A historia mergullada

Un libro e un documental repasan a pegada do encoro de Belesar no seu 50 aniversario

A pegada que deixou o encoro de Belesar foi moi para alén de asolagar unhas poucas aldeas onda o río Miño. Esta obra agocha unha historia con fíos que alcanzan ata a gastronomía das festas de San Froilán, e alterou drasticamente o clima, o patrimonio e o xeito de vida de toda unha comarca. Un libro e un documental amosan as descoñecidas historias que fican por tras desta presa cando se cumpren cincuenta anos da súa posta en marcha.

En setembro de 1963 remataban as obras da presa de Belesar. Un muro de 137,5 metros interrompía o curso do Miño e provocaba que a auga comezase a subir, cubrindo terras de cultivo, aldeas e toda unha paisaxe e un xeito de vida. En total, o encoro ten hoxe unha extensión de 1.910 hectáreas e a súa cola chega a 50 quilómetros, pero tendo en conta a pendente das terras situadas por baixo do nivel da auga, pódense cifrar ata en 5.000 o número de hectáreas de terreo afectadas pola obra. Con aquelas hectáreas quedaron tamén mergulladas moitas historias, patrimonio e mesmo vidas, sen que ata o de agora se coñecese polo miúdo o alcance real desta obra. O pasado mes de agosto, Alfonso Eiré presentaba Belesar, o orgullo de España, un exhaustivo estudio que aborda múltiples aspectos descoñecidos dunha obra que mudou a cara de Galicia.

Documental
O documental Asolagados, pola súa banda, naceu da man dun grupo de traballadores da televisión local de Chantada, que contaron tamén co apoio de Eiré para o guión. En 2011, con motivo de obras na presa, a auga diminuíu ata niveis inéditos, deixando á vista por vez primeira en case 50 anos numerosas aldeas e construcións. Segundo explica David Vázquez, o director do filme, a coincidir con este feito “comezamos a cubrir o tema como noticias, pero axiña vimos que daba para moito máis”. A base de falar cos veciños, o equipo foi descubrindo que había moita historia descoñecida. “Eu vivo ao carón do embalse e os meus pais contábanme cousas, pero non pensaba que houbese tanto”.

Segredos
Entre os segredos que, ata o de agora, agochaba o encoro e que agora saen á luz grazas a estes traballos, estaba mesmo o número de lugares afectados pola auga. Mentres a cifra oficial no seu día era apenas de once, no reconto realizado por estes investigadores a cifra subiu moito. “Non había unha catalogación de cantos lugares quedaron sepultados”, explica Eiré. “Eu contei 26, indo parroquia por parroquia. Nalgúns concellos nin o alcalde sabía cantos foran”. Tamén sen cuantificar están os efectos humanos da obra. “Houbo polo menos doce persoas que morreron co desgusto de perder as súas terras, e nas obras, que transcorreron nun tempo marca de 36 meses, tamén houbo mortos”. Algo que este investigador salienta, e que tampouco era recoñecido, foi a existencia de presos políticos entre a man de obra. “Mesmo a xente que traballou alí non sabía que había presos”, sinala.

Sorpresas de paisaxe e de clima
Entre as cousas que máis sorprenderán a quen se achegue ao documental e mais ao libro, será descubrir que o fondo de Belesar non son vales entre montañas. O propio Vázquez se declara impresionado ao sinalar que “era todo chan, unhas chairas tremendas. Eu cría que era todo empinado”. Do mesmo xeito, Eiré fala de “praias enormes, de ata 100 metros de longo por 18 de ancho, e calas grandes”. E é que, contrariamente ao que se dixo cando se construíu, o encoro levou por diante algunhas das mellores terras da zona. “Houbo soutos grandísimos de castiñeiros que quedaron embaixo, moitas terras dedicadas ao viño ou mesmo un pazo que chegara a ter, daquela, ata 18 ou 20 vacas”. Vázquez apunta que “toda a xente di que o mellor viño da zona estaba nesas terras, e que había un clima espectacular. Mentres en Chantada había xeadas, alí xa estaba a dar a horta, había sitios que lles chamaban a Segunda Valencia”. Para alén das áreas directamente asolagadas, a masa de auga resultante da obra deu tamén en mudanzas climáticas na contorna. “Aínda está sen cuantificar o que significou a nivel económico as néboas que hai arredor do encoro ou mesmo os terremotos da zona, que non se producían ata que comezou a se encher Belesar”, advirte Eiré.

