O director de Continental analiza o bo momento que vive a súa productora dentro do audiovisual galego

Pancho Casal: “O que no audiovisual español levou corenta anos, en Galicia quérese facer en dez”

Boa parte das películas que se fan en Galicia levan o selo de Continental. Ou que é o mesmo, pasan polas mans de Pancho Casal (A Coruña, 1945). É enxeñeiro de formación e traballaba en Fenosa no momento no que se fusionou con Unión Eléctrica, un feito que o obrigaba a algo que non lle apetecía: fixar a súa residencia fóra de Galicia. Nese momento cruzouse na súa vida Xabier Villaverde, o talento creativo, co que fundaría Continental. En tan só dez anos conseguiu que a súa productora se sitúe á cabeza do audiovisual en Galicia. E non lle vai mal. As súas tres últimas coproduccións “Os luns ó sol”, “Trece badaladas” e “O alquimista impaciente” están seleccionadas para once apartados dos premios Goya.



Desde o goberno existe interese en facer desta a lexislatura do audiovisual ¿como lle parece que se está a realizar?

En Galicia queren desenvolverse todas as fases que se dan no audiovisual español, pero o que alí levou corenta anos, aquí quérese facer en dez anos. Houbo unha primeira fase de facer que o sector existira, de darlle un mínimo de estructuras que é, o período do 95 ó 98, no que desde a AGAPI se tratou de crear un marco legal para que o sector existira como tal. E isto rematou coa publicación da lei e coa clara política de apoio ó audiovisual da Consellería de Cultura e a TVG. Pasouse de considerar que a xente do audiovisual eran uns mozos que facían películas e que había que axudalos para que non morresen de fame, a pensar que hai empresas que poden ser moi solventes e que o mundo do audiovisual podería chegar a ser algún día unha das industrias máis fortes de Galicia. E isto desde o punto de vista da mentalidade. Ata este momento as productoras grandes de Galicia vivían 100% da subvención, do diñeiro público. A día de hoxe a situación cambia. Hai empresas que seguen por ese camiño, e por outro lado está o sector independente que tivo claro que o modo de desenvolver o audiovisual, era facéndoo doutro xeito. Se queremos que as empresas cheguen a ser focos de creación de emprego non se pode facer algo subvencionado. E así desde AGAPI establecemos un plan estratéxico que non era novidoso, que copiaba as experiencias de Gales ou de Irlanda, que tivo unha reacción dos políticos moi positiva. De feito, notouse xa que as axudas desde a Consellería de Cultura e desde a TVG son as máis altas de España e con moita diferencia per cápita (e non en valores absolutos).



Pero... ¿non volvemos outra vez ós problema da subvención, das axudas? ¿Como se pode conseguir crear un producto independente dentro dun panorama subvencionado?

Aquí non se entende que as subvencións da Xunta de Galicia dentro das películas de Continental non chegan nin ó 5%. E a achega da TVG está entre o 5 e o 10%, e eu consigo entre o 80 e o 90% do financiamento nos mercados exteriores. Tamén cando as achegas das subvencións da TVG eran porcentualmente máis importantes, a min, ninguén me dixo nin pío do que tiña que facer cun guión. O problema está principalmente no tipo de axudas. Pero máis por parte da Consellería de cultura que por parte de TVG, que está participando recoñecendo que isto é un negocio no que hai que entrar. TVG interveu como copropietaria (xa non só financia, senón que traballa como propietario ó teu lado) e as tres primeiras produccións nas que entrou non puideron ter mellor resultado: “O alquimista impaciente”, “Trece badaladas” e “Os luns ó sol” . Os beneficios desas tres películas serán tan enormes, que eu penso que en breve TVG terá máis ingresos por esta vía que doutro xeito, cousa que eles nunca soñaron. E no caso da Xunta aínda se segue co plantexamento de dar as axudas a través dunha comisión avaliadora.




¿E as solucións “a posteriori”, é dicir en función do éxito acadado pola película?

Eu creo que este é o camiño polo que debería seguir o audiovisual. É acompañar ó productor no risco. Ninguén está exento de equivocarse algunha vez, de aí que a axuda sexa axuda. O normal é que haxa un fondo do que saian os cartos para facer a película, e un fondo ó que se devolvan se esta obtén beneficios. E paréceme normal se eu recibo da Xunta 120.202 euros (que é un 4-5%, en función das porcentaxes que manexamos neste momento) e se logo obteño de beneficios de 1.800.000 euros debo devolver a axuda que me deron. Ademais, hai que manter unha parte para xente que está empezando, que precisa eses cartos “a priori” e ese diñeiro inicial da Xunta de Galicia é o que lle dá viabilidade ó proxecto. É seguir a filosofía que se desenvolve no Ministerio de Cultura.




AS AXUDAS DEBEN EXISTIR PARA ACOMPAÑAR Ó PRODUCTOR NO RISCO






Outra poderían ser as liñas de crédito a baixo interese ¿qué se está a facer neste sentido?

