A revista “Industrias Pesqueras” vicedecana da prensa especializada en Europa amosa a súa historia nunha exposición

Como peixe na auga

| Santiago. Redacción | Seccións: SociedadeExposicións
Compartir:

Industrias Pesqueras é moito máis que o título dunha revista. É o reflexo dunha publicación especializada que foi motor e acicate do cambio social no sector pesqueiro dun país onde a pesca supoñía un importante montante de negocio. Motor e testemuña do cambio da pesca este ano cumpre 75 anos ininterrompidos.

Informou en Galicia dos motores diesel cando non existían a penas como mecanismo; descubriulles ós armadores españois unha especie de profundidade como era o fretan negro e ese espírito activo continúa hoxe promovendo a celebración en Vigo de catro edicións da Exposición Mundial da Pesca. “Industrias pesqueras” é moito máis que unha revista, é un motor impreso e dixital que cumpre este ano 75 anos en carteleira. Un período de tempo que a converte na revista especializada vicedecana da prensa especializada en toda Europa.



Navegar por todos os mares


Naceu en Vigo por ser unha das primeiras rexións pesqueiras do Estado Español e porque co paso do tempo o porto vigués se foi consolidando como sede e atraco das máis importantes flotas do litoral. Iniciativa da histórica Asociación General de Industrias Pesqueiras e as súas Derivadas, desde o seu primeiro número, o 15 de abril de 1927, foi marcando unha época e un estilo. De feito, foi quen desenvolveu en España o papel de dar a coñecer as novidades que se producían no sector a nivel internacional. Foi fundada por José Barreras Massó e comezou baixo a tutela de Miguel Rodríguez. O barco seguiría capitaneado por Francisco Fernández del Riego ó que seguiría Valentín Paz Andrade (que asinaba baixo do pseudónimo de “Mareiro” nos primeiros números da revista).



E “Industrias Pesqueras” apareceu cada quince días ininterrompidamente en épocas tan difíciles do momento histórico. Non faltou á súa cita cos problemas científicos e económicos derivados do mar nin na dictadura de Primo de Rivera, nin na segunda Guerra Mundial nin na dictadura franquista. E a día de hoxe conseguiu modernizarse ata tal punto que mesmo ten unha web desde a que se pode acceder a todos os seus contidos.



A revista foi unha tribuna xornalística do sector pesqueiro desde todos os puntos de vista. Desde as noticias e novidades económicas, industriais e mesmo de orde técnico, ó lado de novidades da ciencia oceanográfica e ictiolóxica, novos inventos e procedementos de pesca así como outras disciplinas afíns que están moi vencelladas á actividade pesqueira (transporte, conservación, construcción naval...)



Unha cultura vencellada co progreso


Ademais de ser foro e motor do cambio social dunha actividade industrial que supuña unha porcentaxe significativa dentro do sector productivo galego, “Industrias Pesqueras” soubo darlle ese toque entre científico e popular que non esquece nin distingue de disciplina nin de artes. Foi por ese motivo que un nutrido grupo de artistas e especialistas culturais, vencellados en parte coa relación que Valentín Paz Andrade tiña co mundo da arte e da cultura, colaboraron coa revista. Nos seus 75 anos de historia polas súas páxinas pasaron os traballos de Castelao, Federico Ribas, Carlos Maside, Guillermo Fontán... e tantos e tantos persoeiros que souberon darlle unha riqueza expresiva e plástica a unha revista xa de por si moderna e con personalidade.



Non é habitual que unha publicación especializada lle conceda tanta importancia ó mundo da cultura. En parte porque desde Fernández del Riego ata Valentín Paz Andrade, moi vencellados co mundo da cultura, souberon ver que a pesca desenvolvía outras formas de cultura. Unha expresión que se mantén mesmo ata día de hoxe, onde a revista se converte en obxecto de arte en si mesmo na exposición “Vigo, horizonte marítimo” que se exhibe no acabado de inaugurar “Museo do Mar”.


Que che parece esta nova?
21 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Europa, Valentín Paz Andrade, Vigo, Francisco Fernández del Riego...