O Consello da Xuventude falla os premios Lingua de amor

Podíanse presentar declaracións de amor en texto ou en formato canción

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:

O venres falláronse os premios Lingua de amor 2010, convocados polo Consello da Xuventude de Galicia. É a cuarta edición do certame e desta volta o xurado estivo integrado por Dolores Vilavedra, crítica literaria; Manuel Gago, director de culturagalega.org; Francisco Alvarellos, da produtora A Casa de Música, e Yolanda Fernández e Nancy Domínguez, técnicas do CXG. No corpo da información podes consultar os premios:

DECLARACIÓNS DE AMOR EN GALEGO A TRAVÉS DA REDE

Categoría A (de 14 a 19 anos):

1.º Premio: De mesturar a túa suor coa miña colonia, Uxía Pérez González (Vigo)

“Poderíamos fusionarnos. os nosos corpos. quizais tamén as nosas mentes. os sábados pola noite serían de cervexa e discos. de ti espido no sofá. do meu pelo na alfombra. de sexo. de mesturar a túa suor coa miña colonia. imaxínonos comendo cereais algunhas mañás. contándonos os hematomas das mordeduras nacidas nas noites de insomnio. en silencio.”

2.º Premio: Necesidade, Hugo Eiroá Dayán (Burela)

“Se me faltas ti, e as ganas de comer, morro.”

3.º Premio: Querer con pronome, Jessica Amado Dosil (Outes)

“Cheísta de corazón, nunca sei se "che quero" ou "te quero".
Eu, para asegurarme,
quéroche e quérote.
En tódalas variedades dialectais posibles, meu sol.”

Categoría B (de 20 a 35 anos):

1.º Premio: Imposto (r), Alcira Otero Cruz (Miño)

“Solicito algo máis que un borrador, unha cita previa. Insisto por internet, por teléfono e ata na túa oficina. Síntome obrigada a declarar: ingreso alterada, reteño o medo, gasto saliva e deduzo desprezo. Só desexo IRPF, unha Íntima Relación, Por Favor!

Marca cun X o resultado:

A ingresar [ ] A devolver [ ]”

2.º Premio: Sábesme a g(h)loria, Antonio Iglesias Mira (Arteixo)

“Cuando nos bicamos
tu e eu
somos realmente bilingües.”

3.º Premio: Amoreando amores, Carme Otero Cruz (Santiago de Compostela)

“Amor sabor amorodo
amoricoque amoreído
amorío amortecedor

será amoral, amorfo ou amortizable tanto amor?”

CANCIÓNS DE AMOR EN LINGUA GALEGA

1.º Premio: Para beber auga e viño, Pablo González Costas (Cangas)

2.º Premio: Terra de amor, Xesús Xosé Iglesias González (Salvaterra do Miño)

3.º Premio: Fala galego, Marcos Fernández Vázquez (Ourense)

Ademais, todas estas persoas recibirán un lote de libros e música en galego.

Que che parece esta nova?
48 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Xuventude, Dolores Vilavedra, Manuel Gago, Culturagalega...