Un artista substantivo

Unha homenaxe destaca a figura de Felipe Criado aos seus 85 anos

O artista Felipe Criado.
O artista Felipe Criado.
Foi dos que defendeu que “o crítico ideal da pintura é o poeta”, por iso, quen mellor para homenaxealo que unha decena de literatos entre os que hai nomes como Luz Pozo Garza, Xavier Seoane, Xulio Valcárcel ou Eva Veiga. Felipe Criado (Xixón, 1928) foi un dos pintores galegos máis prolíficos e recibe mañá no Museo de Arte Contemporánea unha homenaxe na que el mesmo participará.

“Estou moi contento” aseguraba o propio Felipe Criado sobre a homenaxe. “Sobre todo porque chega dun grupo de creadores e intelectuais e non só dun grupo de amigos”. Aínda que nado en Xixón é un galego de adopción, un creador vitalista, cunha obra entre innovadora e esencializadora e descarnada do anecdótico.

O artista
Un dos seus fillos, Felipe Criado, di do seu pai que “non lle gusta racionalizar o cambio e as súas obras recollen aquilo que lle pide o corpo: o que e con que gama cromática. Por iso, son quen de adiviñar na súa obra tantas etapas como circunstancias vitais".

“Vendo a súa obra en perpectiva podemos ver como se entrecruza a historia familiar, co nacemento de meu irmán pequeno, nos anos 60 e que lle descubre a infancia ou co nacemento dos primeiros netos; coas vivencias persoais, como cando consolida o seu posto como profesor e como catedrático de debuxo que lle permite facer a pintura que el quere”. O seu fillo Felipe tamén ve nesa evolución da súa obra acontecementos políticos como o impacto do tardofranquismo que “se aprecia nunha pintura case de denuncia, pesimista e con diferentes tons”. Ou outros factores máis circunstanciais, como as diferentes posibilidades creativas que lle daban os diferentes estudios nos que foi traballando. “Isto nótase nos estilismos", explica o fillo do pintor, "vese nos grandes cadros con luz que pinta desde o seu estudo en Torre Coruña no piso 20, onde facía pintura mosaico en pequenos lenzos que logo podería montar; ou as obras de grandísimo formato, duns cinco metros, que pinta desde que está na casa familiar de Mera e ten un estudo a nivel de chan”.

A crítica adoita diferenciar dúas etapas: unha primeira na que as paisaxes, personaxes femininas e infantís son as grandes protagonistas e nas que xogan un papel metafórico moi grande dunha visión moi pesimista da vida, onde predomina a dor e soidade. A segunda etapa caracterízase por deixar de lado a temática de contido social e as paisaxes para pasar a centrase nas figuras humanas. Cambia nesta segunda etapa a súas visión da realidade e o seu traballo pasa a plasmar un mundo idealizado.

Dúas etapas que o propio pintor recoñece en si mesmo: “Tiven unha etapa na que pintaba paisaxes mariñeiros, xentes do mar, paisaxes urbanos e que elixía pero non o vía como unha pintura trasdendente. Esa etapa serviume para ir eu facéndome un espazo na pintura e practicar o oficio e facer os ensaios necesarios”. Pero o creador soubo enseguida que a súa era a forma humana. Aproveitou os seus coñecementos de anatomía dese ano que estudou Medicina e recoñece que “Cando de ñorma sensible me conceptuei suficientemente hábil e sabio en posibilidades técnicas foi cando a figura humana cobrou todo o protagonismo”. E así o retrato ocupou todo o espazo e convertinme nunha persoa artista. “Creo que a palabra artista me parece máis un adxectivo que un substantivo, xa que é un substantivo que designa a un oficio”.

Desde a súa cátedra de debuxo, o creador Felipe Criado recoñece que “non me preocupou ser artista pero son consciente de selo. A arte é “cosa mentale” e esa mentalidade é a que hai que captar porque a técnica traballando xa a avanzas ti”.

A homenaxe
Mon Santiso presentará un recital no que Manuel Álvarez Torneiro, Miguel Anxo Fernán-Vello, Miguel Mato, Pilar Pallarés, Olga Patiño, Anxeles Penas, Luz Pozo Garza, Xavier Seoane, Xulio Valcárcel e Eva Veiga recitará poemas para agradecerlle a Felipe Criado todo o que ten desenvolvido no mundo da pintura. Será no auditorio Museo de Arte Contemporánea (antigo MAC) espazo no que o autor ten exposto obra e no que, ademais, teñen na súa colección obra deste prolífico creador.

A homenaxe conectará o universo literario e o plástico, dúas linguaxes que o creador atopou na súa traxectoria vital. Neste encotro tamén estará Paco Pestana que fará de mestre de cerimonias nun convite ao que asistirán un centenar de persoas.

Catalogación
Alén da homenaxe, nos últimos tempos, Antón Castro promoveu a necesidade de facer un catálogo razoado da súa obra. Ese empeño contara inicialmente coa intención de colaboración da Consellaría de Cultura, aínda que o encargo final acabou por financialo a deputación da Coruña. Un equipo de traballo localizou e indexou durante meses a obra de Felipe Criado por institucións e particulares.
O propio pintor calcula que das súas mans saíron entre 1.200 e 1.300 cadros e uns 8.000 debuxos. A maioría deles que garda na súa casa. Despois desta catalogación, o seu fillo Feipe “Consideramos que, aproximadamente, un 60% do seu traballo ha de estar completamente catalogado”. Unha cifra moi numerosa porque o artista mantiña unha relación moi posesiva coa súa obra “e non lle gusta deixar que se marche da casa máis que o necesario”. De feito, Felipe Criado (fillo) lembra numerosas veces que tivo leas con clientes ou galeristas aos que esa actitude chegou a parecerlle pouco seria cando se empeñaba en non vender. “Non por un afán de propiedade pero de quedar con ela na casa porque pensaba que a obra que saira se perdía” puntualiza.

A súa obra hai que buscala nas coleccións de numerosos museos e institucións como o Parlamento de Galicia, o Museo Provincial de Lugo, o de Castrelos en Vigo, o Museo de Bellas Artes de A Coruña, a Salomón By Company, Londres, o “Museo de Debuxo "Castillo de Larres de Huesca ou o CGAC. Espazos no que os propio artista non se sinte moi orgulloso porque asegura que lle “da pena ver as obras nos corredores dos Parlamento, onde hai obras miñas en propiedade e outras en depósito e sempre me da a esa impresión de que están moi soas”.

De toda a súa obra Felipe Criado tenlle especial cariño a un “retrato de Francisco Asorey que está na Igrexa da Universidade”. Por varias razóns, porque “pode que sexa un dos meus primeiros retratos e porque retrato a quen foi un dos meus grandes amigos e , aínda que se ten falado moito desa pintura, creo que é a mellor obra que teño”.