O Colectivo Sacou de Noia acadou, a base de esforzo e de botarlle moita cara, tratar as personalidades máis destacadas da literatura mundial

A importancia de ter rostro

O Colectivo Sacou , un grupo de rapaces novos que se xuntan coa intención de dinamizar a vida cultural da súa vila (neste caso Noia) e defender a cultura do país. Ata o de aquí, unha historia común. O que non é tan común é que varios premios Nóbel teñan exemplares da publicación destes grupo, que os seus compoñentes participasen nos actos do Día Mundial da Poesía 2001 ou que leven tres anos organizando actos polo que custan uns pinchos.

A filosofía do pincho

Acadar que un escritor con fama no país acuda a un acto organizado organizado por un grupo descoñecido de rapaces nunha vila máis ou menos afastada non é tan difícil. O colectivo Sacou vén demostrándoo en Noia desde 1999.”A xente se, es educado e tentas atacarlle polo lado sensible adoita ser boa. Nós non temos un patacón, e intentamos compensalos cunha amena conversa e uns pinchos”, explica Manolo Del Río, un dos fundadores do colectivo. Nos actos de Sacou, os calamares son os reis da mesa, “os literatos galegos teñen unha paixón enfermiza polos calamares, é o primeiro que desaparece”. Pero tamén hai tortilla, queixo, pementos e embutidos que se reparten entre convidados, membros do colectivo e espontáneos, ademais dunhas botelliñas de viño. Para convencer ós persoeiros da cultura para que colaboren gratis, os de Sacou sonsácanos falando da súa mocidade (todos eles roldan os vinte e moi poucos), da gaña de facer cousas ou da admiración polo suxeito concreto. ¿Que como conseguen os números de teléfono? Preguntando e buscando na guía. Unha maioría dos interpelados colaboran co colectivo, e mesmo moitos queren repetir.”A maior parte da xente ten bo corazón”, sinala Manolo.




Nomes e fitos

Facendo as cousas deste xeito, teñen acadado que pasasen por Noia sen cobrar para recitais, charlas e conferencias xente coma Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares, Chus Pato, Xosé María Álvarez Cáccamo, Iolanda Ogando, Damián Villalaín, Francisco Fernández Rei, Iolanda Castaño, Enma Couceiro, gonzalo Navaza, Anxo Angueira, Euloxio Ruibal ou Luís Álvarez Pousa entre outros. Moitos deles foron chamados para participar nas Xornadas de Defensa da Cultura Galega, que xa levan dúas edicións e que contan coa colaboración do Concello de Noia á hora de pagar a publicidade, os pinchos e unha figuriña de recordo para cada convidado. Para os actos organizados polo colectivo en solitario, son os propios membros de Sacou os que fan bote para pagar os pinchos que tamén comparten. Ademais das xornadas, o colectivo fixo recitais e presentacións por casas da cultura de toda a zona da Ría de Noia, un primeiro paso na intención destes rapaces de darse a coñecer nas principais cidades do país. Aproveitando a estancia dun membro do grupo en Ourense, conseguiron unha presentación-recital no desaparecido Café Auriense, e aló foron todos, a durmir no chan da casa do seu compañeiro. E aproveitaron a estancia para visitar Allariz, onde tamén tiñan concertado un acto no café Roi Xordo. E todo seguindo a filosofía do pincho e do traballo gratuíto. Tamén aproveitando a estancia de coñecidos en Vigo arranxaron outro acto no bar A Cova do Rato, aloxándose nada máis e nada menos que na casa de Méndez Ferrín, que tamén presentou o recital.




Día da Poesía: De cara ó estrelato


Sen dúbida un dos fitos fundamentais do colectivo foi a súa participación no World Poetry Day celebrado en Compostela no ano 2001. Avisados por un coñecido da existencia deste evento e aproveitando a estancia de varios membros do colectivo en Compostela, participaron no recital de novos poetas galegos e aínda despois deron outro no espacio habilitado para recitar no Pazo de Bendaña. Por se fose pouco, foron convidados a falar na mesa redonda sobre a edición da poesía, logo de que fallasen varios dos asistentes, e aportar a súa visión de autores autoeditados. Na súa liña habitual, os membros de Sacou aproveitaron os viños de honra celebrados despois dalgúns actos para iniciar conversa con premios Nóbel coma Wolé Soyinka ou con poetas de varias nacionalidades. Neste encontro os membros do colectivo realizaron abondosos contactos e agasallaron con libros de Rosalía, Ferrín, Manuel Antonio e Blanco Amor a varios poetas, con tan boa fortuna que algún deles convidounos a participar nun encontro de poetas novos en Trieste (con gastos pagos), que finalmente non se chegou a celebrar.



Pronto todo o mundo terá unha “Caramuxa”

Ano 2000. Consello da Cultura Galega. Viño de honra posterior a unha presentación. Carlos Casares, daquela presidente da institución, debate animadamente cuns rapaces que acadan venderlle, ó módico prezo de vinte pesos o exemplar, unha colección completa da revista que edita o seu colectivo. Si, son de novo os de Sacou. A revista trimestral do colectivo, “A Caramuxa” chegou seguindo este sistema a persoeiros coma Saramago, Walé Soyinka, Derek Wallcott, Eugênio de Andrade, Jean Ives Casanova, Méndez Ferrín... Unha revista que inicialmente se publicou en fotocopias coas contribucións de cada un dos membros do colectivos ata que no número sexto se lles ocorreu preguntar na imprenta da editorial noiesa Toxosoutos, se lles podían axudar na maquetación da revista. Resultando que desde entón é esta empresa a que maqueta, imprime e distribúe gratuitamente a publicación só a cambio de incluír unha páxina de publicidade na mesma. Actualmente pode atoparse gratuitamente en moitas librerías, bibliotecas e centros de ensino de todo o país.



De aquí en adiante


Como proxectos máis inmediatos do colectivo está a creación dunha plataforma para coordinar os actos a celebrar en homenaxe a Avilés de Taramancos en Noia. Ademais, queren continuar as Xornadas en Defensa da Cultura Galega agardando manter o número de asistentes (unha media de corenta persoas por acto). Dous dos membros do colectivo veñen de sacar “A Mincha”, unha revista na que autoparodian ós propios creadores do grupo, e para os vindeiros meses prevén anovar a súa web, polo de agora en probas e na que dan abondosa información sobre o traballo que desenvolven. Calquera día poderemos velos pola televisión, nunha recepción oficial ou en calquera acto de importancia onda un persoeiro da cultura, seguindo a filosofía do pincho.