A figura de Juan Orol a análise no Festival de Cine Independente de Ourense, no CGAI e en Lalín

Orol por Galicia

Juan Orol (Santiso, Lalín 1893- México, 1988) desenvolveu unha dilatada carreira cinematográfica entre México e Cuba como actor, productor e director. Pero a súa figura era practicamente descoñecida. Agora o CGAI, e o Festival de Cine de Ourense queren divulgar o seu traballo a través de ciclos e de conferencias. Ademais, en Lalín, a súa vila natal, desenvolverase esta noite unha pequena homenaxe na que se proxectarán varios filmes e se descubrirá unha placa.






Juan Orol, o cineasta



Orol é unha desas figuras que o audiovisual galego ten completamente esquecido. Desas personaxes que desenvolveron case no anonimato (dentro do que permite o mundo do cine) e que aportan o seu gran de area na construcción dunha identidade cultural moito máis ampla. A súa vida é unha completa picaresca, entre unha axitada vida sentimental, e unha variopinta carreira profesional que desenvolveu entre México e Cuba. Foi piloto de coches de carreiras, xogador de béisbol, toureiro e memos polcía secreta ata que o “bicho” do cine atopou nel un bo piar no que asentarse. A producción de Orol destaca, sobre todo, pola súa cantidade e pola diversidade das súas facetas no mundo da imaxe. Foi actor, director, productor e hai documentos que constantan que foi mesmo guionista.



As homenaxes


Agora numerosas insitucións queren desempoar o seu recordo e a súa figura, e darlle o recoñecemento que merece. O primeiro de todos foi o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) que organiza un ciclo de cine itinerante co cometido de dar a coñecer algunhas das súas facetas (a de director e actor). Máis tarde será o Festival de Cine de Ourense que, valéndose do material que lle brinda o CGAI estreará con Orol unha nova sección (Cine na emigración), coa que queren explicar que para coñecer o audiovisual galego hai que ter en conta os traballos realizados na emigración. E o último en sumarse a este proxecto é o Concello de Lalín que ten previsto organizar unha homenaxe co fin de reclamar que Juan Orol é oriundo da parroquia de Santiso (e non en Ferrol como figura en moitos documentos publicados). Neste cometido descubrirán unha placa na súa casa natal e haberá unha charla na que participarán Manuel Areán (veciño de Lalín e amigo de Juan Orol, que tentará achegar o lado máis humano do cineasta) e Eduardo de La Vega (historiador mexicano e coñecedor da súa obra) que presentarán ó cineasta do que se proxectarán varios traballos.