Abrir fábricas e cadeas

Iniciativas na Coruña e en Vigo reivindican usos socioculturais para edificios senlleiros

Acción directa. Valorización de elementos non protexidos pola administración. Actuacións independentes ou mesmo contra as autoridades. As reivindicacións sociais arredor da Panificadora en Vigo ou o Proxecto Cárcere na Coruña resultan reveladores das novas tendencias que se están a dar arredor do patrimonio na nosa sociedade.

En 1980 deixaba de producir a Panificadora de Vigo, un complexo industrial que se comezou a construír nos anos 20 ao carón do casco histórico da Cidade Olívica que desde aquela se mantén en pé e encarando un lento proceso de ruína. Pola súa banda, en 2009 fechaba definitivamente as súas portas o Cárcere da Coruña, logo de funcionar varios anos como centro de inserción social. O edificio, inaugurado en 1927 ao pé da Torre de Hércules, iniciaba entón a súa propia e demorada ruína. No entanto, nos últimos anos xurdiron arredor dos dous casos plataformas cidadás que reivindicaban novos empregos para estes espazos e proclamaban a súa importancia patrimonial e arquitectónica. Entremos na Panificadora, desde Vigo, e Proxecto Cárcere, na Coruña, amosan o interese de colectivos de base por situar no foco público a necesidade de reutilizar, protexer e decidir de xeito democrático cal debe ser o futuro de edificios coma estes.

Olladas foráneas
As iniciativas foráneas son un exemplo no que se inspiran os promotores das dúas propostas “Nunhas xornadas sobre novas formas de xestión cultural que houbera na Coruña coñecemos varios exemplos de factorías culturais en Barcelona ou en Austria, antigos edificios industriais que se recuperaban para actividades. E entón pensamos na cadea”, lembra Xosé Lado, voceiro do Proxecto Cárcere, quen recoñece que “desde a asociación de veciños de Monte Alto xa se viña reclamando que o lugar revertese no barrio cando quedase baleiro. Nós o que fixemos foi desenvolver un movemento específico”. Se este proxecto arrincou cara a 2010, a proposta da Panificadora botou a andar en 2009. “Naquel momento estaba previsto demolela case totalmente e facer un proxecto urbanístico desmesurado. Entón xuntámonos un grupo de xente que queriamos denunciar esta situación e dar a coñecer a propia fábrica e reivindicar as súas posibilidades”, explica Uxío Reinoso, voceiro de Entremos na Panificadora. “Noutros lugares as administración xa collen un edificio, como foi o caso de Caixaforum ou da Panificadora en Barcelona ou do Matadero en Madrid. Ou é a sociedade a que o ocupa e o pon en marcha, como na Kukutxa de Bilbao”.

Apoios teóricos
A priori, as reivindicacións dos dous colectivos contan co apio dos respectivos gobernos locais, un soporte que non se traduciu polo momento en accións concretas. No caso da Coruña, “no concello din que a iniciativa parécelles moi ben, e que teñen intención de recuperar o espazo, mais fica pendente por pagar un convenio con Institucións Penitenciarias, que é a entidade propietaria do edificio, e mentres non se pode facer nada”. No caso vigués, a recuperación e conservación da fábrica chegou mesmo a ser aprobada nun pleno. “Xa en outubro de 2010 se comezou a falar de que non se podía continuar con aquel proxecto urbanístico e que había que conservar o conxunto. Nun pleno aprobouse mudar o planeamento neste sentido. Iso chegou despois á Xerencia de Urbanismo e iniciáronse os trámites, pero hai como dous anos que tiñan que presentarlle á xunta un proxecto provisorio e iso aínda non se fixo. O Concello tampouco se preocupou desde entón de mover esta cuestión ou tentar involucrar outras entidades, e polo momento nin sequera se chegou a catalogar en ningún ámbito”, lembra Reinoso.

A urxencia
A demora nas accións de recuperación ten, como non, efectos nuns conxuntos que permanecen baleiros e que sofren un deterioro acelerado. No caso da Panificadora “a parte na que se conservaban os arquivos ardeu en 2008 e perdeuse todo o material documental que había alí. Agora chove e hai moitas filtracións que están a estragar a maquinaria que está alí e mesmo o formigón, está a se deteriorar a pasos axigantados”. Canda a isto, outras zonas están en mellor situación. “Os almacéns ou a fábrica de penso teñen os vidros rotos e algunhas filtracións de auga, pero en xeral non están mal. O que acontece tamén é que os propietarios están interesados en que se declare como ruína”. Na cadea, “O risco son as cubertas, que poden vir abaixo nalgunhas partes e é o que máis se está a deteriorar. As xanelas e outros elementos están esnaquizados, pero a estrutura mantense en bo estado”.

