Cine, espectáculos, música, certames e obradoiros crean en Silleda a II Semana do Humor

Obrigado rir

Ó Concello de Silleda ocorréuselle o ano pasado buscar un antídoto para os problemas da sociedade actual: a depresión, o estrés, as presas, o mal uso do lecer... e decidiu dedicarlle uns días á risa. Os resultados foron tan bos e terapéuticos, que este ano repiten a experiencia. Desde este venres ata ó domingo, Silleda estará de risa.

Din os técnicos do Concello de Silleda, e organizadores desta nova edición da semana da Risa, que o humor “é un dos ingredientes da vida, a levadura que fermenta a masa”. E con ese motivo decidiron seguir adiante cunha iniciativa que ten o humor como principal obxectivo.




Preparando o material para a risa
Pero desde o concello queren que as risas se escoiten máis alá das súas fronteiras, por eso consideran que este certame xorde con vocación de ser unha referencia a nivel estatal. De feito, Toño Paulino, un dos organizadores da “Semana do humor”, aclara que “xa temos xente apuntada que vén desde fóra de Galicia e para o ano que vén, o certame será coñecido en toda España”. E todo isto conséguese cun atractivo programa en todas e cada unha das facetas que pretende tratar o evento. Hai espectáculos de grande formato (veñen os protagonistas do Club da Comedia), conferencias, exposicións, actividades variadas (obradoiros de diferentes seccións) e mesmo un certame, para que non sexan só os expertos os que fagan rir.



E para seleccionar a todo o persoal os técnicos do concello encargados de programar o evento, teñen contado mesmo con médicos, para Toño Paulino “non debemos de esquecer que a risa ten unha función terapéutica”



Os preámbulos

A semana da risa anticipouse este ano unha semana, xa que desde o pasado venres, en colaboración coa asociación cultural Adellís, estase a celebrar un ciclo de cinema dedicado a un dos cineastas que ten realizado comedias míticas como “O apartamento”. É o acabado de falecer, Billy Wilder, do que se proxectan sete filmes, que se acompañan de conferencias analizando a súa obra de parte de realizadores, guionistas e críticos de cine galegos. E se o pistoletazo ó humor e a alegría se ofrece no seu prato forte desde o venres, podemos ir preparando os fazulas, a mandíbula e o ánimo coas exposicións que están na Casa da Cultura silledense onde Xaquín Marín (creador do cartel desta II Semana do Humor), Ángel R. Idígoras (ilustrador de “El Jueves”) e a exposición que conmemora os “25 anos de El Jueves”.



Prato forte

Pero as gargalladas máis fortes terán lugar do 6 ó 8 de decembro que son, oficialmente, as datas da celebración que este ano ten o lema de “Creando sorrisos”, cun programa amplo e completo que ofrece desde obradoiros. Será a partir do venres cando comeza o verdadeiro espectáculo e festín que enchan de gargalladas o escenario da Semana Verde. Juan Tamarit ensinará porqué foi campión do mundo de cartomancia (París, 1973), mago do ano nos EEUU (Los Ángeles, 1993) e gañador do Gran Premio de Maxia Profesional (Washington, 1993) cun espectáculo que probablemente sorprenderá a todo o mundo. E en Silleda tamén haberá unha cita coa televisión, e é que un dos programas humorísticos máis importantes da pequena pantalla desprázase ata localidade trasdezana o sábado ás 22:00 horas. Con Manquiña á cabeza, Luis Piedrahita, More, o coruñés Nancho Novo, Javier Viega e Alfredo Díaz, colaborador de programas como La Jungla (Cadena 100) acompañados dun micrófono e unha banqueta farán unha noite de cómicos.



E como o mellor prato sempre está o final, o domingo, os grandes espectáculos despídense cun dos grandes, o cómico británico Steve Rawlings, un actor cómico que destaca pola súa pericia como imitador vocal e os malabarismos.



Un luxo de programa que se pode ver por dez euros o espectáculo ou 30 o programa completo.



Pero aínda hai máis

O programa non se acaba só con espectáculos de exhibición, senón que ademais, desde a organización teñen previsto atender á formación. O que quere dicir que eses días tamén haberá en Silleda cursiños de introducción ás diferentes formas nas que se pode presentar o humor: a banda deseñada (impartida por Kiko da Silva), de animación por ordenador, curso de iniciación ó ilusionismo... aínda que o prato estrela, para Toño Paulino é o de risoterapia.



Pero os bares son sempre os lugares de esparexemento, sitios nos que as risas teñen máis presencia, refuxio contra a depresión e a tristura. Por iso, desde a organización non quixeron pasar por alto esta circunstancia, e os bares da localidade serán os escenarios do II Concurso de Chistes. E é que, segundo prescripcións médica, cinco minutos dunha boa risa, a gargalladas, equivalen a 45 minutos de exercicio físico