O pensamento que vén

Propostas filosóficas alternativas comezan a arraigar en Galicia da man de grupos de base

Nos últimos anos, están a se multiplicar as iniciativas que fan do pensamento, e en concreto de formas de filosofía consideradas alternativas, o eixe a súa existencia. Grupos de activistas organizan encontros e debates, traducen artigos e libros. Malia a unha variedade de referentes realmente ampla, teñen en común o esforzo por desenvolver xeitos críticos e ver a realidade e apostar por xeitos de actuación horizontais e non xerarquizados, procurando evitar a institucionalización do pensar.

Proxecto Derriba, Universidade Invisíbel, Axóuxere, ou Universidade Cromática das Virtudes, Ergosfera, Alg-a, ou Teatro Resoante son só algúns dos nomes do que semella unha tendencia crecente. Horizontalidade, pensamento crítico, pluralidade, busca de espazos alternativos, traballo en rede e colaboración entre colectivos son algunhas das marcas que se poderían aplicar a estes movementos, que abordan desde a filosofía á pedagoxía, a arte ou a arquitectura. No entanto, definilos claramente ou explicar por qué están aquí non é tan sinxelo.



Referentes do pensamento
A Universidade Invisíbel é un proxecto vencellado á Universidade da Coruña que procura conectar os novos xeitos de acción e pensamento que se dan nos movementos sociais co coñecemento máis académico. Á hora de definir dalgún xeito a pluralidade de movementos que están a xurdir no país recentemente, Branda sinala desde este colectivo que “é posible que se dea unha certa converxencia en torno á aterraxe dunha sorte de pensamento postmoderno, e non só. É curioso porque semella que son ideas que teñen quince ou vinte anos pero que non eran moi comúns do debate académico ou público en Galicia”. Axóuxere é un dos movementos que están a facer parte desta tendencia. A preparar un proxecto de edición desde Rianxo centrado no ensaio, os seus membros participan en diferentes foros deste tipo. Roberto Abuín, un dos membros deste grupo sinala que, para el, “penso que están a entrar novas correntes de pensamento en Galiza. Son cousas que se desenvolven desde hai tempo en diferentes parte do Estado, e sobre todo fóra, xa non só en Europa, senón tamén en Latinoamérica ou Asia”. Pola súa banda, Rebeca Baceiredo, articulista, gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio en 2005 con O suxeito postmoderno e a piques de ler a súa tese sobre Deleuze e de publicar outra obra de pensamento, sinala que, ao seu ver “non é tanto que se estexan a dar novas formas de pensar, pero si existe un movemento incipiente de xente que se organiza arredor do pensamento, cun tratamento de autores contemporáneos, e iso é algo valioso”.

Desde Derriba
O Proxecto Derriba é outro dos exemplos deste tipo de organización. Colectivo centrado na filosofía organiza xornadas e seminarios, ademais de publicar en colaboración coa editora Estaleiro monografías dedicadas a diferentes autores. Antonio Negri, Giani Vattimo, Jacques Derridá ou Slavo Zizek entre outros son referentes cos que traballa esta proposta. Unha das súas iniciativas máis recentes é a organización, no Verbum de Vigo dunha serie de obradoiros nos que se traballa a problematización do concepto de identidade a partir de textos tanto de literatura clásica como de diferentes xéneros. “É un grupo de persoas que se formaron en filosofía e que por motivos profesionais saíron de Galicia e se atoparon desenvolvendo liñas de pensamento que non estaban abondo desenvolvida aquí. Dentro disto téntase facer todo desde unha perspectiva de intervención política. Outra cousa importante é tamén a idea de crear comunidade, compartir e xestionar toda a produción de coñecemento que vimos realizando”, explica Abraham Rubín, un dos membros de Derriba. Para el, “o que está claro é que está a xurdir moita xente con inquedanzas que quere aprofundar e facer cousas, especialmente en aspectos que non están tratados desde a academia”

Difícil tipoloxía
Encol destes movementos sociais, Abuín destaca a variedade de referentes que se manexan nas diferentes iniciativas. “É un perigo tentar caracterizar dun xeito ortodoxo estes movementos. Se acaso, pódese dicir que estas experiencias teñen a peculiaridade de ser máis autónomas e evitan ter unha representatividade fixa no sistema, entendendo que cada vez que o sistema fixa algo acaba por esmagalo. Como risco común pódese falar de que son críticos co establishment sociocultural capitalista ortodoxo, con referentes nómadas (no sentido que lle daba Deleuze a este termo), de movementos comunais e de revolta social e mesmo do black power, experiencias de maio do 68 ou críticas deconstrutivas sobre o Estado. Está tamén unha certa esencia de non querer chegar a ser ortodoxos, abrir novos campos para a creatividade e o pensamento”. Malia a que Baceiredo concorda no carácter periférico destes movementos, destaca a necesidade de lle outorgar máis importancia ao pensamento no conxunto social. Ao seu ver, “aínda que está moi ben que este tipo de movementos saia nas marxes, a sociedade debería ser consciente da importancia do patrimonio intanxibe que posúe e que é moito máis do que queda do pasado”.