Agora mesmo hai dúas liñas; unha desde o Ico (Instituto de Crédito Oficial) que está absolutamente paralizada, por motivos que desde a Agapi non comprendemos moi ben, e outra liña co IGAPE (Instituto Galego de Promoción e Emprego) que está funcionando regular, pero que Orza empeza a ter claro que isto pode ser un sector de negocio moi productivo, e desde o que existe boa vontade.




Pero no caso de Galicia, as subvencións son, ademais, de necesarias, un aval para que se estree cine en galego

Realmente a subvención tamén implica que temos que estrear en galego, pero iso ten uns custos moi fortes. O esforzo que Continental está facendo para estrear as versións galegas das películas é bestial. Desde o punto de vista empresarial o mellor que poderiamos facer é pechar aquí a productora e irnos a Madrid. E renunciar a todas as axudas, gañaríamos máis cartos e esqueceriámonos de moitos problemas. Para conseguir que Fisterra se estrease con dez copias ou que Os luns ó sol, que a Warner, multinacional americana, distribuíse copias, a xente non sabe o que tiven que loitar para que a película se estrease en galego porque non é rendible. Do caso de “Fisterra” onde a resposta do público foi enorme, tivo uns 35.000 espectadores (prefiro falar en espectadores e non en cantidades porque cambia o prezo da entrada) en galego, pasouse a uns 15.000 – 20.000 espectadores en “Os luns ó sol” na versión en galego. As causas deste descenso son de diferente tipo: que a xente aínda non está afeita a ver películas en galego, por outra banda que a película está rodada en español, e a xente prefire ver os actores coa súa propia voz.




Pero tamén é certo que a lingua da rodaxe é español. Agora ben, grávase nun español medio que hai que dobrar ó galego, e logo volver a dobrar se se quere exportar a latinoamérica ¿por qué non gravar directamente en galego?

En Galicia facer películas en versión orixinal en galego implica que todos os actores teñan que ser galegos, e hai un problema máis forte, que é que as solicitacións lingüísticas de TVG son tan fortes que non as cumpren todos os actores. Eu estou convencido de que poderiamos convencer a Javier Bardem de facer unha película en galego (tal e como a fai en inglés ou en francés), pero a pronunciación non sería da perfección que piden en TVG e ó final habería que traducir e habería que dobralo exactamente igual. Non se grava en galego polos problemas idiomáticos, de ter unha lingua tan estándar, e tamén pola realidade, é que a maior parte dos cartos para o financiamento da película veñen de fóra de Galicia (un 90%). E isto temos que telo claro.





ESTOU CONVENCIDO DE QUE PODERIAMOS CONVENCER A JAVIER BARDEM DE FACER UNHA PELÍCULA EN GALEGO, PERO A PRONUNCIACIÓN NON SERÍA DA PERFECCIÓN QUE PIDEN EN TVG E HABERÍA QUE DOBRALA






Cando se creou a Escola de Imaxe e Son na Coruña, viuse un repunte do sector do Audiovisual. Alí creouse un ambiente favorable a todo o audiovisual. ¿Cre que coa implantación de Comunicación Audiovisual se dará un novo florecemento para a consolidación definitiva do sector?

Estou seguro de que non . Unha cousa é a facultade de Comunicación Audiovisual e aí non se van formar nin directores, nin directores artísticos, nin directores de fotografía. É unha forma de formar xente para desenvolver xente e proxectos. Aí vanse crear profesionais que sustenten o negocio desde o punto de vista estructural, o que non deixa de ser importantísimo. E hai que ter claro que unha facultade de Comunicación audiovisual é para formar periodistas audiovisuais, executivos de cadeas de tv, para formar xente que poida desenvolver a estructura das empresas (departamentos de desenvolvemento, departamentos de vendas internacionais) o que é a parte técnica ten que formarse nunha Escola Superior de Cinematografía.



Entonces, ¿afirma que hai diferencias entre o persoal galego e o doutras zonas de estado?

A diferencia dos profesionais formados en Cataluña dos formados aquí é tan grande que estamos a anos luz. É un problema preocupante porque a xente se está formando nas productoras. Agora estamos colaborando con tvmovies con productoras de Cataluña e, en plantexamentos económicos, alí a xente cobra menos que aquí, porque alí hai máis xente. A xente cobra menos e a experiencia profesional e a formación é moitísimo maior. É un tema preocupante, porque eu quero facer películas en Galicia con xente de aquí, e o esforzo que nós facemos por esto é inmenso. Cando nós entramos coa política nosa de coproducir (porque cremos que é a maneira de cubrir etapas máis rápido). Aínda así a presión que tivemos que cometer para que a metade do equipo de “Os luns ó sol” fóra Galego e “13 badaladas” o 80% do equipo fóra galego, (cando o 90% do presuposto vén de fóra) foi moi grande.



Agora fálase dun repunte de Galicia como lugar de rodaxe. Por economía de prezo, por paisaxes ¿que hai de certo en todo isto?

