Pequenas editoriais viven e triúnfan cubrindo ocos de mercado pouco convencionais

Outros xeitos de editar

A paisaxe editorial en Galicia é inmensa e variada. Ata setenta e cinco empresas e asociacións centran a súa actividade en publicar libros. Aínda que só coñecemos as máis grandes, existe toda unha serie de pequenas iniciativas que ofertan modos diferentes de ver o libro e o mundo da edición, con formas innovadores de organizacións ou que se especializan en temas concretos e mesmo en zonas xeográficas. Son outros xeitos de editar.

A pesar de ser coñecida e estar ben situada no mercado, a empresa Edicións Positivas presenta unha peculiaridade da que non todos os seus lectores son conscientes. A cuestión é que Positivas é unha iniciativa unipersoal; todo o traballo de edición das obras realízao exclusivamente Francisco Macías, o seu director. E dá feito co traballo e ata saca para ir vivindo, a pesar de que el quere aclarar que “aínda que soe a tópico, Positivas tamén é dos lectores, e de moita xente que axuda”. O comezo do camiño da editora foi aló polo 90 coa colaboración de Xelís de Toro, pero logo de dous anos a emigración deixou a Macías só coa empresa. A idea era publicar “obras moi actuais, fuxindo da metaliteratura e do culturalismo”, e chegando a traducir ata a metade da producción. “Ningunha editorial galega publicaría hoxe a Bukowski”, sinala. El si se atreveu con “Toca o piano borracho como un instrumento de percusión ata que os dedos empecen a sangrar un pouco” na colección Di-Versos.



Cuestión de querer

A vontade deste home foi tamén a que permitiu que se visen en galego obras coma “Os Papalagui”, “As once mil vergas” ou as edicións facsímiles do “Diario de Adán” e o “Diario de Eva” de Mark Twain. Tamén foi el quen promoveu o I Premio de Narrativa Erótica no 2001 e abriu coas obras gañadoras a colección “Narrativas quentes”, que terá continuidade coa segunda edición do concurso e con “As proezas dun xove Don Xoán” de Apollinaire. O compromiso co país deste berciano amósase tamén no seu empeño por publicar “Anima+l. Revista cultural para todas as especies” unha publicación que mestura a reflexión coa creación nos máis diversos eidos, fotografía, música, literatura... Dos setenta libros publicados, Francisco Macías queda con “Poesía última de amor e enfermidade” de Lois Pereiro, que “abriu vías novas na lírica en Galicia aínda que non ten ningún recoñecemento oficial”. Os seus vindeiros proxectos son, ademais dun novo número de “Anima+l” a publicación dun volume de contos persas que continúa a serie aberta recentemente coas antoloxías de contos hindús e xitanos.



A arte tamén existe

A idea inicial cando se creou Nova Galicia Edicións en 1984 era “dar a coñecer a cultura galega no exterior”, sinala o seu director, Carlos del Pulgar. Para isto comezaron tirando edicións facsímiles de publicacións históricas coma “A Nosa Terra”, “A Fouce”, “O Tío Marcos d`a Portela” ou “Nós”. No 92 comezaron a pensar nunha colección sobre artistas galegos, xa que desde a empresa detectaran que “a pintura galega estaba sen recuperar, había moitos artistas descoñecidos e as únicas publicacións que existían eran os catálogos de exposicións”, e puxéronse mans á obra. Cinco anos despois comezaba a edición de “Artistas Galegos. Pintores”, unha serie de luxosos volumes a toda cor que reproducían as obras dos nosos principais creadores neste eido, realizando unha aproximación sistemática á historia da pintura do país. O alto prezo de cada un destes tomos, arredor de 170 euros, fixo que a editora abrise unha liña de financiamento para os clientes que permitiu que se esgotasen os 5000 exemplares dalgúns dos volumes. Un convenio coa Xunta permitiu ademais que estes libros estean presentes na maioría dos centros de ensino do país.



Exportando pintura

Xa no 98 nova Galicia iniciou a súa aventura exterior, “en 1998 foise á feira de Arxentina por experimentar e sorprendeu que aínda que a colonia galega non estaba moi entregada co libro galego, outras distribuidoras si se interesaron no proxecto”, sinala Del Pulgar. Desde entón, as visitas a feiras internacionais son comúns para este editor, que visita cada ano dez ou doce, coma as de Bos Aires, Colombia, Londres, Frankfurt, ou a bienal de Río de Xaneiro. Deste xeito, conseguiuse que ata o 43% da facturación da empresa proveña da exportación a 21 países diferentes. Onda “Artistas Galegos” a empresa tamén edita en varios idiomas a serie “Nova Galicia Arte” na que recolle obras de pintores universais, e acaba de estrearse no mercado infantil con “Enredos e xogos”, unha caixa que incluía xogos, contos e un CD para os máis pequenos. Logo de publicar no 2002 os primeiros tomos das series dedicadas á arquitectura e á escultura, durante o presente ano agardan continuar “Artistas Galegos” con seis novos volumes. Tamén abrirán en breve a serie “Arte de Galicia e Norte de Portugal”, que recolle o patrimonio artístico común desta histórica rexión. Sobre a escaseza de publicacións de arte no noso país, Del Pulgar sinala que ”dá a sensación de que hai medo nas editoriais porque o nicho de compradores é menor, pero nós en cambio pensamos que o mercado galego e os galegos temos interese pola arte e por cousas ben feitas”.



Páxinas para a comarca

Edicións Embora comezou cunha publicación periódica gratuíta, “Crónica de Ferrolterra” en 1993, un proxecto que resultou pouco viable comercialmente. Os seus promotores lanzábanse ao mundo editorial tirando “Ferroláns” no 97. Este volume viña sendo, segundo Miguel Toval, un dos autores da iniciativa “unha especie de diccionario de ilustres paisanos que funcionou moi ben”. O éxito animounos a continuar a serie “Biblioteca de Ferrolterra”, e logo de pechar a revista en 1999 centraron a súa actividade na edición convencional, pero dirixida a un mercado tan concreto como é a comarca de Ferrolterra. Segundo sinalan eles mesmos, “este era o terreo que mellor coñeciamos. Ademais, a producción bibliográfica en Ferrol sobre temas locais xa era alta antes de que nós chegaramos, simplemente sistematizamos o traballo, achegamos profesionalidade e fomos gañando terreo á edición de autor e, incluso, á institucional”.




Desde Ferrol para o mundo

Deste xeito, a editorial veu publicando estudios históricos, libros de antropoloxía e ensaios sobre a vida e obra de persoeiros da comarca. Mesmo se lanzaron con novelas e poesía “que, cando é o caso só teñen que ver con Ferrol de casualidade”. Un dos seus últimos e máis curiosos lanzamentos foi o de “El ferrolano. Un estudio del habla local”, volume que analiza as peculiaridades do castelán que se fala na zona. As obras que edita Embora teñen unha tirada mínima de 750 exemplares, e poden chegar aos 2.500 en sucesivas reimpresións. A maior parte do mercado da empresa atópase na propia comarca, e Toval destaca que “fóra de Ferrol a distribución é un lastre. Temos mellores distribuidores en Salamanca que en Galicia e temos compradores de sitios realmente afastados”. A pesar do bo funcionamento da edición comarcal, desde Embora queren expandirse a nivel galego e proxectan unha colección de ensaio, unha de clásicos da literatura e unha terceira de bibliofilia.