Conclúen as VIII Xornadas Estivais de Lingua e Cultura galega que organiza a SCD de Raxó

¿Como se fai cultura?

A cultura “faise” de moi diferentes maneiras. E isto sábeno moi ben os dirixentes da Sociedade Cultural e Deportiva de Raxó (Poio, Pontevedra) que levan oito anos reflexionando sobre a lingua e a cultura galega. Para este ano propuxéronlle a políticos, académicos, empresarios e técnicos a mesma pregunta ¿cómo se fai cultura?

Reflexionar e debater sobre a lingua e a cultura galega é o que se leva facendo en Raxó (Poio, Pontevedra) desde hai oito anos. Algo así como unha especie de Congreso pero sen o habitual ton academicista; unha especie de oferta cultural turística pero lonxe do garfo, das culleres e das enchentas doutras festividades. É unha festa en torno á palabra, en torno ás formas de comprender algo tan abstracto como é a cultura.



Cada ano dedícanse a un tema en concreto e abórdano en exclusividade. Atrás quedaron temas de edicións anteriores como a emigración, o turismo, pero agora o presidente da asociación, Marcelino Agís, explica que este ano “era de especial interese contar o tema de como se fai a cultura, como se xestiona, que hai detrás dunha oferta cultural galega”.



E todo isto pola súa boca grande, como un dos propios actos que lle dan de comer a ese ente tan abstracto que damos en chamar cultura. Pero pola súa boca pequena facía outra reivindicación, a verbalización dunha necesidade que clama toda a localidade de Raxó: “unha infraestructura cultural para a parroquia pola que levamos traballando dez anos, con esta directiva, e vinte como asociación cultural”. En resumidas contas que Raxó, unha pequena parroquia pide un Centro Cultural que lle permita albergar a cantidade de actos que fai non só a SCD de Raxó, senón tamén o concello a través do Consello Municipal de Cultura. Segundo Marcelino Agís “pensamos nun edificio polivalente que sirva para as diferentes actividades que se organizan na parroquia. Desde a ximnasia de mantemento, exposicións de pintura, local social e desde o que a xente do rural se achegue normalmente”.



E que esta sociedade que ten un dobre motivo de celebración (os vinte anos da asociación e os dez con esta equipa directiva) ten no seu haber ser a organizadora de centos de actos na parroquia. Pero de entre todos eles destacan: o premio literario Xaime Isla Couto, que coincide co día das letras galegas, e as xornadas estivais de lingua e literatura.




Xornadas




Baixo o lema de ¿cómo se fai a cultura? Quixeron respostar a esta pregunta. Pero unha resposta eminentemente práctica, é dicir, que cada quen conte a súa experiencia e o seu traballo para poder ver que existen, xa non só diferentes formas de cultura, senón tamén, diferentes formas de entender e xestionala. E todo en tres xornadas. Unha primeira de corte institucional na que participaron o subdirector Xeral de Promoción Cultural da Consellería da Cultura, D. Xavier Senín Fernández, polo tanto, unha institución autonómica. En segundo lugar o vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra, D. Rafael Louzán Abal, polo tanto unha institución provincial moi importante que supón unha inxección cultural iniciativas de pequenos concellos e asociacións e en terceiro lugar D Mar Lorenzo, vicerrectora de extensión cultural da Universidade de Santiago. Sobre todo porque a USC ten unha amplísima e dilatada experiencia no que se refire á oferta e promoción da cultura entre os universitarios, e en xeral entre o público, tanto nas cidades de Compostela como de Lugo. A segunda xornada centrouse máis en ver cómo se xestionan os pequenos concellos, e para iso, Marcelino Agís xustifica a presencia de tres concelleiros “Un do BNG (de Poio), outro do PSOE (a de Catoira), e outro do PP(de Sanxenxo), xa que pensamos que poderíannos dar tres puntos de vista como con diferente signo político organizan e xestionan o que é o ámbito cultural e cadanseu concello”. E a terceira forma de ver a cultura ten que ver cun punto de vista economicista, é o ámbito privado que fai desto, aínda que non sempre, unha forma de ver a vida. Son as fundacións, as asociacións, as casas de cultura que chegan da man da Fundación Castelao, a Casa de Cultura de Cambados e do grupo de animación sociocultural, Gaia.



Tres mesas redondas, tres epicentros diferenciados do que da de si a cultura. De feito, é un efecto buscado xa que para o presidente da SCD “sempre pretendemos ter diferentes perspectivas e puntos de vista do que é o mundo da cultura”. Algo que xa se repetiu noutras xornadas na que había xente da empresa, da política, do xornalismo que aprecian diferencias sobre o cultura.



Polo miúdo



E a SCD tan preocupada por falar de cultura, cando ela mesma xa é cultura. De feito, Marcelino tamén respostou á súa propia pregunta do lema da xuntanza deste ano. Para el “a cultura galega faise con moito sacrificio e cun grande idealismo, polo menos, desde o ámbito das asociacións culturais porque así como hai institucións que contan cun presuposto importante, no ámbito local ou parroquial é tremendamente difícil”. De feito a historia da asociación que preside non foi un camiño de rosas. Conseguir cartos para cada actividade supón un trámite de papelexo (ante as ventaniñas dos gobernos municipais, das deputacións e do goberno autonómico), amén do autofinanciamento dos 130 socios (coas súas cotas anuais de 36 euros) para as actividades xa fixadas no calendario (o magosto en novembro, as xornadas estivais, o premio Xaime Isla Couto....).



Nos dez anos ó seu mando artellando propostas novas coas que conseguir que todo o mundo vivise a lingua e a cultura galega, houbo numerosos atrancos. Exposicións que non tiveron sitio onde exhibirse, clases que non se poden realizar por falta de local, ou unha biblioteca que conta paseniñamente con máis fondos pero que non ten máis que cinco puntos de lectura: queixas e protestas que teñen unha única solución: un local que sirva para albergar os actos. Unha forma de investir os cartos nun espacio para albergar unha desas múltiples formas na que se “fai cultura”.