Constitúese a Fundación Carlos Casares para difundir a súa figura e obra e a lingua e a cultura

Seis meses sen Casares

Hai seis meses a cultura galega choraba a perda dun escritor, xornalista e amigo. Naquel 9 de marzo a Carlos Casares paroulle o corazón co que fabulaba e contaba historias. Á súa morte os seus familiares, amigos e institucións nas que colaboraba e traballaba quixeron que a súa memoria non permanecese no esquecemento, e que os seus proxectos non caeran en saco roto. Isto ten un nome: a "Fundación Carlos Casares" que hoxe se presenta en Vigo.

Conta Damián Villalaín, amigo persoal de Carlos Casares, que cando os escritores morren pasan un certo purgatorio de dez/doce anos. Son como unha especie de proba antes de pasar ou ó esquecemento definitivo ou ó rexurdir da súa figura. Por ese motivo, unha Fundación figura que pretende afondar na figura do escritor no "purgatorio", é a figura ideal para desenvolver, desde o punto de vista da investigación e do estudio, todas as facetas e potencialidades que hai na súa obra e na súa vida. E como Villalaín recoñece que "no caso de Carlos Casares pode dar moitísimo xogo".



As orixes


A fundación non xurdiu só para encher os múltiples ocos que deixou Carlos Casares tralo seu repentino falecemento. A idea xa sonara en vida do escritor, case anecdoticamente da boca dun dos seus fillos, pero non foi ata o seu pasamento cando o proxecto madurou. Foi nese momento cando nun círculo familiar e de amigos íntimos do escritor se xestou unha “comisión de creación”. Unhas xuntanzas que, segundo Håkan Casares, “se celebraron na casa da miña nai ata que hoxe se abre ó mundo”. Será precisamente en Vilariño onde se ubicará a sede provisional da Fundación, aínda que a presentación será esta mañá no Pazo Quiñones de León en Vigo.



A Fundación xorde, como todas as fundacións de escritores, co obxecto de difundir o seu legado e a súa obra. Pero, recorda Håkan que “como se poñen práctica ten que ver coa filosofía da fundación e un pouco como o seu padroado vaia decidindo que evolucione”. E este padroado composto por 21 membros (cinco membros vitalicios -a víuva, os dous fillos e dous irmáns- e dez chegados das institucións nas que Casares desenvolvía un papel importante, empresas e amigos persoais) teñen claro que Carlos Casares implica máis que unha obra xornalística e literaria. Era un discípulo do piñeirismo, cabeza visible de Galaxia e presidente do Consello da Cultura Galega.



E a Fundación non podía darlle as costas ó seu talante emprendedor. Por iso nos seus estatutos figura “promoción da lingua e da cultura de Galicia, así como a realización de actividades culturais e científicas relacionadas cos intereses no mesmo”



Fundación: membros e actividades


E no propio Padroado da Fundación vese reflectido os diferentes ámbitos nos que Casares desenvolveu as súas actividades. Están por exemplo empresas (La Voz de Galicia, na que cultivou a súa faceta de columnista; Galaxia, onde exerceu un importante labor editor), institucións (o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega); e amigos (nos que figuran nomes tan coñecidos como Manuel Rivas, Vargas Llosa, José Saramago, Fernando Delgado ou Juan Cruz). Por ese motivo, Håkan Casares deixa claro que sería do seu desexo colaborar coas entidades que desenvolven proxectos que Casares apadriñara. E todo isto “continuando cun xeito de facer as cousas, de entender o galeguismo, a actividade cultural do país acorde co seu sentido identitario. Pero sabendo que será un grao de area dentro de todo o entramado que loita pola defensa da cultura de Galicia”.



Hoxe cando cada un dos membros rubriquen e acepten a adhesión na Fundación Carlos Casares empezarase a definir e a concretar a forma na que todas estas ideas e intereses se poñen en marcha. Na orde do día figura tamén o informe das actividades da fundación para o que resta de ano e na que están previstas actos de diferente tipo. Desde a inauguración dunha praza no Concello de Ferrol que leva o seu nome ata a publicación de dous libros (un do profesor Marcos Valcárcel para recoller as colaboracións de Casares en “La Región”, que inclúe ademais un estudio dos mesmos e outro, previsto para decembro, no que se recollen artigos e colaboracións periodísticas aparecidos na prensa nos días seguintes ó seu pasamento). Pero hai máis, un seminario de animación á lectura, que pretenden que participen uns 500 membros e que se realizará en anos sucesivos. Un proxecto que vai moito máis alá do estímulo da lectura en lingua galega entre os segmentos máis novos. A Fundación aproveitará unha das actividades que anualmente organiza o Liceo de Ourense, o seu encontro de editores, para que a figura de Casares sexa un referente constante.



E Carlos Casares foi sempre un home moi “integrado”, no que a tecnoloxía se refire, de feito defendía a fusión entre tecnoloxía e cultura. Por iso, a Fundación terá un sitio web, no que haberá información sobre o escritor en distintos formatos e orientados para diferentes públicos (con arquivo fotográfico, estudios sobre a obra,....) que servirá de medio de comunicación propio da fundación, dando conta das novas actividades e proxectos que se vaian iniciando co paso do tempo.



Unha embaixada para a cultura


Casares foi moito máis que un creador, que un literario, editor ou xornalista, foi sempre un mediador, un “conector”, unha ponte entre Galicia e outras realidades. “Queremos – di Villalaín- que a Fundación Carlos Casares non limite a súa actividade nin as súas áreas de interese á Galicia e á cultura galega”, é por iso que se baralla a idea de facer unha presentación da Fundación tamén en Madrid, onde Casares ía con certa frecuencia.



Casares desenvolveu un papel que non foi nada fácil, recorda Villalaín “que estivo sometido a moitas incomprensións, que foi papel de ponte da cultura galega en mundos nos que a esta non era nada importante (financeiro, o da empresa, da política)”. E xa non só aquí, senón no exterior. Håkan Casares afirma que moitos dos lazos que unían a Galicia con persoeiros e institucións do exterior pasaban pola súa figura. Eran “lazos entre persoas, que pertencían a institucións, pero persoas á fin e ó cabo, e pretendemos continuar cun vínculo que xa non é persoal”.