Falou San Sadurniño e falou ben

Un proxecto colectivo recompila a memoria e o presente dun pequeno concello rural

Mallando no muiño de Tembrás Muiño de Tembrás, Lamas, 1963
Mallando no muiño de Tembrás Muiño de Tembrás, Lamas, 1963
Todo comeza nun centro social dunha parroquia, nas clases de Internet para maiores. Pero canda aprender a navegar e facer un correo electrónico, os veciños do concello de San Sadurniño, un municipio rural da comarca de Ferrol, reconstrúen a memoria da súa familia, parroquia e vila a través de fotos que falan, imaxes e voces dixitalizadas que contan historias persoais e colectivas. É unha iniciativa xestionada por Carmen Suárez, a dinamizadora TIC do concello. Fálame de San Sadurniño xa ten 300 entradas que contan a vida e a memoria destas xentes.

San Sadurniño é un concello do rural ferrolá. Hoxendía pasa vagamente dos 3.000 habitantes, aínda que vive o clásico proceso de despoboamento do rural que lle levou a perder máis de 2.000 habitantes neste século. Pero moitos destes habitantes “perdidos” continúan falando a través das fotografías. O web de San Sadorniño amorea numerosas fotografías que contan historias de veciños que xa non están, escollidas e seleccionadas polos veciños que aínda quedan.

A iniciativa xurdiu de Carmen Suárez, axente TIC (tecnoloxías da información e comunicación) no concello. O traballo de Carme consiste en dinamizar á veciñanza a través das novas tecnoloxías, así que se fan moitos cursos de iniciación porque a prioridade é a alfabetización dixital do rural. Para o día das Letras Galegas, Carmen quería deseñar algunha actividade que implicara á veciñanza. “As fotos antigas motívanos moitos, así que chameille ao primeiro obradoiro Fotos Faladas”. E así naceu o web Fálame de San Sadurniño.

A acción funcionou e a partir de aí Carmen decidiu proseguir por moitas das parroquias rurais. Nos obradoiros de Internet do Concello, os veciños seleccionan fotografías, aprenden a escanear e a tratar a imaxe, así como a usar o Audacity, o software de gravación de audio. Carme exerce como coordinadora temática “se non, todo serían vodas e bautizos”, procurando apostar por fotografías con valor etnográfico, histórico ou comunitario. Os veciños aprenden a xeolocalizar elementos a través de Google Maps. Non só fotografías, senón receitas locais como a Chanfaina de Bardaos ou a Bóla de Tixola, costumes e monumentos se recollen neste espazo.

“É unha sorte de Wikipedia de San Sadurniño”, afirma entusiasmada Carmen, que insiste en que o ángulo de enfoque destas historias é o dos veciños, e que os historiadores e especilistas participan no proxecto como calquera outro cidadán. As entradas máis eruditas, arqueolóxicas ou que requiren documentación son completadas por profesores como Manuel González, cimentando así moita da memoria oral recollida e complementándoa co que realmente sabemos.

Pedímoslle a Carmen Suárez que nos fixera unha selección das máis de 300 entradas que nos valeran como carta de presentación de Fálame de San Sadurniño. Carmen presentounos dezanove.


TRABALLOS E DÍAS:
1. Recollendo toxo na braña do porcallo (1960): Isabel fálanos de cómo se recollía o toxo e as súas aplicacións. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/recollendo-toxo-na-brana-do-porcallo/
2. O carro da leite (1971): Carmen faña de cando recollían o leite por Santa Mariña. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/o-carro-do-leite/
3. Cociñando con Dolores (1967): Víctor fala da foto da súa bisavoa na cociña. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/cocinando-con-dolores/
4. Lavando na fonte do Coto (1958): Teresa fálanos de cómo eran os lavadoiros daquela. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/lavando-na-fonte-do-coto/
5. O burro de Consuelo (1953): Cruz fala dos burros e da súa utilidade. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/o-burro-de-consuelo/
6. A recolleita da herba (1973): José Manuel conta cómo se facía a recolleita. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/a-recolleita-da-herba/

ESCOLAS:
7. Sociedade Pro-escolas en Ferreira (1915): No ano 2001, María Naveiras con 103 anos (finou aos 106), lembrábase dos comezos daquela Sociedade creada por emigrantes en Bos Aires e Montevideo co obxectivo de construir escolas para nenos e nenas na parroquia da súa infancia.

Ésta foto falada é un exemplo de traballo colaborativo. Unha viaxe no tempo coa voz de Maria Naveiras aos 103 anos, a partires das gravacións realizadas no 2001 por Raul Soutelo, dixitalizadas por Miguel Noval Bouza, sobre unha fotografía cedida por Fernando Campos Castro, e co permiso de José Luis Naveiras e a familia Naveiras. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/sociedade-pro-escolas-en-ferreira/

DEPORTES
8. Os recollepelotas do pazo da Marquesa (1930): Manolo Rico, con 90 anos, evoca os seus tempos como "recollepelotas" no campo de tenis do pazo da Marquesa. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/os-recollepelotas-do-pazo-da-marquesa/

XENTES:
9. A saga dos Canosa (1890): foto dos antepasados da familia que deu un bo fio de comentarios na páxina para completar os nomes das persoas descoñecidas. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/a-saga-dos-canosa/

TECNOLOXÍAS
10. Aprender Internet en Naraío (2013): falada “coral” das alumnas do curso de “Iniciación a Internet” na parroquia de Naraío, na que valoran a súa participación no curso.
http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/aprender-internet-en-naraio/

SONS
11. Fonte de San Roque (2013): o son relaxante da fonte de San Roque na parroquia de Naraío. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/fonte-de-san-roque/

ASOCIACIÓNS:
12. Asociación Folclórica e Cultural "Berros do Castro" (2008): membros da asociación fálannos dos obxectivos e actividades da asociación acompañados polo son de fondo do acordeón. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/asociacion-folclorica-e-cultural-berros-do-castro/

EMPRESAS:
13. Marcos López: taller artesanal de carpintería (2001): Marcos creou unha carpintería modélica baseada na excelencia artesanal no traballo coa madeira en Santa Mariña do Monte reivindica o "labor ben feito" e ós emprendedores no rural. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/marcos-lopez-taller-artesanal-de-carpinteria/
14. Os inicios da Granxa Romero (1971): María Romero (con máis de 80 anos) fálanos dos inicios da empresa familiar Granxa Romero, agora “Leite certificado Bohal”. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/os-inicios-da-granxa-romero/

GASTRONOMÍA:
15. Bolas da sartén (2013): receita que forma parte da tradición das familias na parroquia de Lamas. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/bolas-da-sarten/
16. Polbo á plancha na Parrillada Riboira (1973): Rocío, actual propietaria e Mari Carmen Hermida, filla de Ermitas a primeira propietaria, fálanos dun dos lugares gastronómicos mais populares do Concello de San Sadurniño. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/polbo-a-plancha-na-parrillada-riboira/

PATRIMONIO:
17. O marco de Portonovo de Valverde: o historiador e arqueólogo de Trasancos, Andrés Pena Graña fala do monolito de pedra que divide 3 concellos, Valdoviño, Narón e San Sadurniño. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/o-marco-de-portonovo-de-valverde/
18. Lenda do pozo dos donceis(2013): narrada por cativos e cativas do programa de conciliación “aldea de verán” ao que lle engaden o seu particular final.

http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/lenda-do-pozo-dos-donceis/

NATUREZA:
19. Ortofoto de Lamas no 1956: o xeógrafo Ignacio Fernández interpreta a foto aérea da parroquia de Lamas feita polo exército americano. http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/ortofoto-de-lamas-no-1956/