulta para nós moi difícil entrar".
Cursos de verán
Como aperitivo para o mestrado, o equipo Canal Campus da USC, que organiza o equipo de investigación Canal Campus coordinou este verán no festival de Ortigueira e mais en PortAmérica cadanseu curso, un deles centrado na creación e o negocio musical e outro dedicado á situación e ás tendencias da industria musical galega. Malia a que a falta de público impediu a celebración do primeiro dos encontros, o segundo transcorreu cunha grande concorrencia. Músicos como Iván Ferreiro ou directivos de discográficas como Sony debatiron cos participantes."Fíxose unha escolma grande do que é a industria musical, onde estamos, onde imos e qué oportunidades podemos ter. Saiu a idea de que cómpre educarmos un público que non está afeito a pagar pola música para que sexan consumidores conscientes, e logo termos unha base industrial onde o creador saiba que o seu material será tratado con cariño e honestidade e que se promocionará no exterior", lembra Fandiño.
Ata que punto modificará este ciclo o panorama musical do país? A porta está aberta.