2011: un ano para a memoria (de Cunqueiro)

2011 é o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro e numerosas homenaxes homenaxearon a súa figura

En xaneiro varias institucións públicas presentaron no CCG as liñas básicas dunha programación destinada a homenaxear a figura de Cunqueiro ao longo de toda Galicia. Co Consello da Cultura Galega como entidade canalizadora, a concorrencia da Consellería de Cultura, a Real Academia Galega, os concellos de Vigo e Mondoñedo e as universidades do país ofreceron as liñas mestras dun intenso ano de programación cultural que acolleu congresos, exposicións, representacións teatrais, tertulias e diferentes iniciativas.

“Cunqueiro é un escritor moi atrativo”, asegura Henrique Monteagudo, coordinador dos Faladoiros Cunqueiro que organizou en diferentes cidades galegas, Madrid e Barcelona, o Consello da Cultura. “Para as xeracións novas”, asegura Monteagudo, “Cunqueiro é unha figura cada vez máis remota e por isto estas accións son importantes”. Monteagudo considera que as accións do Ano Cunqueiro tiveron unha boa resposta do público e constatou o atractivo da súa figura para os galegos. “A primeira vista, Cunqueiro é un autor que atrae”, asegura Monteagudo, “pero logo non é un escritor en absoluto fácil. Require un lector bastante experto, que comprenda os xogos literarios que establece”.

Explorando o territorio cunqueiriano
A primeira actividade do Ano Cunqueiro foi a creación por parte do CCG de dous Roteiros Cunqueiros consultables desde o sitio Roteiros da Cultura en culturagalega.org. A través das referencias literarias e biográficas do escritor, os visitantes poden explorar as terras de Miranda e de Vigo, onde Cunqueiro exerceu profesionalmente o xornalismo.

O tendal de poemas
En febreiro Vigo acolleu unha curiosa iniciativa. Na Praza da Constitución instalouse un tendal no que estaban tendidas dúas mil láminas con poemas de Cunqueiro en quince idiomas, dispoñibles para quen os quixera coller e levar. A iniciativa foi organizada polo Concello e a Universidade de Vigo.

Faladoiros Cunqueiro
Desde maio, todos os meses celebráronse tertulias por toda Galicia e o exterior ao redor da figura de Cunqueiro, impartidas por especialistas e escritores que reflexionaban en voz alta ao redor de diferentes aspectos da vida e obra cunqueiriana. O popular na súa obra (Lugo), a súa poesía (Santiago), o galeguismo (Ourense), a maxia (Mondoñedo), a Guerra Civil (Ortigueira), a súa obra dramática (A Coruña), a relación da intelectualidade galega co franquismo (Potnevedra), o xornalismo (Vigo) e o mundo céltico e bretón (Ferrol).

No niño novo do vento: a exposición
Dezaseis paneis, oito vitrinas con libros e documentos, unha representación escenográfica doMerlín e Familia, videos e fotografías compuxeron a exposición No niño novo do vento, a mostra sobre a figura e a obra de Álvaro Cunqueiro que abría este venres en Mondoñedo. O proxecto, promovido pola Xunta, a Fundación Penzol, a Editorial Galaxia e o Concello de Mondoñedo. A exposición itinerou ao longo deste ano por cidades como Santiago, Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Vigo.

A cociña galega con Cunqueiro
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coas asociacións de restaurantes de Galicia -Amigos da Cociña Galega, Comp&Go, Galicia Gourmand, Grupo Nove, Lareira, Club Rías Altas e Xantares- iniciou en xuño a campaña A Cociña Galega con Cunqueiro. O obxectivo é sinxelo pero ambicioso: levar os pratos máis queridos polo principal escritor gastronómico de Galicia de volta ás cociñas dos restaurantes, recuperando a rica tradición gastronómica galega e empregando aos establecementos como un privilexiado espazo de difusión cultural, mediante o agasallo dunha antoloxía gastronómica do escritor realizada por Miguel Vila. Máis de 70 restaurantes de toda Galicia distribuiron máis de 12.000 exemplares de Na mesa con Cunqueiro, nunha das tiraxes máis grandes dun libro galego nos últimos anos.

Tamén no ámbito gastronómico protagonizáronse iniciativas da sociedade civil. Un grupo de lectores de Cunqueiro organizaron en Compostela, en colaboración co CCG e a Asociación de Hostelería de Galicia, actividades ao redor da faciana gastronómica do escritor e promoveron na rede o hashtag “#ACunqueiro” para difundir os textos escritos por blogueiros ao redor do escritor. Este xoves 22 de decembro, catro cidades galegas (A Coruña, Tui, Santiago e Lugo) acollerán actos gastronómicos ao redor dos textos de Álvaro Cunqueiro sobre comida e viños de Galicia.

Congreso Cunqueiro
O Congreso Internacional “Mil e un Cunqueiros” celebrouse en Santiago, A Coruña e Vigo a finais de setembro. O seu obxectivo era “servir de foro para o debate académico e o intercambio científico e ser un punto de encontro entre investigadores, profesores e estudantes da comunidade académica galega, peninsular e internacional, e favorecer o diálogo interdisciplinar e intercultural arredor da obra do mestre mindoniense”. O Congreso reuniu a máis de 50 especialistas internacionias que debullaron Álvaro Cunqueiro. Na conferencia final, John Rutherford reclamou “unha boa edición crítica da obra completa do escritor”

No exterior
Unha parte relevante das actividades do Ano Cunqueiro celebrárosne no exterior. Madrid e Barcelona acolleron tertulias dos Faladoiros Cunqueiro que exploraban as relacións de Cunqueiro coa cultura española e catalana. As actividades chegaron mesmo á Bretaña. Na anual Fête de la Bretagne/Gouel Breizh, un evento que festexa o patrimonio e as tradicións deste país inclúe na súa vindeira edición unha conferencia sobre o traballo de Castelao encol das cruces de pedra que se conservan na zona. Ademais, dous roteiros recuperarán os espazos que Álvaro Cunqueiro recreou na súa novela As crónicas do sochantre, ambientada tamén no país bretón. As actividades estiveron coordinadas por Pierre Joubin, presidente do Comité Bretagne-Galicie.