Os efectos 3D

As salas de cine incrementaron a súa recadación en máis de tres millóns

O cine tradicional agoniza lentamente. Desde hai medio lustro as estatísticas do Ministerio de Cultura que cuantifican a asistencia a salas daba un pequeno disgusto cada ano. Así ata agora no que, por primeira vez en anos, cambiou a tendencia. A innovación tecnolóxica chegou ás salas (o 3D abandeirou esa revolución) e o público respondeu coa súa presenza. ¿Un espellismo?

Primeiro estiveron os grandes cines, aqueles con gran pantalla e un numerosos patios de butacas, hoxe extintos. Seguíronos as multisalas, a revolución cinematográfica que reduciu o tamaño de pantallas e parque de espectadores en prol dunha maior diversidade. A súa oferta esmorecía languidamente ata o ano 2009, o ano no que se produciu a incorporación do 3D ás salas de cine. Desde o Observatorio Audiovisual de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega, consideran que a incorporación da innovacion tecnolóxica ás salas de cine poden ser as causas que xustifican os últimos datos da “Estatística de Cinematografía: Producción, Exhibición, Distribución y Fomento” feitos públicos polo Ministerio de Cultura.

Unha cifra positiva
No 2009 foron máis persoas ao cine e iso traduciuse nunha maior recadación. Durante ese ano recadáronse en España 671 millóns de euros por asistencia a salas de cine, preto de 62 millóns de euros máis que no ano anterior. A recadación regresaba a niveis do ano 2004. No caso galego, nese mesmo período obtiverónse 3,2 millóns de euros máis (25,2 millóns de euros en total para o 2009).





En canto a asistencia ao cine, no 2009 rexistráronse 110 millóns de espectadores (4,2 millóns en Galicia), que significa un incremento con respecto ao ano anterior. Ademais, as cifras amosan unha evolución paralela entre o mercado galego o español, aínda que en Galicia ese incremento resultou aínda mellor. Se no conxunto estatal se incrementou 2,4 puntos a presenza de espectadores con respecto ao 2008, en Galicia o aumento foi de 7,7%. A asistencia media por espectadores mantívose estable tanto no conxunto de España como en Galicia.




En Galicia tamén se contén a perda de pantallas de cine, ao contabilizar o Ministerio de Cultura, cinco máis que en 2008. Sen embargo, non é análogo no caso español, onde continúa a caída de salas de cine (de 868 a 861) e de pantallas (de 4140 a 4082).
En todo caso, desde o Observatorio da Cultura advirten que “isto non evidencia un cambio de tendencia, xa que haberá que agardar a ver novas cifras nestas variables”. Ademais, as cifras de recadación tampouco indican un repunte do consumo cultural, xa que haberá que cruzar estas variables cos “datos de consumo das familias para ver se é unha tendencia xeral”.