As empresas do teatro asócianse co obxectivo de normalizar o sector teatral

Norte e guía

A espiña dorsal do teatro en Galicia pasa por unha doenza endémica que se chama subvención. Todas, absolutamente todas as compañías profesionais que se dedican ás artes escénicas no noso país precisan das axudas da Administración. Pero agora queren tomar partida, mudar o panorama teatral e ter peso propio. E toda esta “revolución” ten un nome: Asciprotega.

Asciprotega son as siglas de Asociación de Compañías e Teatro profesional galego, e agrupan, de momento, a 17 compañías teatrais para velar polos seus intereses. A idea do asociacionismo para regular unha actividade escénica habitualmente comprendida como de afeccionado non era nova. Houbo xa varios intentos previos pero que tiveron uns resultados errados ata o pasado mes de marzo no que se constituíu esta nova asociación.



Unha radiografía necesaria


A excesiva dependencia da situación teatral, a necesidade dun convenio actoral que normalice a profesión, os índices de endebedamento tan alarmantes en cada espectáculo teatral e a escasa asistencia do público ás salas (segundo os últimos datos da SGAE) debuxaban un panorama moi pouco alentador que obrigou a buscar unha solución, o que Francisco Viéitez, presidente da asociación, considera para “organizar a defensa e a planificación do sector”. E así xorde Asciprotega.



Aínda que a asociación está constituída desde marzo, os trámites marchan lentamente. Entre a legalización da sociedade, busca de financiamento, adhesión de socios (só hai rexistrados 17 compañías, entre as que están case todas as “históricas”, das preto de setenta que conforman a realidade teatral galega) pouco a pouco a Asociación vai tomando corpo e definindo os seus obxectivos. De feito, o seu presidente afirma que “fixemos un traballo moi grande de vontade de constitución, porque son moitos os atrancos que tes que vencer, e a actividade comezará o ano que vén”.




E eses obxectivos e liñas de traballo que a asociación pretende conseguir céntranse en varios campos: formación para os profesionais, busca de novas fórmulas de financiamento, ofrecer propostas dentro da rede de teatros e auditorios da Xunta de Galicia e conseguir crear un convenio de actores, ó uso do que existen noutras profesións. E non só iso, Francisco Viéitez considera que “o noso cometido é ser os interlocutores das compañías cos nosos socios, co resto das sociedades, da administración, as compañías, as sociedades, os sindicatos de traballadores, de técnicos e cos medios de comunicación que deben de xogar un papel moi importante”. En resumidas contas, Asciprotega xorde coa finalidade de que o teatro se considere como unha profesión máis, normalizada e cun trato semellante ó que desenvolven outras prácticas profesionais.




Punto por punto


Un dos problemas máis graves do teatro galego é a falta de cartos, e que cando os hai todos saen do mesmo peto (o da administración). Cando unha compañía quere montar unha nova montaxe, se esta é custosa debe profesionalizarse para poder acceder ás axudas que ofrece o IGAEM. E constituírse como empresa, ten á súa vez, varios requisitos, que é un público asegurado e un número de espectáculos que lle garanten poder manter a empresa. Entre un dos principais obxectivos de Asciprotega, en palabras de Francisco Viéitez “é o de abrir novas vías de financiamento, ben a través das empresas privadas, coa esponsorización, ben a través de recadación”. E para isto último depende o labor ou a calidade das montaxes, nos que ademais dun bo guión se precisa un bo equipo de actores. E aquí entra outro dos cabalos de batalla do teatro actual que Ascriprotega quere solucionar.



A única formación que se pode acadar en Galicia a nivel actoral é a través do autodidactismo e a capacidade de sacrificio de cada persoa. Cómpre unha Escola de Arte Dramática, que parece que vai ser unha realidade en Santiago en pouco tempo. Aínda que a Asciprotega está en pañais, construíndo pouco a pouco esa armazón do que vai ser o novo teatro galego, si teñen unha postura clara ó respecto xa que “esiximos a creación inmediata dunha escola de arte dramática, porque cremos que hai que superar os interese localistas de diversas cidades, e poñerse en marcha de unha vez”.



Agora ben, con bos espectáculos postos en escena por bos actores precísanse escenarios, é dicir, espacios de representación. Entra aquí a rede galega de teatros e auditorios que para Francisco Viéitez, “é moi grande e moi importante que non existe noutras comunidades, sen embargo é moi precaria porque eses puntos de divulgación non están acondicionados”. Pero non se trata só unha carencia de infraestructuras (focos e material de iluminación), senón tamén de programación e de estructuración. Segundo Francisco “hai locais que forman parte da rede pero á hora de programar non teñen unha estratexia común e todo o traballo queda como un pouco diluído”.



Polo demais, Asciprotega xorde con vocación de diálogo, non só para estructurar con outros sectores, senón como vínculo de diálogo entre asociacións xa creadas. De feito, a Asociación de actores presentoulle xa un borrador do seu convenio, como unha das pautas claves para normalizar o sector. Sobre ese documento estase a traballar, e segundo Viéitez, “terao que asumir a administración, como maior productor, as compañías privadas e as propias asociadas. Un punto de traballo fundamental porque establecen as condicións, o regulamento polo que se ha de rexer todo o que ten que ver co teatro e que xa teñen outras profesións desde hai décadas”.




Por último, nese afán integrado de Asciprotega entran os medios de comunicación. O presidente da Asociación denuncia que “os medios de comunicación teñen esquecido o teatro”. Para a prensa impresa reivindican un maior espacio, pero non só como noticia, senón tamén como crítica, desde un punto de vista formal e máis continuado. Pero non só na prensa. Ó novo colectivo gustaríalle a TVG desenvolvese unha política promotora do teatro (tanto na programación dos espectáculos, en horarios normal así como os royalties, pequena fórmulas de financiamento para os espectáculos teatrais). A recuperación do teatro galego é, pois, unha cuestión que afecta a todo o mundo.