A iniciativa Sermos Galiza anuncia un novo semanario en galego para este mesmo ano

O proxecto ábrese á participación cidadá para recadar fondos

Logotipo de Sermos Galiza
Logotipo de Sermos Galiza
Un semanario de información xeral e mais un diario dixital en galego. Estas son as propostas que a iniciativa Sermos Galiza quere desenvolver antes de que remate este ano. O proxecto presentouse esta mañá en Compostela co apoio de persoeiros de diferentes áreas da nosa sociedade como Teresa Moure, Manuel Mera, Xurxo Souto, Xosé Ramón Freixeiro Mato ou Marga Romero entre outros. Segundo asegurou esta última na presentación, hai xa varios meses que un equipo de profesionais traballa na configuración do novo medio, que pretende achegar unha alternativa no actual panorama informativo e que quere defender "os intereses da Galiza na nosa lingua, crear redes de participación e ser a voz da cidadanía".

Con esta presentación pública ábrese unha fase de achega de fondos ao proxecto. Segundo os cálculos dos promotores, cómpren 3.000 socios, canda a unha serie de accionistas, para que o novo medio bote a andar. A proposta está aberta tanto a particulares como a empresas e colectivos sociais, con vistas a conseguir un accionariado múltiple que evite socios maioritarios que poidan condicionar a liña editorial, segundo os promotores do proxecto.

A medio prazo, a proposta quere expandirse a medios como a radio, nomeadamente a dixital e mesmo a televisión en Internet. De conseguir apoio abondo non se desbota mesmo a posibilidade de constituír un novo xornal na nosa lingua. Entre outras propostas da liña editorial, quérese atender de xeito especial ao público mozo e prestar atención ás novas da lusofonía. Ao tempo preténdense aprovitar as posilididades de traballo en rede establecendo "unha sólida rede de colaboradores" e incidindo na "autoría plural, tanto no ámbito da opinión e crítica como na informaicón directa desde os distintos focos informativos".

Os promotores da iniciativa consideran que existe "un baleiro de voces que respondan ás ansias informativas dun segmento crecente da poboación", sinalan que "a política informativa do goberno da Xunta contribuíu para agravar esta situación provocando a marxinación das voces críticas nos xornais", e denunciou "manipulación e mesmo censura" nos medioso públicos.

Polo momento non está definida a cabeceira coa que o novo proxecto pretende saír á rúa.


******* Listaxe de promotores da iniciativa *******


Francisco Carballo, historiador.

Manuel Mera, sindicalista. Presidente da Fundación Fesga.

Manuel Vilar, investigador na Historia da Arte e o Patrimonio.

Marga Romero, escritora e profesora.

María Reimondez, escritora e presidenta de Implicadas no Desenvolvemento.

Marica Campo, profesora e escritora.

Nemesio Barxa, avogado.

Néstor Rego, profesor e presidente da Asociación Cultural O Galo.

Olalla Rodil, estudante da Universidade de Vigo.

Teresa Moure, escritora e Profesora da Universidade de Santiago.

Xosé Lois 'O Carrabouxo', humorista gráfico.

Xosé Ramón Freixeiro Mato, o profesor da Universidade da Coruña.

Xurxo Souto, músico.