A cultura do río
E é que, canda á produción agrícola, o asolagamento acabou tamén cunha importantísima cultura fluvial e con moitos oficios artesáns. “Eran auténticos mariñeiros de auga dóce, o xeito de vida ao pé do río era espectacular”, lembra o director do documental. “En 53 quilómetros, entre Belesar e Portomarín, non había pontes, e a xente movíase en barcas. Iso desapreceu”, explica Eiré. Ademais de persoas, o río acollía tamén un importante tráfico de mercadorías. “Levábanse uvas, esterco, pero tamén madeira con gancheiros, ata un lugar chamado a balsa, que quedou a tres quilómetros do encoro”, explica o autor libro. Lembra Vázquez tamén que entre os oficios vencellados ao río “mesmo había un señor que era areeiro, que collía area no río e logo vendíaa para as obras”.
Gastronomía, ecoloxía e economía
A influencia deixouse sentir tamén na importancia pesqueira da zona, o cal tivo repercusións ata na gastronomía da provincia. “As pesqueiras de salmón e sobre todo de lamprea e de anguía eran impresionantes. En Lugo, no San Froilán o tradicional era comer anguía como prato típico, non polbo”, explica Eiré, algo que mudou logo do encoro. Na mesma liña salienta a riqueza ecolóxica da zona, a apuntar a abundancia de especies como o mexillón de río ou o lagarto ocelado que, segundo sinala, na actualidade son difíciles de atopar. A influencia na economía tamén foi importante aínda que pode ser dificil separar os efectos directos do encoro daqueles vencellados ao despoboamento rural. Segundo destaca este investigador, tanto Chantada como Portomarín contan agora con menos poboación que no momento en que se pechou Belesar.

O patrimonio que se perdeu
A pegada patrimonial do asolagamento provocado polo encoro está aínda por calcular. A nivel de pezas históricas relevantes, Eiré apunta edificios como a Casa de Soto entre outros pazos e casas grandes ou as igrexas de San Pedro en Portomarín, a de Portomeñe ou a de Porto Mourelle, sen esquecer os restos do poboado de Castro Candaz. Na práctica “o único que se salvou foi a igrexa de Portomarín, que a trasladaron. E logo a vila, que na realidade se construíu a partir dun proxecto de fóra que non tiña pés nin cabeza. Aos veciños nin lles deixaran terreo para hortas, e tiveron que protestar ata que o conseguiron”. O feito de que o lugar fora declarado Conxunto Histórico Artístico quince anos antes explica o trato diferenciado que recibiu por parte das autoridades neste sentido. “A min impresionoume ver os hórreos aínda ergueitos nas aldeas mergulladas, e as casas mesmo cos teitos. Ata hai árbores que están intactos, aínda que sen follas, é unha paisaxe desoladora e enigmática”, sinala Váquez.

A resistencia
Para alén de todas estas peculiaridades, o de Belesar é tamén un encoro particular porque foi o último construído en Galicia no que non se deu unha resistencia organizada durante o Franquismo. “Isto non quere dicir que non houbese resistencia. Mesmo o alcalde de Chantada presentou un recurso porque nin lles pediran permiso para a construción. Malia ás presións, mantívoo e gañou, aínda que logo o substituíron por un home de Fenosa”, lembra Alfonso Eiré. As dificultades de comunicación entre aldeas e vilas no momento poden explicar a ausencia de maiores reaccións entres os habitantes da zona. “Había moita incomunicación. Moitos, mesmo logo de estar afectados, embargados e de ter cobrado, non sabían cando ía chegar a auga, e houbo casos que mesmo lles sorprendeu e tiveron que marchar co que apañaron”, explica Vázquez. “Os que estaban máis preto do muro sabían cando se ía fechar, pero entre os que nin chegaran a velo algúns non crían que chegase a auga ata que a viron”.

Obra pioneira
Non todo é negativo en Belesar. Eiré salienta a importancia da propia presa como obra de enxeñería. “Foi a presa máis alta de Europa cando se construíu, e resultaba moi anovadora pola súa bóveda de dobre curvatura, que xa se ensaiara no Eume a menor escala. Isto permitiu facer encoros cunha base máis pequena e abaratar moitísimo os custos”. Esta mesma innovación explica tamén que a presa, chamándose Belesar non se sitúe nesta localidade. “Estaba prevista para Belesar, pero a nova construción permitiu facer o muro de 137 metros que ten e trasladouse”, lembra Eiré. O enxeñeiro Luciano Yordi de Carricarte foi o responsable do deseño, que contou co apoio do xeneral Castelón de Mena. Este, ademais proxectou tamén os edificios anexos ao muro, entre ele “un remedo da Casa do Fascio de Mussolini mandara construír onda o Lago Como”, segundo descubriu o investigador.

Xardíns e impactos
Algo que sorprende na actualidade é saber que o encoro estivo no seu día rodeado por coidados paseos e xardíns. “Había doce quilómetros de xardíns con farois, coidados por vinte xardineiros, unha fonte luminosa, pavillóns e chalés para os enxeñeiros, que tiñan luxos como televisións a cor”. Todo un conxunto que se deixou decaer cando a Fenosa foi absorbida por Unión, pero que “nos primeiros anos foi máis visitado do que a catedral de Santiago”, segundo salienta Eiré. Fóra disto, poucos foron os efectos positivos da obra na contorna. “Houbo subcontratistas que se fixeron ricos, e algúns que traballaron alí tamén sacaron cartos, pero non quedou industria”.

Testemuñas
Malia ao esquecemento, as feridas desta obra fican aínda vivas en moitas persoas. “Cando presentamos o documental en Chantada vimos xente a chorar. Mesmo os que aparecían mais serenos cando os gravamos, que semellaba que non lles importaba, ese día viñan onda ti e dicíanche que xa podían morrer tranquilos”, lembra Vázquez. Logo da presentación inicial, comeza a xira de Asolagados por festivais citas. “Se alguén quere que se proxecte nalgún lugar, sempre que haxa un certo quórum, levarémolo. A nosa intención é que se saiba o que pasou aquí”, sinala o director.