A memoria que chegou por baixo do mar

A cooperativa O Cable Inglés investigan a traza que deixaron en Vigo o grupo de ingleses que operaron o telégrafo submarino

Oficinas do Cable Inglés. Foto: Arquivo Cabanelas.
Oficinas do Cable Inglés. Foto: Arquivo Cabanelas.
Desde finais do XIX ata mediados do século XX os reloxos dos vigueses estiveron coordinados cos da Eastern Telegraph Company, a compañía que xestionaba o cabo submariño que unía a península con América. O grupo de ingleses que xestionaban o cabo foron, no seu tempo, un colectivo importante para a cidade. Un proxecto procura recuperar a súa memoria.

“Máis que un proxecto é un proceso”, aseguran Marián Fernández, do Cable Inglés, a cooperativa cultural viguesa que está a organizar a acción Tira do Cable, destinada a recuperar a memoria dun dos episodios máis descoñecidos da conformación de Vigo como gran cidade industrial: o Cable Inglés.

En 1873, a inglesa Eastern Telegraph Company decidiu reforzar a liña que comunicaba Inglaterra con Xibraltar, colocando cabos telegráficos desde a punta sur da illa ata Vigo, de Vigo a Carcavelos (en Cascais) e de alí ata o Peñón. As condicións de Vigo como porto convertérona posteriormente nunha base de recepción internacional de telegrafía submarina, que se convertiu durante cincuenta anos na porta de entrada de Galicia e España das comunicacións con América. Para manter o cable inglés, a Eastern Telegraph trasladou a Vigo a un grupo de mozos enxeñeiros e telegrafistas que rapidamente se converteron nun grupo destacado na vida social e deportiva da cidade desde finais do XIX ata a segunda metade do século XX; nalgúns casos fundaron familias que chegan ata hoxe.

Unha memoria inmaterial
O proceso Tira do Cable promovido pola cooperativa Cable Inglés está a recuperar a memoria gráfica, audiovisual e oral deste grupo de ingleses que foron responsables de introducir en Vigo numerosos hábitos e costumes de procedencia británica, hoxe incorporados á nosa cultura e á sociedade. Amantes de deportes coma o tenis ou o futbol, saudosos da cervexa ou do viño do Porto, os ingleses convertéronse nun dos sinais de identidade dun Vigo emerxente. Inglaterra era a nación máis desenvolvida do mundo no momento e, polo tanto, un gran difusor de ideas e conceptos.

“É un pouco triste, pero na cidade quedan hoxe moi poucas pegadas visibles do que foi o cable inglés”, aseguran desde o proxecto. “O grande patrimonio que nos deixaron está perdido nas nosas actividades cotiás”. O rápido crecemento da cidade de Vigo sepultou parte da memoria, pero vanse recuperando anacos. “Un caso é cun técnico de son que traballa connosco”, sinala Marián Fernández , “o seu avó era un dos poucos enxeñeiros galegos, el comezou como telegrafista e formouse en Inglaterra, atopou no faiado da casa dúas latas de película de 16 mm, bastante deterioradas, coas únicas imaxes que temos das actividades”. Os fragmentos de audiovisual, recuperados, pódense ver xa como avance dun documental sobre o Cable Inglés, xa en produción.



Os ingleses vivían nunha propiedade da rúa Taboada Leal chamada La Finca, que contaba con dúas pistas de tenis que valían para organizar torneos, tomábase o té ás cinco e se facían eventos de beneficencia e sociedade, como ceas ou concertos que deron lugar a algúns matrimonios mixtos entre ingleses e galegas. Para proveer aos británicos das súas bebidas preferidas, un tal Mr. Hyde iniciou a produción de cervexa, e a bebida arrasou entre os mozos ricos de Vigo; os ingleses tamén potenciaron as impartacións de viño do Porto levadas a cabo por un portugués chamado Bandeira, e que tiña a súa tenda de viños ao carón das oficinas do Cable inglés, e acabaría etiquetando os portos co seu nome. Tamén propiciaron, na segunda década do século XX, a afección ao ping pong en Vigo, que logo se estendería por toda Galicia. O reloxo das oficinas, colocado cara o público, permitía aos vigueses manter a hora precisa nos seus propios reloxios, que todo o mundo axustaba cando pasaba por diante delas.

Libro e exposición
Entre as iniciativas do proxecto Tira do Cable está a autoedición dun libro sobre o Cable Inglés e os seus técnicos, escrito polo historiador José Ramón Cabanelas, e unha exposición que se realizará no Museo do Mar. “O lugar é moi significativo, porque en baixamar aínda se poden ver os restos do cable aló”. Todo isto irá acontecendo ao longo de 2013.

Hoxe só queda en Vigo unha testemuña directa da Eastern Company e o grupo de ingleses: o señor John Skinner, que aínda vive na cidade. Cando en 1969 as novas tecnoloxías remataron por facer pouco rendible o telégrafo submarino, a memoria deste colectivo comezou a desaparecer, ata hoxe.

Restos do cable da instalación submariña. Foto: Arquivo Cabanelas.

Restos do cable da instalación submariña. Foto: Arquivo Cabanelas.

As pegadas dos ingleses en Vigo

As pegadas dos ingleses en Vigo

Residencia dos telegrafístas na rúa Taboada Leal. Foto: Arquivo Cabanelas.

Traballadores da Eastern Telegraph Company en Vigo. Foto: Arquivo Cabanelas.

Traballadores da Eastern Telegraph Company en Vigo. Foto: Arquivo Cabanelas.

Clube de fútbol dos ingleses e crónica dun partido en Pontevedra. Foto: Arquivo Cabanelas.

Clube de fútbol dos ingleses e crónica dun partido en Pontevedra. Foto: Arquivo Cabanelas.