As actividades reinan en Viñetas

O programa oficial mantén a súa dimensión mentres medran de xeito espectacular as propostas paralelas

Os libreiros especializados, a Asociación de Profesionais da Ilustración, a Feira do Libro, as Bibliotecas Municipais e o propio Concello son algúns dos axentes que contribúen ao impulso que as actividades están a acadar en Viñetas desde o Atlántico. A seguir o ronsel dos últimos anos, a descentralización reina nun encontro que mantén a súa magnitude en canto á nivel e cantidade de autores convidados e que espalla o seu impacto pola cidade.

O web de Viñetas desde o Atlántico anuncia para esta XVI Edición, que comezou este 5 de agosto, as propostas xa habituais neste encontro. Autores de primeira fila como David Aja (recente premio Eisner), Baru, Frank LeGall, Jan ou Max manteñen o nivel dunha cita que conta con nomes como Enrique Fernández, Susanna Martín ou Fausto Isorna entre os seus convidados. Os mesmos participarán en nove conferencias, diferentes sesións de sinaturas e encontros profesionais con autores galegos. Ademais, claro está, de protagonizar cadansúa exposición, ás que se suman unha colectiva sobre o mar a través da BD (no Aquarium Finisterrae), un panorama da BD Galega e outra sobre o Supergrupo de Jan. Segundo apunta o director do encontro, Miguelanxo Prado “penso que o que é o núcleo duro do festival, que nos dá proxección cara a fóra, quedou garantido, e que a escolma de autores deste ano é clara neste sentido”.

Así, o programa oficial mantén de xeito máis ou menos inalterable a súa fasquía, mentres que se potencia desde o Concello o programa de iniciativas arredor do evento. “Colleu moito pulo desde o ano pasado que o coordina Manel Cráneo”, recoñece o director do evento. “Nese sentido penso que esta é unha edición moi completa, na que se equilibran as propostas para o público xa máis convencido e as actividades para persoas que ao mellor non teñen un interese específico pola banda deseñada pero que poden atopar cousas do seu interese”.

Máis axentes
De xeito paralelo, multiplícanse os axentes que achegan as súas propostas desde ámbitos máis ou menos achegados á novena arte, conformando un programa inabarcable. E é que existe un nutrido fandom coruñés e galego arredor de debuxos animados e cultura contemporánea xaponesa, xogos de rol e de mesa e todo tipo de propostas lúdicas, como verifican as visitas a citas como Expotaku e Hobbycon, que se celebraron nesta mesma cidade. As propostas de actividades no festival, para alén das promovidas pola organización chegan moitos casos da man de afeccionados organizados en diferentes colectivos, asociacións como a AGPI ou dos libreiros que participan cos seus postos. A creación de figuras pixeladas mediante a técnica do hama, torneos de xogos de cartas, concursos ou os xa habituais certames de cosplay e karaoke están presentes no evento. “O que está a acontecer é o que nós agardabamos desde practicamente a segunda edición. Desde o primeiro momento quixemos ser un espazo aberto na relación do festival coa cidade, e que puidesen participar galerías, asociacións e mesmo o sector hostaleiro”, apunta Prado. “O proceso foi moito máis lento do que agardabamos, pero benvidas sexan todas estas cousas. O que queriamos desde o comezo era ir espallando o festival e na medida do posible ocupar a cidade”. Dentro desa ocupación non cabe dúbida de que a rede de bibliotecas municipais actúa como unha poderosa punta de lanza. Unha intensísima programación ao longo de todo o mes inclúe mostras bibliográficas sobre diferentes temas, proxeccións, obradoiros, encontros con autores ou un mercado de segunda man entre outras propostas, tanto nas diferentes bibliotecas como no propio espazo de festival.

