O Festival da ópera cumpre 50 anos con dúbidas sobre a súa continuidade

Op. 50

Vellos e novos pantasmas planean sobre a Sinfónica de Galicia nas vodas de ouro do Festival da Ópera da Coruña. Unha conmemoración que hoxe comeza con “La vida breve” de Falla, único título lírico de toda a programación. O Palacio da Ópera abre as súas portas, se cadra por última vez para iniciar unha das temporadas líricas máis antigas do Estado Español.

“La Vida breve” de Falla será a encargada de abrir a temporada de outono de ópera. O Pazo da Ópera da Coruña vestirase de Gala para acoller unha peza mestra do teatro lírico hispano, e tamén a única peza operística que está programada para este cincuentenario. Se a encargada de poñerlle música é a Orquestra Sinfónica de Galicia, a responsabilidade do que o público vexa na escena recae en José Carlos Plaza, un dos directores escénicos máis importantes do mundo (estivo vencellado ó Centro Dramático Nacional). É, para Víctor Pablo Pérez, director da Orquestra Sinfónica de Galicia, “un gran paseo pola música de Manuel de Falla, que non é doado acertar no estilo, dado que non é nin música folclórica nin impresionista, unha mestura difícil de conseguir”. Ademais, continuando co repertorio de Falla, haberá unha producción de estrea absoluta, é o seu “Amor brujo” que será unha estrea.



Xunto a Falla, Barbieri é o outro prato forte deste certame co seu “El barberillo de Lavapiés”, no que reivindica a fórmula da toada escénica, coas súas tradicionais seguidillas. Se unha das características “La vida” era a representación clásica de Plaza, con “El Barberillo” pode haber grandes sorpresas, xa que o encargado da súa posta en escena é Calixto Bieito, quen é un dos directores máis polémicos da lírica internacional e, en palabras de Víctor Pablo, é “quen está ofrecendo un dos montaxes máis frescos e renovados, ademais de valentes e atrevidos”.



Completa o programa de festexos destas vodas de ouro un concerto a cargo da mezzosoprano Carolyn Sebreon e o tenor Giuseppe Giacomini (o día 31 de outubro). E para quen se atreveu a criticar o programa, dicindo que non era digno para unha celebración semellante, Víctor Pablo recorda “que é un programa cunha mestura moi difícil de atopar, e que agora se pode facer porque temos un gran reparto, unha gran orquestra e un gran coro”. E non só iso, senón poder programar os principais eventos dous días (as obras de Falla representaranse hoxe e o sábado) e conseguir unha boa entrada de público. Porque segundo o director da OSG, “a clave dunha grande ópera é poder repetila tres, catro e cinco veces para poder atraer a cantantes de prestixio internacional e rendabilizar os altísimos custos que supón baixar ou subir un pano”.




Novos e vellos pantasmas


Un cincuentenario é unha celebración ben redonda, ou unha cifra o suficientemente simbólica para que os festexos se establezan por todo o alto. E que o festival da ópera aínda que ten cincuenta anos, non sempre levou o selo ou a marca da Orquestra Sinfónica de Galicia, senón que desde hai dous anos se trata dun certame profesionalizado. Antes corría a conta da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, unha asociación que, segundo Víctor Pablo “foi quen de conseguir crear e sentar unha tradición operística na Coruña con grande esforzo e gran vontade”. E desde que a Orquestra Sinfónica de Galicia asumiu a responsabilidade de botar a andar o Festival da Ópera conseguíuselle dar un salto cualitativo importante, “facendo ópera a gran escala con grandes artistas e cantantes, con boa coherencia entre os festivais (cómpre recordar que a Orquestra Sinfónica tamén é responsable do Festival Mozart) e por iso este ano é o momento de dedicarlle unha homenaxe á lírica española”.



Precisamente desde o mesmo tempo que a OSG asumiu a realización deste festival, a Xunta de Galicia asinou un convenio aportando un pequeno gran de area de 500.000 euros, a unha formación que custa anualmente uns nove millóns e medio de euros. A OSG só é a punta do iceberg de todo un complexo que engloba a propia orquestra, a escola Municipal de Música, a Joven Orquestra Sinfónica e os dous festivais. Precisamente, de non renovarse o convenio da Xunta de Galicia, a solución que propón Víctor Pablo é de recortar, este último punto, o que atende ós festivais. E isto, supón que, malia que o Festival da Ópera é un dos máis antigos do circuíto musical español, habería que prescindir del, en beneficio do Festival Mozart que con tan só seis anos de “pode situarse no mapamundi de festivais europeo gracias a produccións de gran calado e gran nivel”. Asía a solución sería a eliminación do festival de outono e facer unha pequena matización no festival Mozart, que sería “a propósito de Mozart”.



Pero existen máis sombras no que atende a esta formación, e son cando se mira cara adiante. Aínda que estamos comezando a temporada musical de outono de 2002, no calendario dos programadores musicais xa se está polo 2005. E acontece que, sen saber se renovará o convenio coa Xunta de Galicia, existe outro interrogante engadido que ten que ver con que o contrato de Víctor Pablo Pérez (cabeza visible deste renacer musical na Coruña) remata no 2004. E Víctor Pablo, espiña dorsal de moitos proxectos, pode condicionar o futuro musical coruñés. O director é moi claro ó respecto “eu teño contrato ata o verán do 2004 e gustaríame seguir con estes proxectos, pero debo conseguir que as cousas sigan mellorando que é fundamental no comportamento artístico. Creo que neste momento hai algúns pequenos problemas que vou loitar por tentar solucionalo”. Pero neste camiño no está só, o Concello da Coruña (ademais de conseguir a través do seu alcalde case o 60% do financiamento privado que sustenta á OSG) está especialmente interesado en que a música coruñesa non rebaixe a súa calidade e continúe cun plantexamento musical que en dez anos de existencia ten un prestixio recoñecido a nivel internacional.