Causas
Á hora de buscarlle causas a esta explosión, Branda propón algunhas posibilidades encol das causas destes movementos. “A nosa impresión sobre isto é que pode ser o produto dunha fase histórica que se caracteriza polas maiores posibilidades de acceso aos máximos niveis do saber. E isto dase tanto polas novas tecnoloxías e a posibilidade de compartir información como por un incremento destacado de poboación que accede á universidade”, explica. “Entón este incremento do saber pode dar na aparición de singularidades, agrupacións que tentan traballar na produción e distribución de saberes mesmo desde fóra da Academia”. Falamos entón dalgo que poderíamos definir como unha masa crítica de pensadores. “Hai como unha sorte de exceso de adquisición de saberes que non se dá absorbido polo mercado, tanto a nivel económico como polas canles establecidas de difusión do coñecemento”, explica. Coincide con el na importancia das novas tecnoloxías Abuín, quen apunta que “ata o de agora moitas correntes chegaban tarde a Galicia porque estaban mediadas por España. Agora podemos saltar esa barreira”. Baceiredo, pola súa banda considera que “a falta doutro amparo institucional e de movementos organizados, a xente á que lle interesa outro tipo de realidade, tanto económicas, políticas como do outro tipo, organízase e tenta implementar os seus intereses. É algo moi orixinal que xorde se xeito independente. Trátase de grupos que amosan un compromiso forte, e estou a pensar de ámbitos que van para alén do pensamento, colectivos que van desde Derriba ata Estaleiro Editora pasando pola colección de ensaio de Baía”.

O ensaio
A tradución ao galego de obras de referencia no campo do pensamento alternativo como o Indignádevos de Stéphanie Hessel, Decrescimento, crise, capitalismo de Carlos Taibo, o Manifesto contra o traballo do Grupo Krisis, ou mesmo Por qué non son cristián de Bertrand Russell está, para Abuín relacionado con esta emerxencia do pensamento. Do mesmo xeito poden mentarse as monografías sobre diferentes autores que Derriba edita en colaboración con Estaleiro Editora ou as que lanza Baía Editorial. “Na saturación cultural na que en xeral estamos metidos, non aparece o espazo para pensar, e o ensaio é onde se deu iso. Para min a aparición do ensaio que estamos a ver na actualidade amosa como se houbese unha intelixencia colectiva que detectase que precisamos facer un espazo, pensar e parar, e aí aparece o ensaio. Para alén de cuestións ideolóxicas detéctase un interese común por levar o pensamento ao centro. En Galicia a creación literaria enfocouse moito na narrativa e na prosa, pero campos como ensaio víronse máis como algo didáctico do que nas súas posibilidades de experimentación e creación”. Pola contra, para Abraham Rubín non lle outorga unha especial importancia á edición deste tipo de obras “non penso que nese sentido este sexa un momento especial, fai parte do proceso de normalización da lingua que se traduzan cada vez máis. Se acaso destacaría que a maior parte deste traballo xorde de iniciativas que non contan con apoios institucionais, cando precisamente iso sería o normal. Entón tamén é lóxico que a cousa vaia a modo”.

O que virá
De cara ao futuro, Abuín considera que estamos aínda nunha primeira fase e que este tipo de movemento dará na constitución de novos espazos. “Xente de diferentes ideoloxías van continuar reuníndose para pensar e reflexionar. Son necesarios espazos como a Casa das Atochas”, o centro social ocupado que a policia desaloxou a pasada semana na Coruña, “lugares onde se poidan contrastar pensamenos e ideas. Anticipo que se vai a crear unha certa circulación ensaística e que co tempo iranse incrementando os debates e a propia sociedade irá pedindo espazos deste tipo”. Rubín, pola súa banda, considera tamén que estes movementos están a se consolidar. “Cada vez os colectivos están máis en contacto entre si. Con iso pódense crear unha serie de sinerxias que han provocar efectos nun ou noutro ámbito. Penso que nun país no que se está acostumado a traballar de xeito illado este é un dos saltos máis relevantes a día de hoxe. Está por ver o que sae finalmente de ahí, pero o importante é que vaian xurdindo movementos e que cada vez se vaian facendo máis cousas”. Para Baceiredo, este tipo de movementos ten aínda un longo camiño por diante. “Hai que darlle tempo a que isto evolúa, os que se están a mover son xente nova”.