A pegada das revistas dixitais

Menos publicacións, blogs e un pulo importante da crítica marcan as publicación literarias na rede

Desde o comezo da implantación da rede en Galicia comezaron a xurdir páxinas que tiñan a literatura como eixe, en moitos casos apostando pola difusión da obra de autores novos. Desde aquela, o panorama mudou enormemente, e aínda que poucas daquelas propostas sobreviven, novas cabeceiras e blogs ocupan un espazo cun peso crecente no noso panorama literario. O VI Encontro de Escritores/as Novos/as da AELG prestoulle atención a este sector cunha mesa redonda.

“Da tinta á pegada dixital” foi o lema do VI Encontro de Escritores/as Novos/as que organizou a Asociación de Escritores en Lingua Galega esta fin de semana na Coruña. Dentro das diferentes mesas redondas que se desenvolveron no marco desta xornada, unha prestou atención á cuestión das revistas dixitais. Elvira Riveiro, coordinadora da mesma, salienta que “sen dúbidas as publicacións dixitais teñen un peso crecente, non só no caso das revistas literarias senón en xeral. Acceder á rede é moito máis barato e inmediato, e está a se dar un paso do papel á dixital”, explica. En Galicia, no entanto, e segundo lembra Riveiro, “non se ve un traspaso masivo ao terreo dixital. As publicacións máis coñecidas e con máis prestixio seguen a ter a súa edición en papel, pero algunhas como o Protexta é posible que teñan máis difusión na rede do que na versión impresa”.

Menos cabeceiras
Para alén do importante crecemento que tiveron as publicacións na rede, non se pode esquecer que o peso crecente das publicacións dixitais no sistema literario galego débese tamén a unha importante diminución das publicacións impresas dedicadas ás nosas letras. Segundo Montse Pena, investigadora e crítica que tamén participou na mesa, “problemas económicos e a falta de apoio institucional provocaron a desaparición de moitas revistas e suplementos literarios nos últimos anos. Hai menos publicacións tanto en rede como en papel, non é tanto que mudasen os intereses dos lectores, pero as circunstancias económicas e políticas que se están a dar non axudan”.

A evolución na rede
Xa nos anos noventa foron xurdindo iniciativas neste sentido segundo sinala Chus Nogueira, unha das participantes na mesa. “Ás veces non se trataba propiamente de revistas, tal e como as podemos concibir hoxe, senón de espazos que cumprían algunhas das funcións das revistas. Desde o comezo houbo un compromiso importante coa poesía, e mesmo explicitamente coa poesía dos noventa. A interacción facilitou tamén que xurdisen posicionamentos e debates incipientes sobre cuestións como a propiedade intelectual, que logo evoluíu”. Co tempo, “houbo moitas mudanzas como foron a propia evolución dos soportes. Agora hai unha serie de blogs que cumpren moitas das funcións daquelas revistas. Ao tempo fíxose habitual a dixitalización de medios en papel, especialmente as revistas do ámbito académico, e hai unha maior diversidade. Tamén as redes sociais poden cumprir parte destas funcións”. Montse Pena, pola súa banda, sinala que neste sentido “practicamente non hai máis que tentativas. Propostas como Fervenzasliterarias ou Redelibros apostan promocionar a lectura como algo social, mentres que non considero como revistas literarias iniciativas como Lg3”, explica. “Destaco propostas como Galicia 21: Revista de Estudos Galegos Contemporáneos e mais a Revista de Poesía de Poesiagalega.org coa tacha de que polo momento a primeira só ten dous números e a segunda só un”.

