Os editores chaman a pór o libro en valor

Co gallo do Día do Libro publican a súa axenda estratéxica e reclaman un decálogo de medidas

Máis e mellores bibliotecas, a creación dun bono cultura, un plan de apoio ás librarías ou un plan cuatrienal de tradución son algunhas das dez medidas que a Asociación Galega de Editores (AGE) reclama para pór en valor o libro no noso país. A entidade acaba de facer público este decálogo con ocasión do Día de Libro e fai un chamamento á sociedade e mais ás administracións "co fin de que se recoñeza social e políticamente o papel trascendental que o libro e a lectura teñen no desenvolvemento das persoas e dos países".

De xeito paralelo, os editores fixeron público o seu documento estratéxico, no que repasa polo miúdo a situación do sector, a sinalar que as dificultades das empresas son "as máis graves en 30 anos de existencia" da asociación, e apunta que "moitas obras colectivas están paralizadas pola total falta de apoio institucional". Asimesmo, salientan o esforzo engadido que para as editoras está a supor integrar os soportes dixitais na súa produción.

Entre as propostas fundamentais da AGE está o facer efectivo o carácter estratéxico do sector do libro para a economía galega, tal e como está recollido na Lei do Libro. Canda a este, destaca tamén o incumprimento nas adquisicións da Xunta ás editoras, sinalando que os fondos destinando a este fin deberían triplicar os actuais para cumprir o previsto nesta lei.

Chamamento da AGE con ocasión do Día do Libro.
Documento Estratéxico da Asociación Galega de Editores.