Orixinalidade e creatividade
A orixinalidade á hora de se achegar á BD pode observarse en propostas como o obradoiro de cociña e banda deseñada ou as actuacións do grupo musical Os Superheroes, que se desenvolverán diariamente en diferentes espazos da cidade. Tamén é de salientar o Combate de Debuxantes que se celebrará o vindeiro xoves ás 21h no local The Room e no que participarán, debuxando ao vivo, autores como Guitián, Diego Blanco, Luís Sendón ou Xurxo G. Penalta. Pola súa banda, Jacobo Fernández realizará un mural na rúa Pontejos con temática centrada na banda deseñada, e desde a Asociación Galega de Profesionais da Ilustracións coordínanse propostas como sacar á rúa a debuxantes para debuxar nos seus cadernos. Canda a isto semella haber un especial interese por promover a creación. José Domingo, Yago Rodríguez, Nuria Díaz ou Pablo Otero son só algúns dos autores que traballarán diferentes aspectos da elaboración dunha BD e do deseño de personaxes e que pretenden chegar a preto de 200 participantes. A esta súmanse propostas como o Laboratorio creativo de cómic, que busca fomentar a experimentación coa linguaxe da novena arte, obradoiros de humor gráfico, narración cinematográfica ou un sobre o a conxunción de BD e arqueoloxía.

Coincidencia coa Feira do Libro
Por vez primeira, nesta edición os espazos de venda, aínda que separados, están integrados coa Feira do Libro, o que motivou reservas en boa parte dos libreiros e dos afeccionados. Segundo Prado “esta proposta do Concello permitiu libertar a organización do traballo desproporcionado que supuña xestionar os postos. Agora lévao todo directamente a Federación de Libreiros, e haberá que ver como funciona. Entendo que botar 11 días pode ser tempo de mais para moitos libreiros, pero hai que darlle tamén oportunidade aos coordinadores, hai que pensar que nós estivemos quince anos pulindo o sistema e non se pode pretender que agora todo funcione á primeira. Eu son optimista e penso que é bo que probemos un novo sistema”. A integración deu tamén nun certo reforzo na programación que lle dedica a Feira á BD, con propostas arredor da novena arte e mais da ilustración como encontros con autores ou obradoiros. Segundo apunta Juan Carlos Sanmiguel, responable de Alita Cómics e da delegación coruñesa da Federación de Libreiros, “tentamos que exista unha simbiose entre todas as actividades, temos que intentar que a xente que pasa pola feira se achegue tamén á banda deseñada. Haberá cousas que teremos que ir pulindo. A min por exemplo dáme mágoa non poder participar na Feira do Libro, ir ás dúas feiras simultaneamente supón duplicar esforzos”, explica.

Menos edición
A seguir a tendencia nos últimos anos, Viñetas está a deixar de concentrar os lanzamentos editoriais galegos. Para alén do importante descenso no número de fanzines activos, nin colectivos de afeccionados nin editoras semellan agardar pola cita coruñesa para presentar as súas novidades. Así, este ano destaca de xeito especial a presentación de Oink!. A revista de Xabarín Club, un ambicioso proxecto que conta cunha nutrida presenza de autores galegos de BD. Canda a isto, o volume colectivo A banda de Moebius dará a coñecer os traballos dos alumnos do primeiro curso da escola de O Garaxe Hermético, a escola que dirixe Kiko da Silva. A nivel de fanzines, o Colectivo Miñoco presentará a edición dixital do Compota de Manati, e desenvolverá un obradoiro de creación que pretende elaborar, ao longo do festival, unha publicación. Segundo recoñece Sanmiguel, “semella que nos últimos anos hai menos fanzines e máis xente que aposta por vender debuxos orixinais ou serigrafías en series limitadas”.
En todo caso, segundo apunta Prado, “as cousas vanse movendo, o cal ten mérito. Eu estou moi contento co resultado final, porque nun momento de contracción como no que estamos, inicialmente as cartas que tiñamos podían apuntar ao contrario”. Os interesados en coñecer este mundo teñen ata o vindeiro 11 de agosto, e poden visitar as exposicións ata o 4 de setembro.