Reenfoques

Visitamos a exposición de Cristina García Rodero con Miguel von Hafe, director do CGAC

Cunha cámara nunha man e cun saco de durmir na outra, “porque unha nunca sabe onde acabará unha durmindo”, Cristina García Rodero, chegou a Galicia a principios dos setenta. Os seus obxectivos puxeron o foco en retratar un país íntimo, cunha relación especial coa morte, coa relixiosidade, co seu contacto coa natureza en estado puro. Trinta anos depois desa primeira visita, García Rodero obtivo un premio nacional de fotografía, unha medalla de ouro ao mérito ou o premio Eugene Smith entre moitos outros. Agora, o CGAC presenta, Transtempo, unha exposición que peneira no arquivo da fotógrafa para redescubrir Galicia. Ofrecemos unha versión do vídeo optimizada para móbiles para que poidas ver a exposición comentada polo director do CGAC, Miguel von Hafe.



Foi un encargo do Xacobeo, que lle pediu a Cristina García Rodero que se mergullase nun inxente arquivo elaborado de xeito intermitente en visitas esporádicas a Galicia desde os anos setenta. A fotógrafa fixo unha escolma inicial dunhas trescentas imaxes imprescindibles sobre as que o director do CGAC, Miguel von Hafe e María José Luengo traballaron para escolmar as 117 imaxes que compoñen a exposición e o catálogo (editado en colaboración con La Fábrica). Tres décadas que sirven para ver unha Galicia mítica e iconográfica, escudriñada pola primeira española en pisar Magnum, a máis famosa e esixente agencia fotográfica.

Entroidos, peregrinacións, romarías, cruceiros, flores.... pero sobre todo mostas festas. García Rodero exhibe unha Galicia alegre, divertida e rural, na que a relixiosidade ten un peso moi destacado.