Acción e reivindicación
Un dos puntos en común que teñen os dous proxectos é o empeño por desenvolver unha reivindicación que ao tempo implica accións sobre o patrimonio, incluíndo accións puntuais de limpeza ou coidado. “Tentamos amosar que se poden facer cousas interesantes, non de xeito teórico, senón plasmándoo na realidade”, explica Lado desde A Coruña. No seu caso, o mellor exemplo foron as xornadas que se fixeron desde o proxecto na propia cadea. “Xusto antes do cambio de goberno municipal deixáronnos entrar e organizamos unha semana de iniciativas que nos serviu tamén de experiencia a amosou o que se podía facer no espazo”. Recitais, exposicións ou concertos foron algunhas das propostas que ecoaron nos muros da cadea. Na actualidade está en marcha un Jail Art, un certame de arte postal que recibiu máis dun cento de propostas chegadas de 25 países diferentes.

A importancia da documentación
Dentro das accións nas que coinciden os dous proxecto está un importante traballo de documentación sobre os lugares que defenden, con dosieres nos que se repasa a historia dos elementos, o seu estado ou as posibilidades e uso, así como un seguimento da súa situación. En Vigo, pola súa banda, a partir da reivindicación da Panificadora publicaron na rede un catálogo de patrimonio industrial e abordaron mesmo a sinalización do conxunto cun panel informativo ou visitas guiadas no contorno do edificio, entre outras medidas. Pode resultar paradoxal que, fóra desas únicas xornadas da Coruña e de visitas puntuais e restrinxidas para documentar os conxuntos, as plataformas desenvolven a súa actividade totalmente fóra dos espazos que defenden.

Propostas abertas
De cara ao futuro, e vista a actual situación económica, o grupo da Coruña ten claro que “recuperar todo o espazo da cadea sería moi custoso, pero o noso obxectivo non é telo todo a andar dun día para outro, ao contrario. Queremos que a actuación se adecúe ás necesidades da veciñanza e aos poucos ir colonizando o edificio”. Do mesmo xeito, tampouco desde Vigo teñen un listado concreto de funcións. “Temos claro que queremos un espazo público, que se abran as prazas e as rúas que hai no interior do complexo. E logo o que propomos é que se poña a debate público o seu uso”, lembra Reinoso. Na actividade que levan desenvolvido, estes colectivos colleitaron xa moitas ideas. Locais de ensaio para grupos ou para as múltiples corais de Monte Alto, escola de circo, espazos de xuntanzas, educación infantil ou un albergue xuvenil son só algunhas das que están na mesa para o cárcere. “Queremos tentar que as iniciativas que se desenvolvan sexan autoxestionadas, pero o máis importante é recuperar minimamente o edificio, garantir unha medidas de seguridade e a partir de aí sentarse e valorar o que se quere facer, tamén atendendo ao que propoña o Concello, que segue a ser o dono do edificio”, explica Lado. En Vigo, predominan tamén as propostas para usos socioculturais, sala de exposicións ou albergue, pero hai tamén quen reclama un rocódromo, unha radio, unha fábrica de vinilos, un parque para cans ou mesmo un observatorio do patrimonio industrial da Ría de Vigo. “En xeral os veciños están fartos da situación e o que queren é que se faga algo con ela. Cando falas coa xente e lles explicas un pouco a historia do conxunto, logo queren que se recupere, e apuntan que axudaría para recuperar o barrio. Moitas persoas téñena vencellada á memoria local, e sinalan que quitou moita fame logo da Guerra”, sinala Reinoso.

Tendencias
Nos dous casos vese a coincidencia de, cando menos, dúas tendencias crecentes na nosa sociedade. Por unha banda vese a política de acción directa sobre o patrimonio. No canto de agardar pola acción da administración sobre un ben, procédese á súa sinalización, documentación ou dinamización de xeito colectivo e mediante o traballo voluntario. É un proceso paralelo ao que estamos a ver en iniciativas de catalogación como Patrimoniogalego.net, dinamización ao estilo da proposta Bicomún ou acondicionamento e posta en valor como as que desenvolven Acción Directa sobre Patrimonio en Ferrol ou O Sorriso de Daniel. As propostas son indicativas tamén dunha outra tendencia, que é a valorización como patrimonio de elementos ata o de agora non considerados como de interese para a súa protección. Elementos do patrimonio marítimo e o industrial incorpóranse aos poucos á lexislación e comezan a figurar en catálogos ou mesmo a ser declarados BICs, como é o caso do Estaleiro de Purro e mais, de xeito pioneiro, a Fábrica de Sargadelos, aínda moi recentemente. No entanto, en moitos outros casos, elementos que moita xente considera de teñen valor corren o risco de desaparecer ou son efectivamente derrubados, como foi o caso da Fábrica de Lapis de Ferrol, aínda en 2012.
Está por ver se propostas como estas prenden en máis lugares ou se conseguen os seus obxectivos. Desde logo, o que semella evidente é que edificios coma estes non poderán desaparecer sen máis da nosa paisaxe.
Panel explicativo da Panificadora de Vigo.
Fonte: Entremos na Panificadora
Plan de Viabilidade do Proxecto Cárcere.
Descripción da fábrica en Entremos na Panificadora.