A choiva informativa

Nace Dioivo unha nova proposta de comunicación galega na rede

Caricatura do equipo fundacional de Dioivo por Gonzalo Vilas
Caricatura do equipo fundacional de Dioivo por Gonzalo Vilas
Cunha perspectiva que os achega máis a unha revista do que a un xornal dixital, un grupo de comunicadores presentan hoxe Dioivo. O web pretende servir de plataforma para un feixe de xornalistas que, logo de ficar sen traballo polo feche dos seus respectivos medios, queren continuar a exercer a profesión, e pretenden facelo coa vocación de “contar e contrariar”. Alberto Ramos, un dos promotores, fálanos deste orixinal proxecto.

O proxecto Dioivo presenta varias peculiaridades que o diferenzan dun medio convencional. Por exemplo, está xestionado desde unha asociación cultural, e sostense en boa medida polo traballo voluntario dos seus promotores. Ademais, a iniciativa pretende “contar o que ninguén conta”, segundo explica Ramos “apostamos pola análise e a interpretación mediante temas propios, aínda que haberá tamén algunhas novas. Buscaremos manter a liña de humor retranqurio que xa se puido ver nos videos de presentación dos últimos meses”. É dicir, que non se trata de cubrir toda a actualidade, senón de atender a perspectivas alternativas sobre a mesma e cubrir temas que non entran na axenda doutros medios. “Traballamos cultura, deportes, política e iríamos cubrindo outros temas tamén segundo o interese dos nosos colaboradores. Desde a perspectiva de sermos máis unha revista do que un xornal dixital, trataremos temas de xeito máis amplo, se estar constantemente apegados á realidade nin actualizar constantemente”.

Contidos
Á hora de traballar, a nova publicación conta cun núcleo básico de promotores que correrá cos labores de coordinación cotiáns e que achegará boa parte dos contidos. “Ocuparémonos do mantemento do web, escribiremos máis a miúdo, contestaremos correos, buscaremos temas e coordinaremos, aínda que a idea é ser o máis participativos que se poida”. Canda a eles, unha estensa rede de entre 20 e 30 colaboradores máis ou menos asíduos escribirán tamén para este medio. “A idea é a dunha unión temporal de xornalistas”, explica Ramos. “Queremos que participen todos os interesados en participar no medio e seguir publicando nun espazo. Achegámoslles a posibilidade de manter un pouco a sinatura aínda que non teñan un medio no que traballar e queiran dar a coñecer o seu traballo”. Desde esta perspectiva “agardamos que podia ir entrando e saíndo xente, tanto dos colaboradores como do grupo promotor, segundo vaian atopando traballo”. O funcionamento horizontal da redacción e amplo número de participantes fai que non sexa sinxelo definir unha liña editorial para o novo medio, fóra dese “contar e contrariar” que leva por lema o proxecto, e da aposta pola independencia e polo xornalismo en galego. “Máis do que unha liña determinada será o saber facer e os puntos de vista que os colaboradores xa demostraron en medios como Galicia Hoxe, Xornal e outros, isto manterase”.

O momento
En canto á multiplicación de proxectos xornalísticos en galego ao longo dos últimos meses, co lanzamento de Praza Pública a comezos deste mesmo mes, e a presentación inminente de Sermos Galiza, en Dioivo están convencidos de que “hai espazo para todos, e estamos polo labor de establecer colaboracións. A diferenciación virá polo xeito de tratar a actualidade cada un de nós. É unha boa nova que haxa un maior abano de posibilidades de se informar en galego e de espazos para os xornalistas”. Encol das causas que levan a esta proliferación, Ramos ten claro que “nos últimos anos cada vez que falabamos dos medios era para se pór de loito, cos feches, os EREs e os despedimentos. Chegou un momento no que había que tirar o loito e tentar facer cousas. Sabemos como está o sector, e cómpre buscar novas vías de traballo para o futuro.

Financiamento e promoción
Conscientes da crise publicitaria e das dificultades de financiamento polas vías convencionais para os medios, Dioivo chama ao apoio dos lectores para garantir o seu funcionamento. “Nos vindeiros días haberá un formulario para se subscribir, e estamos abertos tamén á inserción da publicidade”. Canda a isto, Ramos asegura que están a estudar outras vías de ingresos que darán a coñecer en breve. Dentro dos actos vencellados ao lanzamento do proxecto, o colectivo presenta unha edición en papel na que dá a coñecer como se xestou a iniciativa. O número sae á luz na tarde de mañá, 1 de marzo, no Restaurante Rúa (Rúa de San Pedro, 24, Compostela), onde ademais se desenvolverá unha palestra sobre os novos medios en galego. A iniciativa tamén estará presente a vindeira semana nos XIV Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega e que se celebrarán na Cidade da Cultura.