Polaqia di adeus

O colectivo galego de autores de BD despedirase ao final deste ano

Logotipo de Polaqia
Logotipo de Polaqia
Dez anos de traballo de edición e dinamización de banda deseñada en Galicia rematan. O colectivo Polaqia despedirase a final de ano, non sen antes desenvolver unha intensa actividade. Segundo explica David Rubín, actual presidente da asociación, "a función de Polaqia está máis que cumprida nestes dez anos. Nacemos nun momento no que non había onde publicar e hoxe a maior parte de nós traballamos en Galicia, en España ou mesmo no estranxeiro". Detrás queda unha traxectoria que implica dous premios no Saló del Còmic de Barcelona, exposicións colectivas ou 16 números do fanzine Barsowia (contando o que sairá este verán) e diferentes obras individuais entre outros logros.

"É a fin dun ciclo natural. Detrás desta retirada non hai problemas económicos, nin crises de vendas nin discrepancias entre os membros do colectivo. Acordouse que a función está cumprida e preferimos facer como os grupos de rock de verdade e retirarnos pola porta grande", explica Rubín.

A exposición Acción #1 no edificio Normal da Universidade da Coruña, é o comezo das actividades de despedida. Na mesma, os diferentes autores do colectivo comparten espazo cos artistas urbanos Nin9 e Sr. X e amosan páxinas orixinais dos seus traballos. De cara aos vindeiros meses verán a luz o xa anunciado número 16 de Barsowia, unha edición especial que levará máis páxinas do habitual e inclúe traballos da maior parte dos autores que pasaron pola cabeceira. A xa habitual festa que organiza o colectivo con ocasión do festival Viñetas desde o Atlántico, en agosto, é a seguinte cita da axenda polaqa. Desde entón a fin de ano desenvolveranse aínda novas actividades de despedida que se irán anunciando.

Malia á fin de Polaqia, Rubín asegura que os seus membros non se han manter inactivos. "Non hai nada falado, e está todo aberto, pero estou certo de que van saír proxectos novos. Todos os membros do colectivo somos espíritos inquedos e está claro que, de xeito individual, ou xuntándose varios ou con xente de fóra, está claro que irán xurdindo propostas".
Texto de David Rubín sobre a despedida de Polaqia. Fai parte do catálogo da exposición AccióN #1.