Europa Creativa abre as portas

As entidades culturais do país teñen ata marzo para solicitar as axudas europeas á cultura

Xornadas informativas por todo o país están a congregar representantes das máis variadas entidades culturais. O pasado venres era a Cidade da Cultura a que acollía un encontro no que se explicaron as bases e requisitos do programa Europa Creativa, aprobado este mesmo outono pola Comisión Europea. A aposta da UE pola Cultura abre as súas portas para Galicia e supón unha oportunidade fundamental para o noso tecido asociativo e as empresas creativas.

Europa Creativa é o nome do programa da Comisión Europea ata o vindeiro 2020 que substitúe e integra os antigos programas Cultura, Media e Media Mundus que estiveron vixentes ata 2013. Esta nova convocatoria, que abriu os seus prazos de presentación logo de longas negociacións, supón unha importante inxección económica para o sector cultural da UE. Nada menos que 1.460 millóns de euros aos que tamén poden optar, como non, empresas galegas. Dentro da xira de xornadas informativas que se están a desenvolver por todo o continente para dar a coñecer os obxectivos e requisitos destas novas liñas, a Cidade da Cultura acollía o pasado venres unha presentación do proxecto coa presenza de Augusto Paramio, responsable do Punto de Contacto Cultural do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e mais de Mar Nogueira, técnica de Asuntos Culturais Europeos da Consellería de Cultura e Educación. Canda a eles, representantes de OQO Editora, Escoitar.org e CampUSCulturae explicaron a súa experiencia con programas europeos e deron aos asistentes consellos para se enfrontar a estas convocatorias.

Cooperación
A xornada do pasado venres centrou as súas explicacións no Suprograma Cultura, que cobre catro grandes eixes de actuación. Os proxectos de cooperación marcan a primeira destas liñas, e pretenden favorecer a cooperación entre entidades culturais, xa sexan empresas, institucións, asociacións ou fundacións de todo o continente. Na convocatoria prevense dúas dimensións para esta liña a de proxectos que aspiran a un máximo de 200.000 euros de subvención (ata un 60% do orzamento, cun mínimo de 3 socios internacionais), e aqueloutros que optan a unha subvención de 2.000.000 millóns de euros, que esixen participantes de seis países e recibirán ata a metade do orzamento total.

Redes
Outra das liñas que cobre este Suprograma é a creación de redes en profesionais e entidades centradas en determinados aspectos da nosa cultural. De feito, segundo salientou Paramio, valorarase de xeito especial a aposta pola transversalidade na formación das mesmas. Aínda que centradas en ámbitos como a adaptación ás novas tecnoloxías, a capacitación profesional a innovación nos modelos de negocio ou na internacionalización, o representante do Ministerio sinalou que estas entidades teñen como un dos seus principais fins exercer como representantes de diferentes sectores culturais sobre as propias autoridades de Bruxelas. É dicir, o apoio ás redes prevé favorecer a constitución de lobbies de presión que defendan ante a UE a adopción de medidas favorables a diferentes sectores culturais.

Plataformas
As plataformas, que constiúen outra das liñas de apoio do subprograma, céntranse a diferenza das redes en xerar programación cultural. Así tours internacionais, eventos, exposicións, obradoiros ou coprodución fan parte deste eixe de traballo, que pretende favorecer a circulación de artistas e profesionais da cultura. A diferenza dos proxectos, estas accións contan cunha maior duración (tres anos mínimo) e esixen a participación dun mínimo de dez países, con achegas ata 500.000 euros anuais que poden cubrir ata un 80% do orzamento.

Tradución
Unha última liña destes proxectos céntrase nas traducións de obras de ficción, xa sexan de teatro, banda deseñada, narrativa ou literatura infantil realizadas por autores europeos. Os proxectos interesados en optar a esta liña (que, lembremos, non inclúe ensaio nin nada que non sexa ficción), inclúe tamén as accións de divulgación para dar a coñecer o traballo, e as obras subsidiadas deberán incluír unha breve biografía do autor. Ademais, tamén se cobre con esta iniciativa a tradución extractos de obras con vistas a elaborar catálogos que permitan a comercialización internacional dos traballos literarios, unha acción que hai xa anos se está a desenvolver desde o noso país e que agora poderá optar a esta nova vía de financiamento.

Cuestións pendentes: Subprograma Media e créditos
Cabe lembrar, no entanto, que a xornada do pasado venres deixou de lado o Subprograma Media. Este, centrado no audiovisual, as novas tecnoloxías e a creación de públicos, conta no entanto co maior quiñón no reparto de Europa Creativa, nada menos que un 56% dos fondos e seis dos dez puntos que resumen as iniciativas contempladas no programa. Estas axudas, que tamén teñen abro o prazo de presentación, son agardadas con ansias por un sector que viu nos últimos anos enmagrecer de xeito importante os apoios públicos, cobren aspectos como a formación de profesionais, a distribución de obras audiovisuais, a coprodución internacional, o desenvolvemento de audiencias, ou desenvolvemento de obras de ficción (incluíndo videoxogos). Outra cuestión destacada que fica aínda sen definir é o tamén agardado programa de financiamento para pequenas e medianas empresas creativas. Dotado cun 13% do orzamento total, o desenvolvemento desta proposta, que pretende favorecer o crédito para estas entidades, está polo momento conxelado, segundo explicou Augusto Paramio.

Desafíos internacionais e galegos
Nas bases do Europa Creativa, segundo se destacou na xornada do pasado venres, está o se enfrontar a desafíos propios do mercado cultural europeo como é a súa fragmentación. Para alén das múltiples linguas, a peculiaridades culturais dos diferentes países e rexións esixen respostas para conseguir a viabilidade e a internacionalización dos proxectos e produtos culturais. De xeito paralelo a isto, o novo programa pretende favorecer o acceso á cultura de novos públicos, atendendo a persoas e grupos en risco de exclusión social, muller e colectivos inmigrantes, que en moitas ocasións fican afastados do mercado cultural convencional. A nivel galego, segundo destacou Mar Nogueira, está o reto de conseguir un maior liderado nos proxectos nos que participan as entidades do país. Segundo desvelou, no anterior programa Cultura, só nun 25% dos proxectos nos que participaron entidades galegas houbo líderes do noso país, e estes eran públicos e privados nunha proporción similar. Estes proxectos obtiveron en total 15.340.000 euros (non todos para o noso país). Como outro desafío, Nogueira sinalou a necesidade de incrementar a participación de axentes privados no programa, xa que na maior parte dos casos os parceiros galegos que participaron nos proxectos eran parte da administración.

A convocatoria actual
Un dos problemas que presenta a convocatoria aberta actualmente pola aprobación tardía do programa é que o prazo para optar ás axudas remata en marzo (e abriu en decembro de 2013). Aínda que por esta situación as accións subsidiadas poderán desenvolver ata o vindeiro mes de decembro de 2014, está claro que os prazos son moi axustados para iniciativas como os proxectos de cooperación cultural, que deben buscar socios internacionais nun prazo moi breve. A partir deste ano prevese que as convocatorias ata 2020 vaian saíndo en outono cada ano, cun prazo de presentación ata marzo do seguinte ano e o comezo das actuacións correspondentes en maio.
Presentación de Augusto Paramio a explicar as bases de Europa Creativa.
Flyer do programa Europa Creativa.
Presentación do programa no web de Europa Creativa (en inglés, 20 mb).