O herdo de Cunqueiro

A pegada do escritor mindoniense continúa a se debater na nosa literatura

Malia a estar recoñecido como un dos grandes das nosas letras, non cabe dúbida de que Álvaro Cunqueiro é tamén un autor controvertido. Debates ideolóxicos, modas literarias, e itnerpretacións dispares danse cita arredor da súa figura. Agora, o congreso Mil e un Cunqueiros organizado polo Consello da Cultura Galega e mais as tres universidades, tenta botar luz sobre a súa figura. Entre moitas outras cuestións que se tratan neste evento está a do herdo que o mindoniense deixou nas nosas letras.

Un dos grandes temas que se están a tratar no evento que se celebra estes días no noso país é a recepción de Cunqueiro, tanto polos seus coetáneos como na actualidade. Unha cuestión que se complica ao falarmos dun escritor que destacou tanto en poesía como en prosa, teatro ou xornalismo, e que para máis está inserido tanto no sistema literario galego como no castelán. E isto, para alén dos debates sobre a súa posición ideolóxica a respecto do franquismo e do galeguismo en diferentes momentos da súa vida, e da situación da súa obra a respecto das modas literarias de cada momento. Non é de estrañar, pois que as discusións e investigacións sobre a súa posición como autor canónico estean de plena actualidade cando se fan cen anos do seu nacemento. De xeito máis concreto, na segunda xornada do congreso, a universidade da Coruña acolle a mesa redonda O herdo de Cunqueiro. A cuestión é complexa mesmo para os relatores. Tal e como recoñece Xosé María Álvarez Cáccamo, que se centra na pegada do autor no eido da poesía “O propio concepto de herdo é conflitivo. Pola miña banda considéroo nos dous matices que ten no seu significado común. Por unha banda como os bens que se reciben dunha persoa falecida, e pola outra como as características fisiolóxicas e anatómicas que recibimos dos nosos maiores. Do mesmo xeito temos o que os escritores recibimos de ler con atencion, e logo hai como unha mensaxe xenética máis difusa, que se prolonga máis no tempo e moi estensa no espazo e que ás veces recibimos sen nos decatar”.

A pegada poética
No caso de Álvarez Cáccamo, considera que Cunqueiro deixou unha pegada clara e fonda na xeración poética dos anos oitenta “sobre todo a partir da publicación de Herba aquí e acolá. Hai pegada de libros anteriores, pero cando sae ese libro en 1980 saudámolo con entusiasmo” unha serie de poetas que estaban daquela a dar os seus primeirios pasos. De feito, na antoloxía Desde a palabra, doce voces, publicada en 1986, oito dos doce participantes mentan a Cunqueiro como o poeta máis importante da súa formación, “mesmo por riba de Celso Emilio Ferreiro ou autores estranxeiros como Pound ou Eliot”, lembra Cáccamo. “Isto é un punto para amosar que ese herdo é importante, e que se identificou coa linguaxe poética daquel momento e que actuou ao tempo como espello e con carácter maxistral”. A pegada do autor fica aínda máis clara a comparar as características que Luz Pozo Garza lle apón no seu libro Álvaro Cunqueiro e Herba aquí ou acolá coa que a crítica lle achaca aos poetas dos oitenta. “Dase unha coincidencia en aspectos como a preocupación formal pola estruturación do poema, a paixón pola lingua, a musicalidade ou a intertextualidade”, sinala Álvarez Cáccamo. O achegamento entre o poeta e os daquela novos creadores xa foi apuntada tamén por Méndez Ferrín nunha necrolóxica aparecida aos poucos días da morte de Cunqueiro, “dicía que eran poucos os que entendían a súa mensaxe poética, pero que eran precisamente os máis novos”.

