As 'Catro cousas' de Caamaño & Ameixeiras e Rodrigo Cuevas gañan o Premio de la Academia de la Música

O tema acadou o galardón da categoría de "mellor canción en galego / asturiano / bable"

O tema 'Catro cousas', creado en colaboración por Caamaño & Ameixeiras e Rodrigo Cuevas foi o único premiado dos oito proxectos musicais galegos que optaban a premios nalgunha das 43 categorías dos Premios de la Academia da Música de España. Onte deuse a coñecer o palmarés desta segunda edición destes galardóns outorgados por esta entidade, asociación sen ánimo de lucro formada por artistas, autores, produtores, editores, representantes, promotores e outros profesionais do sector co fin de estimular e proclamar a excelencia, a solidariedade, o talento, o traballo e o esforzo entre a comunidade musical do Estado.



O certame inclúe tres categorías destinadas a cancións en linguas oficiais diferentes ao castelán: mellor canción en catalán/valenciano/aranés, mellor canción en éuscaro e unha categoría denominada "mellor canción en galego /asturiano /bable" (no ano 2024 denominábase mellor canción en galego/bable). Ë nesta última na que se impuxo 'Catro cousas' sobre as outras catro finalistas, todas elas cancións en galego: 'Nosa Verbena', de Ortiga; 'Hi, My Love', de Sabela; 'Pedindo Perdón', de Tanxugueiras; 'Sísamo', de Baiuca (feat Antía Ameixeiras); 'Tes Que Ser De Aquí (Meigas)' de Miriam Rodríguez.