Preséntanse propostas alternativas para celebrar o Día das Letras

Continúan as críticas á decisión da RAG de llo dedicar a Filgueira Valverde

Unha convocatoria a colectivos sociais e culturais para elaborar propostas cívicas coas que celebrar o Día das Letras de xeito alternativo aos actos da Real Academia. Esta é a proposta que facía onte a Mesa pola Normalización Lingüística, a reiterar o seu rexeitamento a homenaxear a Filgueira Valverde, a quen a entidade definiu como "un franquista" no seu comunicado. O encontro está programado para o xoves 10 de xullo, ás 18.30 horas na Libraría Couceiro de Compostela.

Precisamente en resposta á convocatoria da mesa un colectivo formado por Alfredo Ferreiro, Filipe Diez, Ramiro Torres e Tati Mancebo daba a coñecer hoxe a proposta da Romaría das Letras, un xeito de celebración da data "voluntario, descentralizado, autoxestionado, non-xerárquico, plural e en rede" que "sen pretender nin suplantar nin ir contra ningún outro xeito de celebrar" quere actuar "á marxe das institucións políticas e culturais, chegando onde elas non poden nin desexan chegar e mobilizando para a causa da lingua un inmenso caudal de enerxías que hoxe non atopan cauces para se expresaren". Charlas, música, espectáculos ou actividades de divulgación fan parte da proposta deste colectivo, que chama a celebrar o 17 de maio por todo o país.

De xeito paralelo, a plataforma crítica A Sega anunciou a celebración, o vindeiro 15 de agosto do I Día das Galegas nas Letras. Esta festividade, que pretende "celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular". Nesta primeira edción a homenaxeada será Dorothé Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego.


Pola súa banda, continúan as críticas contra a elección da RAG de homenaxear a Filgueira Valverde. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou comio "improcedente" a homenaxe e deixou no aire a posibilidade de que o Concello non colabore coas celebracións. Segundo recolle El País Lores indicou que "Institucionalmente falaremos no seu momento de como podemos colaborar ou non".

Desde Ferrol, a comisión a prol de lle dedicar o Día das Letras a Carvalho Calero criticou asimesmo a decisión da RAG e apuntou que terán que valorar se continúan o seu traballo a prol da candidatura do ilustre ferrolán.