Betanzos remata o Festival Internacional de Títeres que antes rotou por catro cidades galegas

¿Quen manexa os fios?

Son todos os que están pero non están todos os que son. Primeiro vímolos en Pontevedra, logo foron dar a Santiago, de aí a Lugo polo San Froilán e estes días andan en Betanzos. Son os monicreques cos seus titiriteiros, os que con varas, variñas, fíos e mans ofrecen nas súas barracas historias de medo e de escarnio para delicia de grandes e pequenos. É o Festival Internacional de Títeres.

Son os monicreques os irmáns pobres e pequenos do teatro. Dicimos pobres porque o orzamento que se lle dedica é moi inferior ó de outras artes escénicas, e dicimos pequenos porque os seus espectáculos caben nunha maleta. En Galicia as marionetas teñen tradición e sona. Son herdeiras do estremeño José Silvent, máis coñecido como Barriga Verde, que paseou a súa barraca polas feiras de Galicia con espectáculos medio censurados entre cultos e morais. Os monicreques teñen hoxe en día o seu renacer en numerosos eventos e festivais. Estes días está piques de rematar o Festival Internacional de Títeres, que desde esta edición tomou o nome xenérico de “Galicreques” e que culmina en Betanzos un peregrinar que iniciou en Pontevedra, e que levou a Lugo e a Santiago as mesmas compañías e os mesmos festivais. Pero este ano tamén se celebran os “Títeres na escola” para os máis novos nunha campaña promovida nos centros de ensino infantil e primario da Deputación de Pontevedra, “Tirideza” o máis recente deles que se celebra en Lalín (casa e sede das marionetas a través do seu Museo Galego da Marioneta) e o Festival Internacional de Títeres de Redondela. Cada quen co seu promotor, financiador e compañías, aínda que todos cun espectáculo ou orientación moi clara: achegar o mundo descoñecido dos títeres.



Estes días en Betanzos se celebra a última sede do Festival Internacional de Títeres, que leva xa sete edicións e que este ano presenta como principal novidade, segundo Jorge Rey membro da organización, “acoller o nome xenérico de Galicreques”. Un evento que se levou ata catro cidades cun éxito rotundo de público. Un feito que quizais, se desenvolveu gracias a que se pensou un festival que contemplase espectáculos para distintos tipos de públicos: funcións para adultos e funcións para nenos. Financiado polo Igaem (Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais), o Inaem, polos concellos e pola propia taquilla dos espectáculos, foise conseguindo medrar en edicións. Este ano celebrábase a sétima e deuse en concellos onde xa existía unha certa tradición titiriteira.



E se este festival suma edicións, outro que acabada de nacer é “Titirideza” que celebrou o seu nacemento en agosto deste ano na localidade pontevedresa de Lalín. Un certame nacido ó abeiro do Museo Galego da Marioneta que xestionan as compañías Viravolta e Seisdedos gracias a unha concesión por dez anos do concello. Tivo a súa primeira edición un pouco de tanteo como asegurou un dos organizadores Damián Paío, “para ver o que funciona e o que non, pero para o ano será internacional”.



E outro dos festivais internacionais que levan tempo en carteleira sendo fieis á súa cidade é o Redondela.




Se estes certames son eventos a todos os público, programados para as rúas, para os teatros e auditorios en función do que se quere contar, hai outro tipo de festivais que están pensados desde a base, é dicir, para un tipo de público e cun obxectivo moi concreto. É o caso da campaña “os títeres na escola” que a asociación Titerescola (integrada desde hai dous anos por Artello, Miro Magariños, Spaguetti, Tanxarina, Títeres igual trapas e Viravolta) subvenionada pola Deputación de Pontevedra con 25.300 euros pon en marcha. Segundo Santiago Montenegro, coordinador do proxecto deste ano, “pretende achegar espectáculos de títeres producidos polas compañías profesionais da Provincia de Pontevedra”. Desde hai 13 edicións a Deputación de Pontevedra promove este programa que comezou sendo unha iniciativa de Unima Galicia (a delegación galega da Federación Unima de defensa do títere) que deixou o seu traballo a favor de Titerescola polo carácter local desta iniciativa. O proxecto está restrinxido a área de Pontevedra. “A día de hoxe, conta Santiago, a campaña facíase no mes de outubro e novembro, pero tiñamos un proxecto para facer unha segunda campaña escolar para os meses de maio”.



Un panorama que se completa coas actividades (fóra de circuítos e de festivais de carácter populoso) que organiza Unima Galicia, que organiza eventos que están relacionados co mundo do títere en xeral e non con iniciativas puntuais e pequenas. E xa non só iso, senón que coa Sala Yago reconvertida en sala de marionetas conséguese un espacio para programar espectáculos dun xeito asiduo e constante.



Pero hai máis


Cando a Barraca de Barriga Verde deixa de funcionar. Alá polo 64 o mundo dos títeres estaba un pouco esmorecido e alicaído. Pouco a pouco un par de compañías, foron comezando a rexurdir a finais dos oitenta o mundo dos títeres que darían paso a outra serie de festivais e eventos.



Segundo Jorge Rey de títeres Cachirulo, organizador dun festival e responsable da Sala Yago en Santiago existen dous fenómenos que incidiron neste repunte. Por unha parte “unha viaxe que un grupo de persoas fai ó instituto de Teatro de Barcelona que a súa volta forman unha serie de compañías e outra a través dun grupo de xente que se move arredor da literatura e dos cafés, que botan a andar os espectáculos desde un punto de vista crítico”. E todo isto nas mesmas datas a finais dos 70 cando coincide unha inquietude polos títeres e polo teatro de marionetas.



No ano 79 volven de Barcelona para montar espectáculos. Tatán que funda “Tanxarina”, Fernanda que crea “Trécola”, e uns anos depois Rafa funda “Zeta Zeppelín” e César Lombera “Tirití” (hoxe desaparecida). E por outro lado, do mundo dos cafés e das tertulias xorden os Monicreques de Kukas (os máis antigos desta nova era de marionetistas) que comezou a súa función cun acto de protesta contra a construcción da autopista de Santiago-Coruña (onde a súa proposta era ofrecer unha vía alternativa á construcción da autopista xeral de peaxe). Eran, como di Jorge Rey “historias daquela época que hoxe parecen doutro mundo”.



Con este rexurdir creouse a Asociación Galega de Tiriteiros, e con eles toda unha nova serie de espectáculos. Estiveron os “Encontros de tiriteiros” promovidos polo daquela conselleiro de cultura Figueira Valverde (en Vigo, Celanova, Betanzos, Santiago...) que crearon tan bo ambiente, e tanto interese que deron lugar a novas citas. En Vigo naceu o Festival Internacional de Títeres (que se iniciou no 87) e que coincidía cos exitosos e clásicos “Domingos de Furabolos” (financiado daquela pola Consellería de Cultura). E os domingos foron tan exitosos que se duplicou o número de compañías, coa conseguinte merma na calidade dos espectáculos que fixo que se perderan as subvencións co que a Asociación de Titiriteiros veuse abaixo. Coa chegada da creación do Igaem, todo o mundo dos títeres volveuse a estructurar paseniñamente. As compañías perviviron e subsistiron e pouco a pouco volveron a crear estes circuitos sólidos nos que presentar as súas montases. O tecido estructural das marionetas foise consolidando, chegando en decembro de 2001 a abrir o seu museo, o Museo Galego das Marionetas. Sempre con norte e guía en Santiago na sala Yago reconvertida como lugar de marionetas, os títeres teñen a súa función aberta para todos, para grandes e pequenos.