Música para descubrir o patrimonio

Espazos Sonoros inicia a súa VI edición con drásticos recortes no orzamento

Actuación de Huelgas Ensemble en Espazos Sonoros 2010
Actuación de Huelgas Ensemble en Espazos Sonoros 2010
O pasado domingo o grupo Il Combattimento abría na igrexa de San Salvador de Camanzo, Vila de Cruces, a VI edición do Ciclo Espazos Sonoros. O proxecto encara unha nova edición con grandes reducións no seu orzamento mais tentando manter, malia ás transformacións vividas nestes anos, o seu espírito de divulgación musical e patrimonial.

A iniciativa comezou en 2008 desde a colaboración do equipo que leva o encontro coa Consellaría de Cultura. “A idea era unir patrimonio e música antiga, clásica, contemporánea, de cámara ou de órgano. Buscábamos un ciclo que fose atractivo para públicos que normalmente non consumen este tipo de música”, explica Belén Bermejo, directora artística da iniciativa. Para alén de público, o programa chega tamén a lugares nos que non é habitual unha programación deste tipo. “Trátase de facer unha programación descentralizada, chegando a pequenas vilas e tentando descubrir espazos novos”. Ademais, “sempre tentamos buscar espazos descoñecidos ou outros que sendo coñecidos para o público adquiran un novo valor coa música”.

Lugares
Nestes anos, foron máis de medio cento os espazos sonoros que fixeron parte do programa. “Nalgúns repetimos, por exemplo no Museo do Mar, pero foron poucos”, lembra Bermejo. Atopar lugares de interese patrimonial que ademais sexan axeitados para actuacións non é unha tarefa sinxela. “Ao ser algo descentralizado, complícase moito a produción dos concertos”. Ademais, “teñen que reunir unhas mínimas condicións para que os músicos e o público estean cómodos”. Isto implica moitas viaxes e moitos contactos. “Os titulares sempre nos ceden o espazo gratuitamente, invadímolo durante unha xornada ou dúas a cambio de nada”, explica.

Sons
Para alén dos espazos, tamén a busca de grupos para o programa ten a súa complexidade. “Buscamos calidade artística e propostas singulares”, explica Bermejo. “Tentamos servir de plataforma para proxectos que se fan en Galicia, que teñan un marco digno para presentar propostas de calidade”. Canda a isto, “contamos tamén con formacións foráneas que están no cartel convivindo coas galegas”. Así, para esta edición, a directora do proxecto destaca a actuación que os ingleses Gothic Voices farán na igrexa de Armenteira, en Meis. “Son un grupo de referencia a nivel mundial e é un luxo telos aquí”. Canda a eles, Marcos Teira, Odaiko Percussion Group, Caxade ou DandyLady son algúns dos nomes que fan parte do programa.

As mudanzas
Malia a que conserva o nome, o concepto e o formato, Espazos Sonoros sufriu enormes mudanzas nos seus seis anos de existencia. Dun máximo de 88 concertos na súa segunda edición, ata os 10 da actual, as dimensións da iniciativa alteráronse enormemente. “O proxecto foise adaptando ás circunstancias económicas. Levamos dúas ou tres edicións con reducións drásticas de orzamento e tirando de ideas e de moita vontade. Na actualidade seguimos vivos, pero desde logo non ten que ver coas condicións coas que comezamos”.

Crecemento
Aínda que pode semellar contraditorio e malia á enorme redución do seu programa, o ciclo non deixou de medrar estes anos. Así fóronse incorporando actividades paralelas, en moitos casos de baixo custo, que complementan os recitais e permiten novos xeitos de se achegar ao patrimonio. “Este ano tentamos reforzas esas actividades paralelas. Temos visitas guiadas previas aos espazos dos concertos e mais á contorna, obradoiros musicais que permitan entender mellor a música antiga e contemporánea”. Así, haberá unha visita ao Castro de Baroña, acompañada dunha conferencia sobre O fenómeno sonoro na cultura castrexa e tamén se visitarán o museo do Castro de Viladonga ou os muíños de marea de Muros. Desde 2012 o proxecto desenvolve as roldas pola paisaxe organística que, en colaboración co proxecto de catalogación de órganos históricos, percorre diferentes zonas do país visitando estes instrumentos. “O ano pasado estivemos na Mariña e este ano percorreremos algúns dos máis interesantes de Ourense, poderán verse de preto e escoitar como soan”.

Momentos para lembrar
Con tantos concertos e localizacións acumuladas no é de estrañar que sexa difícil para os organizadores seleccionar momentos destacados nesta iniciativa. Logo de o pensar polo miúdo, o equipo recoñece que “hai lugares onde se dá unha conxunción entre o lugar, a música, a acústica e sobre todo o ambiente que dan situacións moi especiais”. Así, destacan por exemplo que “O convento de Herbón, onde estivemos dous anos, deixounos unha grande pegada, non só polo lugar senón pola colaboración das asociacións que traballan alí e o cariño co que nos acolleron. Tamén os músicos sinalaron que fora unha experiencia única”. Outro momento “foi o concerto do grupo Huelgas Ensemble en Santiago. Ten moita calidade artística, estiveron a mirar como optimizar a acústica e ao final puxéronse en círculo na nave central co público arredor e soou estupendamente. Como espazos pendentes para este ciclo, a directora apunta que “sempre visitas lugares nos que pensas que sería interesante facer algo. Penso por exemplo en todos os órganos que hai en igrexas e que nos gustaría ver restaurados para os poder empregar nalgún concerto”.

No festival non son moi optimistas sobre o seu futuro. “Non se presenta moi bonito. Os proxectos poden sobrevivir un tempo a base de voluntarismo, pero chega un momento no que hai que pensar como seguir adiante. Sen patrocinios as iniciativas culturais poden chegar a morrer”, admite Belén Bermejo.
Programa de Espazos Sonoros 2013.
Ligazóns