O atractivo dos camposantos

Avanza a promoción dos cemiterios como destino turístico en Galicia

Cemiterio de San Froilán, Lugo
Cemiterio de San Froilán, Lugo
É ben sabido que no noso país posuímos cemiterios dignos de visitar. Se ben desde sempre moita xente vai coñecer estes lugares por propia iniciativa, nos últimos anos están a se multiplicar as propostas activas que, principalmente desde os concellos, animan os cidadáns a coñecer estes espazos. Visitas guiadas, roteiros ou mesmo actos culturais aproveitan o que pode ser un novo nicho turístico. E nunca mellor dito.

A pasada semana diferentes xornais levaban ás súas páxinas, a man da axencia Europa Press o descubrimento o necroturismo ou turismo de cemiterio. Malia a que en Culturagalega.org hai xa anos que propomos, con ocasión destas datas, unha visita a camposantos e lugares de enterramento do noso país, é ben certo que a visión destes espazos como un recurso turístico está a se estender en Galicia.

O cemiterio coruñés de San Amaro, que acolleu diferentes actividades neste 2012, o de Vigo, que tivo unha xeira de visitas guiadas no pasado, ou o de Lugo, que é obxecto dun plan de recuperación e posta en valor desde 2008, son exemplos que amosan o avence da tendencia no país. Para alén da súa condición de espazos tranquilos e con vexetación e do interese artístico que poidan ter a arquitectura ou a decoracións das sepulturas, estes espazos achegan a posibilidade de coñecer a historia e os costumes da nosa sociedades.

Santo Amaro e Pereiró
A celebración do bicentenario da súa construción situou este ano o cemiterio de Santo Amaro no mapa cultural do noso país. O Concello da Coruña non deixou pasar a efeméride e organizou toda unha serie de actos conmemorativos que, por suposto, incluían un amplo programa de visitas guiadas, diurnas e nocturnas. Lecturas de literatos enterrados no lugar e un concerto a cargo de Rosa Cedrón, Xoel López, Sito Sedes e Paco Lodeiro e mais a Banda Municipal de Música, foron parte dos actos de celebración. Canda a isto, publicouse material promocional que dá a coñecer a historia e os puntos destacados da necrópole. Entre eles, proponse unha ruta que reivindica os persoeiros da cultura que están soterrados neste lugar. E é certo que non son poucos. Ánxel Casal, Curros Enríquez, Canuto Berea, Carré Aldao, Pedro Barrié de la Maza, Wenceslao Fernández Flórez, Luís Seoane, os irmáns Vilar Ponte ou Marcial de Adalid son só alguns dos nomes que se poden atopar nas tumbas.

Ademais dos persoeiros, o Museo reivindica tamén aspectos curiosos e historias humanas que se agochan baixo as lápidas noutro roteiro. Desde falecidos na Batalla de Elviña, a mariñeiros alemáns naufragados na II Guerra Mundial, pasando por vítimas da cólera enterrados en vertical, pegadas de mitos celtas en esculturas ou suicidios por amor. A estas súmase aínda outro percurso centrado na historia local e outro que se centra nos méritos artísticos que se poden atopar no lugar. O pasado 2011 foi Vigo o concello que desenvolveu as primeiras visitas guiadas a un seu camposanto. Pereiró acolleu, no marco das actividades da exposición Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade un programa de rutas nas que se percorría, tumba a tumba,
a historia da cidade por fitos como a guerra de Cuba; a chegada do cinema, os benfeitores da cidade ou a importancia das industrias conserveiras.

O proxecto de Lugo
Aínda que cun cemitario moito máis recente (abriu en 1948), na actualidade semella ser Lugo o municipio que está desenvolver unha política máis intensa de posta en valor dos seus terreos funerarios. Xa en 2008 a corporación amosaba o seu interese en ingresar na Asociación de Cemiterios Históricos de Europa e anunciaba investimentos cos que se melloraron os espazos axardinados e repararon deficiencias e danos en diferentes panteóns do camposanto de San Froilán. Ademais, instaláronse os denominados “puntos de paz”, lugares onde se localizan poemas e frases e que chaman ao recollemento e á meditación.

Desde 2010 existen circuítos de visitas guiadas a este espazo, cunha aceptación crecente. Ademais, desenvólvense actividades como concertos e recitais poéticos con ocasións de datas como Defuntos ou o Día do Pai ou da Nai. Por se fose pouco, o concello anunciou a intención de dixitalizar os expedientes de concesión das sepulturas, unha importante documentación histórica que complementará os datos que se conservan sobre a pedra. Ademais, está sobre a mesa a posibilidade de crear un panteón de lucenses ilustres, para o que a cámara xa adquiriu un mausoleo de grande valor artístico. A coincidir coa celebración do Día de Defuntos deste ano, acaba de presentarse o novo web do camposanto, no que se pode atopar toda a información referente a este conxunto, e ata o vindeiro 6 de novembro preparouse unha programación espacial. Estes traballos valéronlle ao espazo ser admitido no roteiro da Asociación de Cementerios Históricos de Europa.

Outros
Aínda que o de Lugo é a única necrópole galega presente neste roteiro, a asociación integra tamén o Cemiterio dos Ingleses do concello de Camariñas e o xa mentado Santo Amaro no seu catálogo. Segundo as informacións publicadas esta semana, está pendente de aceptación Fisterra co cemiterio que deseñou César Portela. No entanto, é seguro que hai no país moitos máis espazos destacados que poderían entrar nesta selección europea. Sen ir máis lonxe, o monumental cemiterio de San Francisco de Ourense, está declarado Ben de Interese Cultural. Mesmo cunha menor proxección pública conta tamén con roteiros sinalizados e un colectivo que está a buscar a súa integración nesa asociación europea de necrópoles.

Canda a este, existen espallados polo país outros, como Santa Mariña Dozo, integrado nas ruínas dunha igrexa gótica en Cambados ou o curioso cemiterio soterrado de Furcos de Arcos, en Cuntis que de certo teñen moito que ofertar aos interesados por este tipo de espazos.
A nosa reportaxe sobre cemiterios que visitar.
Plano guía con 4 roteiros polo cemiterio de Santo Amaro.
Documento sobre a historia de San Amaro.
Historia do Cemiterio de San Froilán (2010).
Folleto co roteiro para unha visita histórica ao cemiterio de San Froilán.
Roteiro histórico polo Cemiterio de San Francisco, Ourense.
NOVO: Mapa de patrimonio funerario no web de Etnoga.