Quique Peón compite no certame de danza española e flamenco

Presenta un acto do seu espectáculo Alén da croa

Depois de bailar os estadios da evolución persoal en Ovay, Quique Peón (A Coruña, 1963) presentou Alén da croa no que mesturou diferentes linguaxes da danza para contar historias de mouras. O último acto desa montaxe, Amizade é a peza que este prolífico e premiado coreógrafo e bailarín leva a Madrid ao certame coreográfico de danza española e flamenco. Compite con 14 compañías, maioritariamente de flamenco, nun dos certames coreográficos máis prestixiosos do Estado. 17.300 euros en premios e contratos con recoñecidas entidades conforman o palmarés deste concurso.

Hoxe terá lugar a segunda das sesións do certame da que sairán elexidos sete finalistas que volverán presentar as súas proposta mañá sábado 8 de decembro. O domingo terá lugar a lectura dos gañadores. O certame premia a coreografía (6.000 euros), a coreografía de solo (3.000 euros). Logo diferentes entidades, como Aisge ou a Fudnación Autor outorgan galardóns aos bailaríns ou bailarinas sobresaínte (3.500 euros) ou a composición de música orixinal para danza (3.000 euros). Alén dos 17.300 euros que se reparten en premios, hai tamén contratos e convites para participar das actividades de recoñecidas compañías de danza.