Unha nova web para o CCG

O Consello da Cultura Galega actualiza o seu web para facilitar o acceso aos contidos da institución

| Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:
Unha nova web para o CCG

O CCG é unha das institucións máis veteranas de Galicia no uso das novas tecnoloxías, contando con web desde o ano 1998. 13 anos despois, hoxe preséntase a cuarta versión do web do CCG, poñendo o énfase na localización e acceso á gran cantidade de contidos en rede que ten publicados a institución.

Desde o ano 2000, o Consello da Cultura Galega enfatizou a presenza en Internet de contidos da cultura galega, de libre acceso e gratuitos para os cidadáns. Desde entón, o CCG ten editado na rede numerosas publicacións que abranguen todos os ámbitos da cultura galega, ata o punto de que o web actual non permitía visibilizar e acceder a esta cantidade de contidos.

O novo web enfatiza tanto o incremento de actividades públicas da institución como o acceso doado aos recursos en liña que esta ofrece. O seu primeiro paso foi a nova Mediateca do CCG, un gran repositorio documental que permite acceder aos contidos producidos no CCG ou en eventos que este organiza. A partir da nova Mediateca, xerouse o resto do sitio web, enfatizando a facilidade de lectura, as estruturas modulares que permiten un crecemento sustentable do sitio e poñendo o servizo público como principal elemento. Deste xeito, eventos e convocatorias públicas da institución adquiren unha importante visibilidade. Na zona inferior da páxina de inicio, o visitante pode acceder a un mosaico de actividade dos diferentes deparamentos e Arquivos da entidade, ofrecendo un corpus dinámico.

O redeseño do web do CCG segue as tendencias actuais en actualizacións de sitios. Entende a web como un cambio gradual, no que os elementos se van publicando conforme se van rematando, para que os cidadáns non teñan que agardar polos novos servizos. Se primeiro foi a Mediateca e logo foi a parte troncal do sitio web, a partir de agora se irán renovando gradualmente os sitios web dos diferentes Arquivos documentais creados pola institución.

O redeseño compleméntase co inicio de actividades do Consello da Cultura Galega nas redes Twitter e Facebook, onde se publicarán as novidades da institución.

Que che parece esta nova?
20 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Consello da Cultura Galega, Documentais, Documental, Facebook...