A figura case esquecida do compositor do pasodobre “Puenteareas” revive con forza inspirando múltiples iniciativas culturais

O rexurdir de Soutullo

”Puenteareas” é, ademais do nome deturpado dunha vila de Pontevedra, o título dun pasodobre. Esta composición consolidouse como unha das pezas musicais máis coñecidas e máis tocadas pola comunidade galega de todo o mundo. Ata hai moi pouco o grande público descoñecíao case todo sobre o seu autor, Reveriano Soutullo. Hoxe multiplícanse os proxectos para recuperar a súa memoria, entre eles, destacan dúas fundacións

Reveriano Soutullo naceu en Ponteareas en 1880 e xa desde moi novo apuntou unha capacidade para a música que o levou a dirixir, con só con catorce anos, o orfeón de Tui. Unha bolsa outorgada polo Concello de Vigo permitiulle completar a súa formación musical en Madrid, onde gañou o premio extraordinario da súa promoción. Gracias a isto puido perfeccionar a súa formación en Italia, Francia e Alemaña, instalándose ó seu regreso en Madrid. Alí acadou grandes éxitos no xénero da zarzuela, compoñendo case cen obras coma “Paloma del barrio”, “La del Soto del Parral”, “Guitarras y bandurrias” ou, en colaboración con Juan Vert “La leyenda del beso” (parte da cal se transformou na famosa canción “Amor de hombre” de Mocedades).
Ademais de Zarzuelas, Soutullo compuxo numerosas obras para piano e orquestra, e mesmo a ópera “La devoción de la Cruz”. O autor evocou Galicia en obras coma a suite sinfónica “Vigo”, o “Himno a Vigo”, a zarzuela costumista “Los zuecos de Mari Pepa”, “Rías Baixas” ou a muiñeira “As mozas do couto”. Sen embargo a súa obra máis coñecida é a que dedicou á súa vila natal, o pasodobre “Puenteareas”. A peza estreouse, coa dirección do propio autor na alameda desta localidade o 20 de outubro de 1929. Despois foise espallando por todos os recantos do país e grande parte do estranxeiro, e mesmo a Banda Real Inglesa chegou a incorporala ó seu repertorio. Soutullo non chegou a ver a internacionalización desta súa obra ó morrer só tres anos despois da estrea.




Soutullo en Ponteareas



Non é de estrañar que sexa en Ponteareas onde máis presente está a memoria de Reveriano Soutullo. Desde 1986 o conservatorio desta vila leva o nome do músico, ó igual que o auditorio e, por suposto unha rúa. O museo local lembra nacemento do músico dedicándolle unha sala en exclusiva mentres un busto amosa a efixie de Soutullo a todos os cidadáns. Mesmo unha das asociacións que se encargan de facer as famosas alfombras florais da vila quixo homenaxealo adoptando o seu nome. Por se fose pouco, o himno oficial do Concello é na actualidade o pasodobre “Puenteareas”. De Ponteareas, como non, xurdiu tamén a orquestra que leva o nome do músico.







A sinfónica do Sur


Foi cara finais dos noventa cando Manuel Anxo Viro, director do conservatorio de Música Municipal, comezou a pensar na necesidade de crear unha formación orquestral sólida na que se puidesen integrar e practicar os alumnos do seu centro. No ano 2000 finalmente púxose en marcha o proxecto coa constitución da Fundación Reveriano Soutullo e a creación da Orquestra Sinfónica do Sur de Galicia, composta exclusivamente por novos músicos do país. Esta institución, presidida polo editor de “El Correo Gallego”, Feliciano Barrera, ofrecía ós novos intérpretes bolsas para adquirir material ou para completar os seus estudios musicais. Actuacións en Ponteareas, Ourense, Madrid ou Vigo supuxeron o comezo da carreira desta orquestra, que se consagrou coa presentación no Auditorio de Galicia de Compostela en decembro do 2000. Novas actuacións foron consolidando a formación durante o ano seguinte, aínda que problemas económicos (o custo da orquestra rolda os 150.000 euros anuais) e dificultades para acadar unha formación fixa provocaron un descenso da actividade durante este 2002.



Orquestra Sinfónica Reveriano Soutullo

Foi precisamente neste ano cando se decidiu mudar o nome da formación polo de Orquestra Sinfónica Reveriano Soutullo de Galicia, nun intento de acoller a músicos novos de todo o país baixo a batuta de Cándido Fernández Chedas. Seguindo a intención de potenciar a música galega, esta formación inclúe sempre no seu repertorio unha peza de autores autóctonos. Nestes intres desde a fundación preténdese estabilizar o número de membros da orquestra e incrementar a contía das bolsas ata os 1.200 euros anuais, para o que se están a buscar novos apoios institucionais. Polo de agora xa existen compromisos do IGAEM, do Concello de Ponteareas e de varias deputacións, e é de agardar que para o vindeiro ano a orquestra realice unha nova xira polo país presentando algunha obra descoñecida de compositores galegos.




Recordos de familia


No mes de agosto dábase a coñecer nos medios o proxecto dunha nova entidade dedicada ó musico: a Fundación Reveriano Soutullo Otero. Esta institución, en trámites de legalizarse, ten a súa orixe no desexo dos descendentes do compositor de dar a coñecer a súa figura e a súa obra. Presidida e dirixida por membros das diferentes ramas da familia Soutullo, afincados maioritariamente en Madrid, a Fundación Reveriano Soutullo Otero quere catalogar polo miúdo a extensa obra do músico, da que está desaparecida unha terceira parte. María Rosa Arija Soutullo, presidenta e promotora da institución, iniciou hai xa un ano e medio este traballo de busca e catalogación, que xa deu froitos coma a muiñeira “As mozas do couto” ou “Arabesca”, unha composición para piano. María Rosa tamén publicará en breve unha biografía que enche as abondosas lagoas existentes sobre a vida do músico.



Camiño por percorrer


Ademais de catalogar, a familia quere reeditar as partituras do seu antergo, na actualidade moi difíciles de atopar, e crear un museo no que se poida acceder a todo o patrimonio musical do autor, tanto en papel como gravado. Tamén barallan organizar unha exposición itinerante en memoria do músico e facer un certame de bandas de música, formacións para as que Soutullo compuxo numerosas obras e arranxos. Actualmente os promotores da fundación están a contactar con entidades e particulares que desexen colaborar co proxecto, e para finais deste ano abrirá a sede provisional da fundación en Galicia. Polo de agora xa solicitaron o apoio de concellos coma o de Vigo e Ponteareas e de institucións coma Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM). Para o futuro queren abrir unha delegación en Madrid desde a que continuar as tarefas de investigación e catalogación e crear unha Asociación de Amigos da Fundación na que se poidan integrar todos os interesados en apoiar o proxecto.





Dous son compañía



As relacións entre as dúas fundacións son, en contra do que puidera agardarse, amigables e fluídas. Os diferentes obxectivos de cada unha delas permiten que non haxa choques e que mesmo cheguen a colaborar en aspectos concretos. Desde xeito, a Orquestra Sinfónica Reveriano Soutullo interpretará unha peza inédita do autor no acto de presentación da Fundación Reveriano Soutullo Otero. Con iniciativas semellantes en marcha e coordinadas, é seguro que de aquí nuns anos o nome de Reveriano Soutullo será coñecido por todos os galegos.