Soamente o gasto de hoteis e dietas de “Os luns ó sol” foron 600.000 euros, facer esa película en Madrid custaría moitísimo menos, neste momento rodar en Galicia é máis caro que rodar en Madrid porque unha parte do equipo ten que desprazarse. Ademais, sucede que a maior parte do equipamento hai que traelo de Madrid, imaxina un “camera car” un día de traballo en Madrid é dicirlle te plantas ás oito de mañá do sitio e traballas ata as cinco da tarde. Traelo a Galicia hai que pagar 1.200 quilómetros de ida e volta, un día de ir e outro de volver de cinco persoas, o que ó final, o que en Madrid custa 750 euros aquí cústache 2.4000. Non creo nese repunte. E se queremos que se roden máis películas en Galicia temos que ser competitivos e profesionais. Cando estabamos rodando dixen que os custos reais teñen que ser inferiores a Madrid para poder ser competitivos, unhas afirmacións que me costarón moitas, moitas críticas. E isto neste momento, comparando o nivel de vida e habería que reflexionar.




¿Pero iso non é minusvalorar ó profesional con independencia do seu lugar de traballo?

Non, o que pasa é que aquí vai a acontecer o mesmo que no caso da dobraxe. Cando igualaron as tarifas ó nivel de Madrid, todo o que non fose dobraxe para o galego foise a Madrid. Desapareceu a profesión. Hai dúas alternativas ou rodamos en Galicia as películas que non queda máis remedio que rodar, ou tratamos de roubar mercado doutros lados. E hai que ser realista. E cobrar o 20% menos en Galicia que en Madrid é gañar máis cartos, porque sería ter garantido a rodaxe de máis filmes. Neste momento, nas series de televisión se cobra moito menos en Madrid que en Galicia. E é porque hai moita máis xente, hai máis escolas, máis mercado laboral, máis oferta.



Miremos agora cara Portugal. Non é a primeira vez que Continental desenvolve unha coproducción alí. ¿seguirase nesa liña?

En Portugal hai un problema de mercado que é que as televisións están de costas ó audiovisual portugués. Non ten sentido que nós produzamos en Galicia para Portugal, senón que coproduzamos. O problema é que así como en España hai un plantexamento de protección do cine feito en España, en Portugal non. Por exemplo, as televisións portuguesas non compran ningunha producción portuguesa e practicamente todo o que se produce son culebróns. Estamos tentando traballar cunha productora que fai culebróns e tvmovies, pero... como alí non traspuxeron a lei de televisión se fronteiras as televisións non teñen obrigación de comprar audiovisual portugués e, polo tanto, non compran nada. Primeiro había que axudalos a que desde un punto de vista lexislativo houbera unha situación semellante á que hai no resto de Europa, porque neste momento os productores non teñen a posibilidade de aportar cartos. Ademais, os productores portugueses son máis pequenos que os de Galicia, fanse menos películas que en Galicia e eu vexo que a penas teñen capacidade de financiamento. A través da EGEDA (Entidad de Gestión de los derechos audiovisuales) en Portugal tentaremos que creen unha FAPAE (Federación de Asociaciones de Productores Audiovisuales Españoles) portuguesa e os que máis interese temos somos os galegos. Todo pasa por unha acción política. A día de hoxe, Portugal non é un mercado factible.





¿Por onde pasa o futuro de Continental?

Hai moitos proxectos, tanto para cine (para marzo “A vida que te espera” (cun guión de Ángeles González Sinde, a guionista de "La Buena Estrella" ou de "Segunda Piel", con dirección de Manuel Gutiérrez Aragón e Luís Tosar como actor). Seguiremos con Suso de Toro e en agosto ou setembro comezaremos a rodar “Conta saldada” con un novo director galego que aínda está por confirmar. A “La Vida de Carmen Avendaño” o guión está feito por Ángeles González Sinde, que vai ser un bombazo. Temos unha oferta para facer a película de “Trece badaladas” nos EEUU pero cremos que a imos facer nós, polo que non imos a chegar a un acordo, de momento. Se a dobramos seremos nós cunha productora norteamericana, pero de vender os dereitos e que fagan o que queiran, de momento non. Imos esperar a ver a entrevista. Temos varias películas máis pero están financeiramente máis verdes




Para a tv-movies abriron o abano con “Entre bateas” ¿van seguir nesta liña?

A tvmovie é un formato no que imos descargar un apoio grandísimo, porque estamos vendo nos mercados que as tv movies teñen moitos intereses. Unhas tvmovies feitas con máis presuposto, máis ambición tendo claro o que piden. E neste como temos moitos proxectos. Con Tornasol imos producir entre 8 e 12 en dous paquetes. Unha vai a chamarse “a outra beira” e son coproduccións con sudamérica baseadas en obras de Bryce Echenique, de moitos autores. Sempre sobre contos. E outro que se chama “amores cegos” que é onde se inclúe o relato de Manolo Rivas. Con Noverón, unha productora catalana, estamos en desenvolvemento dun paquete de seis tvmovies de misterio e terror que se chaman “a sombra de misterio” nos que está a obra de Agustín Fernández Paz e dúas tv movies con “Diagonal” que é unha productora catalana. Pero estas últimas aínda están no inicio do proxecto.