As chaves de Europa Creativa

Consellos e requisitos para os interesados en optar ás axudas culturais da UE

Achegarse aos programas europeos esixe un certo coñecemento e mesmo práctica. Entre a multitude de páxinas de consulta, requisitos e problemas cos que se pode atopar un proxecto, cómpre contar cunha guía. Repasamos os consellos e os requisitos para se presentar ao programa Europa Creativa a partir da xornada que se celebrou recentemente na Cidade da Cultura.

O pasado 17 de xaneiro a Cidade da Cultura acollía unha xornada informativa sobre o Subprograma Cultura do programa Europa Creativa. Esta iniciativa supón a principal ferramenta de apoio a nivel europeo para as industrias e o terceiro sector de carácter cultural. No encontro, ademais de explicar as bases para acceder a estes programas, dotados cun total de 1.460 millóns de euros, achegáronse tamén consellos da man dos responsables dalgúns dos proxectos que xa teñen recibido apoio europeo en convocatorias anteriores. Augusto Paramio, Responsable do Punto de Contacto Cultural, Ministerio de Educación, Cultura y Deporte foi o principal responsable de abordar os requisitos e as particularidades do programa, mentres que Mar Nogueira, Técnica de Asuntos Culturais Europeos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abordou a situación en Galicia e apuntou asimesmo algunhas recomendacións para se enfrontar a estas solicitudes. Pola súa banda, como responsables de proxectos que xa tiveron apoio da UE, participaron na xornada Eva Mejuto de OQO Editora, Xulio Gómez, do proxecto European Acoustic Heritage e mais Irene García García e Xosé A. Neira Cruz da iniciativa campUSCulturae. Repasamos da man de todos eles as principais chaves para acceder a Europa Creativa.


Requisitos
Como requisitos fundamentais para se presentar ás axudas deste programa, Paramio salientou tres:

a) Dispor de personalidade xurídica propia, xa sexa empresa, asociación, fundación ou mesmo administracións públicas. Pero, atención, deben estar constituídas hai un mínimo de dous anos cando se fai a solicitude. A convocatoria está aberta a entidades de todo tipo, mesmo aquelas que teñan ánimo de lucro como as empresas. Agora, o proxecto en conxunto non pode ter carácter lucrativo. Segundo asegurou o responsable do ministerio, esta entidade amosa que nas concesións prima sobre todo o contido do proxecto, mais do que as identidades dos promotores.

b) Transversalidade e subsidiaridade. É dicir: o programa Europa Creativa non cubrirá o financiamento total dos proxectos, senón unha porcentaxe que oscilará, polo xeral entre o 50 e o 70% dos mesmos. Polo tanto, cómpre contar con outras fontes de financiamento e probar que se ten acceso a elas na propia solicitude de axuda. En concordancia con isto, as axudas europeas son compatibles con outras subvencións públicas.

c) Contar con socios internacionais. Todas as modalidades dos programas teñen carácter transnacional, e as accións non poderán ficar restrinxidas a unha única rexión. Este requisito obriga a unha perspectiva internacional do traballo cultural, coherente coa liña do programa de contribuír ao desenvolvemento dunha identidade europea. Neste sentido Mar Nogueira lembrou a importancia de seleccionar os socios cos que se colabora, e algunhas das persoas que participaron en edicións anteriores do programa Cultura salientaron que o óptimo é contar con máis socios dos mínimos requiridos, para evitar que unha baixa de última hora acabe todo o proxecto.


Recomendacións
Canda a isto, tanto Paramio como Nogueira apuntaron aspectos de importancia para sumar puntos de cara a conseguir financiamento por esta vía.

  • Apostar pola sustentabilidade dos proxectos. É dicir,que estes poidan continuar unha vez que rematen as acudas.


  • Desenvolver ben desde o comezo todos os aspectos do proxecto. Non confundir flexibilidade con improvisación.


  • Bo dominio do inglés e da linguaxe da Unión Europea. Segundo Nogueira, cómpre que cando menos unha das persoas que presentan o proxecto teña un dominio do inglés e/ou do francés a un nivel de conversa, xa que nalgún momento será necesario falar do mesmo.


  • Palabra máxicas. Na mesma liña, Nogueira salientou unha serie de "palabras máxicas" que deberían facer parte de todo proxecto e que amosan a súa conexión cos obxectivos e ideas de Europa Creativa. Diversidade cultural, loita contra as discriminacións, desenvolvemento de audiencias, novos modelos de negocio e de xestión, circulación internacional, cohesión social e emprego, ampliación de canles de distribución ou cooperación intersectorial son algunhas das cartas que se deben xogar nas solicitudes.


A voz da experiencia
Desde as entidades que participaron na xornada e que obtiveron axudas en convocatorias anteriores dos programas culturas engadiron tamén os seus propios consellos.

  • Apostar por ideas orixinais.


  • Ter en conta que as institucións máis pequenas resultan tamén máis flexibles e con menos burocracia á hora de actuar como socias. En Escoitar.org, por exemplo, apunta os diferentes ritmos con que traballan universidades e asociacións como unha pexa que superar ao desenvolver proxectos conxuntos.


  • O apoio non ten que ser so financeiro. OQO, por exemplo, destacou a importancia apoio loxístico. Contar con entidades familiarizadas en se manexar con institucións europeas e en solicitar axudas pode facilitar enormemente o acceso a estas liñas de axudas.


  • Coidar os orzamentos. Mesmo despois de obter a axuda, hai unha supervisión importante sobre o cumprimento e o xeito no que se calcularon os gastos e os ingresos de cada proxecto.


  • Conectar co territorio. Mesmo a traballar en redes, cómpre procurar que estas teñan nodos nos que os proxectos estean ben inseridos no territorio. En Escoitar, por exemplo apuntan a necesidade de conseguir accións itinerantes, participación do público e conseguir que os proxectos falen de cousas próximas.


  • Aproveitar infraestruturas e actividades que xa existen. Conseguir que un encontro de prestixio internacional lle dedique un apartado ao proxecto é máis sinxelo do que crear unha xornada nova, e consegue máis impacto.