Noia e Lalín celebran as súas respectivas mostras de cinema prestando atención os novos valores que comezan

Historias curtas

As bases. En calquera actividade que se precie, para poder ter un bo primeiro equipo hai que fomentar e promover ás bases, que son o futuro no que se poñen as esperanzas. E no cine tamén. E por iso aparecen pequenos eventos que pretenden servir de testemuño do que produce o audiovisual. Noia e Lalín fixeron, esta fin de semana proxección da canteira. Un achegamento ás historias en menos de 30 minutos: en curtametraxes.

As mostras de curtametraxes de Lalín e de Noia que se celebraron esta fin de semana gozan e exhiben filosofías de traballo distintas, aínda que comparten un mesmo obxectivo: exhibir as curtametraxes de “producción propia”. É dicir, a producción levada a cabo (de xeito profesional ou de afeccionado) polos mozos da zona. Algúns novos talentos, outros promesas do audiovisual e outros meramente anecdóticos, as curtametraxes que se proxectaron no auditorio Coliseo Noela de Noia e no Auditorio Municipal de Lalín son exemplo dese espertar do audiovisual galego que ten que ir sentando os seus alicerces nas curtametraxes.



Noia: un ascenso imparable


“Naceu polas inquietudes dun grupo de rapaces de Noia que estaban interesados polo audiovisual e a raíz diso decidiuse facer un festival de curtametraxes que puidera estar a nivel nacional” así foi como xurdiu, en palabras de Moncho Vilas, técnico de cultura do Concello de Noia, a “Mostra de curtametraxes Vila de Noia” que esta fin de semana celebraba a súa cuarta edición. Daquel 1999 no que con 300 euros se botou a andar timidamente un certame que quería canalizar todas as inquedanzas e as expectativas dun grupo de mozos interesados polo invento dos Lumiere, pasouse a uns 9.000 euros que custou a última edición. E non so iso, co paso do tempo o público foi apoiando aquela iniciativa dun grupo de mozos, implicando a un auditorio fiel que foi enchendo o Coliseo Noela nas proxeccións, conseguindo que se aumentasen os días de mostra; dun único día hoxe a tres que durou este ano. E Moncho Vilas estima que se pode ampliar nun día máis a edición o ano que vén. O que comezou sendo como un mero escaparate de exhibición é hoxe un certame máis onde xa non serve con estar, senón que tes que presentar un bo producto se queres gañar. Desde hai dous anos a mostra de Curtametraxes de Noia ten sección competitiva, un feito que foi elevando a calidade dos traballos presentados.



A gran vendedora deste ano foi a curta “Nada que perder” (35 mm) que obtivo dous galardóns, o de mellor curta e o de mellor actriz (para Pilar Punzano). Na categoría de mellor dirección o premio foi para Abraham López e Pablo Tebar por “Onán” e “Feliz Navidad” obtivo o premio a mellor son (que era a liña temática do festival). Pola súa traxectoria cinematográfica Alber Ponte foi o galardoado. No formato vídeo, ó que se lle dedica o primeiro día da mostra, o premio máis importante foi para a curta “De tripas y corazón”, e o segundo premio para “Julepe” de Alfonso Hernández.



Este ano Noia bateu marcas en canto a número de curtametraxes (chegaron aproximadamente unhas vintecinco), número de participantes (gracias a que boa parte do orzamento deste ano estaba pensado para financiar a estadía dos participantes), procedentes cada vez de máis localidades (dos que, segundo Vilas, se teñen representantes de todas as zonas do estado) e cos aplausos da xente que gaba esta iniciativa que deixa cada ano bo sabor de boca.




Lalín: o nacer da canteira


Moito máis recente é o espertar da capital do Deza ó mundo da imaxe. Contaxiándose por todo o aire fresco que se respira no mundo do audiovisual, desde a Concellería de Cultura decidiuse sumar todos os esforzos do audiovisual nunha gala “made in Lalín”. En “Dezametraxe” reuníronse o venres no Auditorio Municipal a todas aquelas produccións (formato vídeo e formato 35 mm) que tiveran relación coa comarca. O resultado foi a proxección de seis curtametraxes entre as que destacan “A verdade se non minto” (dirixida por Pablo Iglesias), o documental “Buguis Bagus: de Bira a NYCity” (producido pola productora lalinense Ciudadano Frame), “Vampiros” e “Despois da lúa” dúas curtametraxes de Román Gutiérrez.