Andar 21
A evolución foi realmente importante e non quedan moitos supervivintes daquel primeiro momento de revistas electrónicas. Unha das que resisten é Andar 21, nada por volta do ano 2000. O seu coordinador, Gaspar Domínguez comentou a súa experiencia no encontro, a salientar as mudanzas nos proxectos deste tipo. “O Andar foi un sitio que tivo moito momento durante un período de dous ou tres anos. Pasou moita xente e fixéronse moitas cousas. Hoxe está máis que nada como un repositorio daquela experiencia. Falamos dunha etapa pre-blog na que facíamos de editor nun momento no que a xente non tiña ferramentas a man para publicar na rede”. Noutro sentido, salienta a capacidade de ruptura que tivo a rede para as nosas letras. “A publicación, como outras na rede, quería funcionar como un contrapeso ao sistema literario, fronte a un estándar máis elitista que se acabou demostrando que estaba un pouco fóra de xogo”, explica. Ao seu ver, o movemento que se xerou coas publicacións dixitais “provocou un cambio que penso que se pode rastrear”. Domínguez segue a incidir nas posibilidades da rede para mudar o sistema literario. “Hai que pensar no vencello que teñen co mercado os editores. A edición en papel continúa en mans de redes comerciais e de distribución controladas e reducidas institucionalmente. Nese campo o papel de Internet é fundamental para sobrevivirmos. Estamos avocados á rede como medio de comunicación prioritario. Hai publicacións ás que ao mellor non se lles dá moita importancia, pero teñen unha dmensión destacada sobre todo na crítica e na creación”.

O pulo creativo
Non cabe dúbida de que a rede foi especialmente aproveitada polos autores para dar a coñecer as súas obras. Segundo explica Elvira Riveiro, “xa desde comezos da década pasada os novos creadores optaron claramente polos medios dixitais sen renunciar á publicación en papel, que continúa a ter un valor fisicamente importante que non se lle acaba de dar á edición dixital. En certa medida, se antes eran os premios a principal vía para se dar a coñecer, agora son as publicacións dixitais”. A pegada dixital déixase sentir, ata certo punto, no propio tipo de textos que se publican. “A rede favorece textos curtos que se consumen en pouco tempo. Entón os formatos van nese camiño, e ao tempo aprovéitanse as posibilidades da interactividade de inclúense outras manifestacións artísticas como fotografías ou ligazóns nos propios textos”, completa Riveiro.

A difusión da crítica
Malia ao pulo á creación que supuxeron estas propostas, os participantes na mesa destacaron de xeito especial o impulso que lle deu á crítica a rede. Riveiro sinala que xa desde hai anos, con propostas como Vieiros que tiña un apartado, o medio dixital está a lle dar un pulo maior aos textos críticos que saen arredor da literatura. Tanto os que se publican en Culturagalega.org como en Protexta poden verse en calquera lugar, son máis lidos e chegan aos propios creadores con máis facilidade. Para Nogueira “xa desde os anos noventa se atendeu a unha crítica que moitas veces era moi inmediata, contemporánea da creación en si”. Pena, pola súa banda, sinala que “está a mudar a crítica e calquera pode ser prescriptor de libros. A propia evolución dos buscadores de Internet e de tendas como Amazon van facilitar que aparecan de xeito automático as obras preferidas polos lectores. Pero isto non é contraditorio coa importancia do papel do crítico. O lector manterá a tendencia a buscar voces autorizadas que o orienten nas súas eleccións”, salienta.

Futuro
Malia a estas evolucións, “as revistas literarias continúan a ter sentido, pódese discutir se son necesarias en papel, pero as revistas na rede achegan unha panorámica dun tempo determinado, e crítica de lanzamentos recentes. É certo que mudan conceptos como o de periodicidade, pero máis ou menos preséntanse os mesmo contidos, aínda que sexa doutro xeito”, explica Riveiro. De cara ao futuro, para Pena “compriría aunar esforzos para crear unha revista divulgativa que aunase crítica e creación. Primeiro para abrir fronteiras, que é algo que necesita a nosa literatura, e logo para gañar e fidelizar lectores”. Encol do debate entre edición en papel e dixital, ten claro que “a medio prazo o futuro é a convivencia de formatos, e que os saiba combinar axeitadamente levará a palma”.