A comprensión da prosa
Menos optimista sobre a herdanza que deixou o mindoniense é Xosé Miranda, quen considera que “Cunqueiro foi mal asimilado, tanto en España como en Galicia”. No seu caso, a intervención céntrase na prosa, onde considera que “a literatura que predominou en tempos posteriores apostou máis polo costumismo, precisamente ao contrario do que el facía”. E é que, para Miranda, o autor “non deixa só unha obra, senón todo un xénero e un tipo de literatura, que non é fantástica, senón do marabilloso. Non é épica senón lírica e intimista. E ao tempo é realista, pero trata o realismo dun xeito totalmente marabilloso e iso entendeuse mal, houbo un movemento mesmo á contra”. Claro que tamén a reacción á obra pode entenderse relativamente como un herdo do traballo dun autor. “Durante anos os que escribíamos algo fantástico eramos clasificados de cunqueirianos, mesmo sen ter nada que ter. Tamén pasou coa etiqueta de artúrico que se lle aplicou ao propio Cunqueiro cando ten un papel marxinal na súa obra, onde hai tanto de islámico ou bizantino como de artúrico”. A definir un pouco máis a orixinalidade do traballo de Cunqueiro “que fai que sexa imposible de imitar”, Miranda apunta que “Vai para aló do realismo máxico. Á inversa, fai literatura do maravilloso pero sitúaa neste mundo, ou nun moi semellante. Mestura tempos e espazos e fai coincidir personaxes de diferentes épocas, nun mundo maravilloso que é tamén este. Pola contra o realismo máxico introduce elementos máxicos nunha base realista. O único que penso que se lle pode comparar é Calvino ou Borges”.

Reaccións a Cunqueiro
Deste xeito, Miranda olla a aposta polo desenvolvemento dun determinado costumismo “tamén como un rexeitamento” do traballo de Cunqueiro. “A ausencia ata hai pouco do fantástico nas nosas letras foi como un último movemento daquela época de realismo social de finais do franquismo, unha tendencia que non era máis do que a aposta polo naturalismo e o costumismo”. Encol da literatura social e da súa relación coa obra de Cunqueiro, Álvarez Cáccamo apunta que “penso que nese sentido hai unha serie de tópicos que convén revisar. Habería que lle dedicar tempo, pero se ollamos os libros que se publican desde aproximadamente 1962, con Longa noite de pedra ata que sae Con pólvora e magnolias ao mellor vemos que non son tantos os libros de poesía social e hai outras cousas que se están a ler. Tamén é algo normal que na poesía Cunqueiro interesase menos en determinada época porque desde Dona do corpo delgado ata Herba aquí e acolá son 15 ou 20 anos de silencio”. A ese respecto, o escritor non considera que o silencio poético do mindoniense neste tempo se debese ao predominio da lírica social, “aínda que é certo que a saída de Herba aquí e acolá coincide co momento no que ese movemento está a perder vixencia”.

Na actualidade
Os dous autores coinciden en sinalar que nos últimos tempos está a se dar, de xeito relativo, un mellor coñecemento e aceptación do autor. Para Álvarez Cáccamo “está a ser mellor coñecido de xeito global, así como nos oitenta foi moi aplaudido especialmetne na poesía. Tamén é normal porque co tempo os autores van sendo mellor estudados, pero tampouco teño moi claro que sexa máis valorado”. Pola súa banda, Miranda considera que desapareceron moitos dos prexuízos cara a determinadas correntes literarias. “Durante unha época non se publicaba nada de literatura fantástica, e isto mudou nos últimos anos. Agora semella que estamos a entender que podemos ter diferentes tipos de literatura”.

A transmisión do herdo
Un dos problemas que presenta Cunqueiro é a dificultade da súa obra. unha cuestión na que coinciden boa parte dos críticos e lectores. “Ao depender tanto do ensino a literatura galega, Cunqueiro teno moi difícil. Non é sinxelo para os rapaces, ao contrario do que pode parecer de entrada. El dicía que escribía como quen come pan, ben e seguido, pero para o ler esixe moita atención e unha serie de coñecementos. Trátase dun autor erudito e ilustrado, e entón ficou como un autor de culto, cunha minoría relativamente ampla que o segue e unha maioría que non o coñece”. Álvarez Cáccamo, pola súa banda, salienta que “resulta difícil como o son a maior parte dos autores interesantes. A min persoalmente non me interesa a literatura plana”. A dificultade de se achegar a Cunqueiro foi tamén apuntada por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega na presentación deste encontro. Unha dificultade que, segundo el medra para as novas xeracións segundo pasa o tempo. “O mundo do que fala Cunqueiro non é o mesmo no que vive a xente nova, é difícil de transmitir e resulta relativamente escuro”, sinalou, “cómpre un esforzo de persuasión para o achegar”. Do mesmo xeito, Álvarez Cáccamo considera que non son bos tempos para a difusión deste autor. “Pérdense hábitos lectores e hai tendencia á eficacia inmediata da mensaxe. Entón estamos ante un público amplo que pode ser menos esixente, aídna que continúa presente a literatura complexa”, recoñece. A transmisión do herdo cunqueirán implica entón unha especial dificultade para de cara ao futuro, un reto que cómpre abordar.