Os libros galegos máis vendidos son títulos que se manteñen durante anos nas librerías

Resistir é vender

Nin novelas de espías, nin románticas, nin biografías de famosos, nin novidades espectaculares. Os libros máis vendidos en galego son obras coma “Memorias dun neno labrego”, que se manteñen nas nosas librerías durante anos. Hai que ter en conta, sen embargo, que só un 15% das vendas son noso idioma, ou sexa que aquí tamén compramos Stephen King. E en español.

Os mellores son os longos


Manuel Bragado, director de Xerais e autor dun exhaustivo informe sobre a situación do libro no país, sinala que en Galicia non se pode falar de “best sellers” propiamente ditos. O anglicismo aplícase, segundo el, a aqueles “libros que teñen unha venda rápida durante uns poucos meses e que axiña son substituídos por outros coas mesmas características”. Para Bragado o noso mercado literario caracterízase pola existencia de “long sellers”, libros que manteñen unhas cifras de vendas continuadas ó longo do tempo. O editor cre que o noso sistema literario aínda non acadou un umbral suficiente de lectores para entrar nese fenómeno pero sinala que, seguindo a definición do editor Jorge Herralde, os “long sellers” teñen asociado un nivel de calidade literaria do que carecen os “best sellers” habituais.




¿Que len os que len?


Agora mesmo, e segundo revela a lista de vendas de “A Nosa Terra” (unha das poucas que existe no país), o libro máis vendido en galego está a ser “As chamadas perdidas”, o último de Manolo Rivas. Detrás del está “Millo Verde” de Fernández Ferreiro e “O sabre do francés” de Miguel Anxo Fernández. Outra obra que nos últimos meses se mantén entre as máis vendidas é “O sol do verán”, a novela póstuma de Carlos Casares. Sen embargo, debemos ter en conta que as vendas de libros en galego no país só son un 15% do total, polo que podemos concluir que os libros máis vendidos en Galicia están a ser “La ciudad de las bestias” de Isabel Allende e “Horacio dos” de Eduardo Mendoza, segundo a lista da revista “El Cultural”. Isto supón que o fenómeno dos “best sellers” dase no noso país pero restrinxido ás obras escritas en español. En xeral a narrativa de ficción copa os postos de obras máis vendidas, se non contamos os libros de texto. Neste sentido Manuel Bragado sinala que a nosa literatura carece de obras de ficción histórica, literatura romántica ou biografías, xéneros nos que habitualmente se poden incluír moitos dos best sellers internacionais. Debemos ter en conta tamén que a terceira parte dos 1.197 libros que se editaron no país durante o ano 2001 estaban dirixidos a un público infantil e xuvenil, un sector que, segundo sinala Carlos Lema, director de edición de Galaxia, ten un grande peso en todos os sistemas editoriais occidentais.




Para entrar na lista



Que un libro editado en galego venda seis ou sete mil exemplares xa é de abondo para que se considere un éxito de vendas. Sen embargo, os primeiros postos da lista superan con moito esta cantidade. Por encima de todos está a situarse como fenómeno destacado “O lapis do carpinteiro”, que xa leva vendidos máis de sesenta mil exemplares desde a súa publicación no ano 1998, dos que 5000 vendéronse no último ano. Onda el atópanse títulos xa históricos coma “Memorias dun neno labrego”, de Xosé Neira Vilas que xa viu máis de vinte edicións nos últimos trinta anos e que tira de cada volta uns catro mil exemplares. Tamén resistindo desde a súa publicación mantéñense as vendas de “Galván de Saor” de Darío Xohán Cabana, con máis de 40.000 exemplares ou de “Crime en Compostela” de Carlos Reigosa, que supera os 35.000. Valores seguros son tamén os clásicos de Rosalía, “Follas Novas” e “Cantares Gallegos”, así coma as obras de Castelao, Cunqueiro ou Blanco Amor, que venden varios milleiros de exemplares ó ano nas súas diversas edicións.



Factores


Manuel Bragado pensa que a resposta do público ante determinados libros vén determinadapola recomendación dos libreiros e entre lectores, e que é a calidade da obra a que determina fundamentalmente o seu éxito. Pola súa banda, Manuel Lema incide na importancia dos xéneros narrativos, sinalando que unha obra que pase por riba destas convencións non chegará nunca a situarse nun posto destacado de vendas. Segundo el, as referencias de xénero que permiten ó lector posicionarse con respecto á obra e contextualizala son fundamentais para que un libro teña éxito. Fóra diso, que un libro pase a ser obra de lectura obrigatoria no ensino é un factor fundamental no noso país para que chegue a estar entre os máis vendidos. A continuación situaríase o nome do autor como factor determinante, un fenómeno que, segundo Bragado, aínda apareceu hai pouco na nosa literatura. Unha obra asinada por Manolo Rivas, Suso de Toro ou Méndez Ferrín na narrativa para adultos, ou por Agustín Fenández Paz nos libros infantíns e xuvenís, ten asegurada unha boa porcentaxe de vendas. Os premios literarios tamén inflúen en que un libro se venda ou non , aínda que a súa incidencia nas vendas diminuíu nos últimos anos. De calquera xeito, un Premio Xerais segue a vender sen moitos problemas 2.500 exemplares.




Cara adiante

A crise do sector editorial galego, cun acusado descenso de vendas e de tiraxes, está a obrigar a estas empresas a buscar novas políticas de edición. Así, nos últimos anos estamos a ver un afortalamento das coleccións troncais de narrativa de cada casa, mentres decaen coleccións xenéricas coma as dedicadas á novela negra. Ademais, estase a impulsar fortemente o libro de peto, e iniciativas coma a Biblioteca 120 de “La Voz de Galicia” abren novos cauces para achegar os libros ós lectores. Por se fose pouco, a reforma educativa que se está a aplicar en todo o estado diminúe a cantidade de obras obrigatorias e deixa a alumnos e profesores a elección de lecturas, o que pode provocar unha dispersión nas vendas. Resumindo, todo fai prever que haberá mudanzas en cales serán os libros máis vendidos, pero a existencia do fenómeno do “best seller” como se dá noutras literaturas non se ve próximo no noso país.


Novidades editoriais.
As editoriais do país adiántannos os títulos que lanzarán durante este outono.