
Xesús Couceiro, alma mater da Libraría Couceiro está inmerso nun proxecto complementario á tradicional oferta do establecemento, especializado en libro galego e en libro antigo, do cal é unha referencia a nivel galego. Couceiro adquiriu un pequeño selo editorial, con máis de 25 anos de actividade, chamado Edicións do Cerne, e do que fora cofundador Luis Mariño. Na última década Do Cerne tivera unha actividade intermitente e en retroceso, ata que foi adquirida pola Libraría.
Agora, o selo editorial agrupará os proxectos novos de Couceiro, pero non reeditarán o catálogo previo. E os proxectos novos teñen un denominador común.
Son facsímiles de primeiras edicións de autores galegos que non teñen dereitos de autor, sinala Couceiro, aínda que o criterio de selección de obras e partes de obras responde tamén a outros criterios editoriais. Por exemplo, o interior do primeiro libro editado polo selo, La Cocina Práctica, de Picadillo, contén o interior facsímile da primeira edición pero a vistosa portada pertence á octava. Non nos meteriamos nisto se non tiveramos o coñecemento do negocio do libro de vello, asegura Couceiro, xa que temos capacidade para localizar exemplares que están no mercado.
Un dos elementos máis interesantes do proxecto é precisamente aproveitar sinerxias entre a reedición destes libros a partir de valiosos exemplares que a librería ten en depósito. Como asegura Pablo Couceiro, o prezo dunha primeira edición orixinal é moi elevado e só pode ser adquirida por un cliente moi especializado, pero canda esa liña habitual do negocio, a empresa agora permite que outros clientes poidan dispoñer tamén dunha réplica desa publicación a un custo, obviamente, moito menor. Para a propia editorial, os custes de produción son moi reducidos. A través da edición dixital facemos tiradas moi pequenas, en función da demanda, porque hoxendía os grandes custes no mundo editorial son máis ben o almacenamento, asegura Xesús Couceiro. E hai demanda para estas primeiras edicións?, preguntámoslle ao libreiro. Por suposto que si, asegura.
A gastronomía como punto de partida
A primeira liña editorial busca, precisamente, esa proximidade a temas populares. Unha colección de libros gastronómicos galegos, dirixida por Guillermo Escrigas e Fausto Galdo, que comezou co Picadillo referido previamente e ao que seguirán algunhas publicacións sorprendentes. Estamos xestionando coa Biblioteca Nacional a edición dun exemplar único. Un incunable de 1486 feito por un galego para a raíña Isabel a Católica. É un tratado de protocolo, boas maneiras na mesa, asegura Couceiro, e tamén estamos traballando cun libro de receitas de Catalina de la Cerda y Sandoval, muller do VII Conde de Lemos, é dicir, un receitario de a cabalo entre o século XVI e XVII. Ou mesmo máis curioso, o receitario que a María Elvira Fernández, Maruxa Seoane, muller de Luís Seoane foi publicando en revistas uruguaias e arxentinas.
Canda estas publicacións, o relanzado selo Do Cerne está a traballar noutras liñas cunha Historia de Betanzos e nunha Historia de Galicia de Vaamonde Lores, ou a novela La marquesa de Camba de Antonio Neira de Mosquera. No tempo do libro dixital, a Libraría Couceiro busca recuperar o valor físico das primeiras edicións.



