Historias en camiño

Documentais, series e curtametraxes sucédense para finalizar este ano 2010

Unha das rodaxes audiovisuais do ano chegou en forma de espadas, navíos, homes de honor e mulleres de armas tomar. A decisión de Telecinco de rodar en Galicia Piratas, a súa nova aposta de serie de ficción, foi un dos fitos do ano. Pero non é o único produto audiovisual que se está a rodar nin a xestar en Galicia que veremos nos próximos meses. Revisamos algún deles.

Pilar Rubio, Óscar Jaenada, Miguel Ortiz, Silvia Abascal, Luis Zahera, Luisa Merelas…. Son algún dos actores que participan na rodaxe de Piratas, a serie para televisión dirixida polo lucense Jorge Coira. A aposta de Telecinco ambientada no século XVIII comezou a gravarse o pasado 23 de agosto e conta con numerosas localizacións en diferentes puntos da xeografía galega (de Tui a Santiago, pasando polo castelo de Soutomaior; os pazos de Fefiñás, Cascaxide, Trasfontao e Rubiáns; os mosteiros de San Lorenzo de Carboeiro e San Xoán de Poio e o convento das Madres Agustinas Recoletas). A serie, que se estreará nos vindeiros meses conta as historias dun descarado noble, Álvaro Mondego (Óscar Jaenada) que ten numerosas débedas económicas e de honor ás súas costas que é capturado pola tripulación do pirata Bocanegra e a súa filla Carme (Pilar Rubio). Iníciase así, unha pugna por atopar un lendario tesouro.

Dunha serie de emisión estatal a outra, Gran Reserva. Non está rodada en Galicia nin conta con numerosos actores galegos, pero a produtora (Bambú Producciones) desta serie ten ADN galego. Ramón Campos (Noia, 1975) cofundou esta empresa, logo dunha intensa experiencia con Filmanova, Continental e Voz Audiovisual. Esta serie contratada e emitida por Televisión Española, chegou a bater marcas de audiencia na súa primeira temporada. Acaban de rematar a rodaxe da segunda entrega que se empezará a emitir en breve e contará con 13 capítulos e novas personaxes.

Películas para cine e para televisión
Na carteira das grandes produtoras hai proxectos para todos os gustos. En Continental están a traballar nunha miniserie de carácter histórico coa súa produtora catalana Dream. En paralelo están en plena gravación dun docusoap para Televisión de Galicia, con formato de 50 minutos e para emitir en primer time sobre vilas e lugares. Tamén para televisión, en marzo comezará a rodaxe de O que choveu, unha película para televisión que Continental coproduce xunto coa produtora andaluza Arrayás Producciones. Cunha achega de Agadic para a produción, contan o conflito entre dúas familias no contexto da posguerra. Paula Cons, directora de contidos de Continental explicaba no momento da resolución daquela liña de axudas a Culturagalega.org, que “pretendemos abordar os conflitos de dous núcleos familiares de orixe diferente: unha é unha familia andaluza e a outra é unha familia de emigrantes galegos que se trasladan a Andalucía. Un feito que nos da pé a falar do fenómeno da emigración galega a Andalucía, da política porque un dos membros da familia galega era un represaliado que traballou nos estaleiros en Ferrol”. Na cola de proxectos de Continental tamén está a segunda parte de A tropa de Trapo, e para xaneiro estará finalizado o biopic para televisión “Barreiros, el Henry Ford español, que conta o ascenso e declive do galego que inventou un motor diesel e chegou a asociarse coa Chrysler.

Nos vindeiros meses comezará a rodaxe de Little Galicia, a película que pon en marcha Alber Ponte (dirixe, guioniza e produce), para a contar a fin de semana de dous galegos en Nova York, no que vivirán unha serie de circunstancias que farán que as súas vidas non volvan ser as mesmas. Malia que produce o propio Alber Ponte (coa súa produtora Sierra Madre), contará co apoio da produtora de Pedro Masó, con intervención de diversos organismos e televisións públicas. As localizacións da rodaxe desta produción sucédense entre Ponte Ulla, Lalín e Nova Yersey, e conta no reparto con Alberto San Juan, Fran Grela, Mabel Rivera, José Ángel Egido, Camila Bossa, Sancho Gracia, Celia Guerrero, Mela Casal, Sergio Pazose unha breve participación de Luis Tosar.

A directora e académica Margarita Ledo está en plena rodaxe de A cicatriz branca, a súa terceira longametraxe. Nesta ocasión achegarase á emigración das mulleres galegas centrándose en dous momentos: nos anos vinte e no final da década dos anos corenta e inicios dos cincuenta. A bailarina Cloti Iglesias, a poeta Eva Veiga e a artista plástica Renta Otero son as actrices coas que Ledo conta esta historia ficcionada pero cun importante peso documental, na que tamén participan Tamar Novas, Lino Braxe e Xavier Deive. Este filme pecha a triloxía iniciada pola autora en 2004 con Santa Liberdade e toma como base a obra Porta Blindada do intelectual Antón Moreda. De feito, o filme comezou a rodarse no manicomio do Castro, no que Moreda ingresou en 1966.

Estes días tamén saía a nova de que Dygra films, que está a ultimar a súa última longametraxe Noite de Paz?, que ten prevista a súa estrea para o Nadal de 2011. A produtora coruñesa quere captar novos talentos e acaba de convocar un concurso a través das redes sociais para que os creadores participen no filme creando, de xeito animado, os créditos desta produción. De animación tamén vai a secuela de O Apóstolo (aínda pendiente por resolver os últimos trámites de distribución internacional), que levará por título Organistrum.

Curtametraxes
E en formato máis breve, a directora viguesa Sonica Méndez estreará o vindeiro mes de febreiro a súa terceira curtametraxe. Leva por título As damas negras, un trhiller psicolóxico que acontece durante a representación dunha obra de teatro. Olalla Tesouro, Pepa Yáñez, Antela Cid, Xosé Barato, entre outros, fan parte deste traballo que contou cunha subvención de Agadic e do concello de Negreira. En fase de rodaxe está aínda Aliendum unha historia sobre o amor que comezará a rodar a Escola de Iaxe e Son de Lugo nas vindeiras semanas en Castroverde (A Fonsagrada).