Curtas moi grandes

Curtocircuíto cumpre sete anos potenciando a vertente industrial das curtametraxes

A gran festa da curtametraxe non se queda unicamente no apartado de exhibición. Curtocircuíto, a cita coa curta ten un ambicioso e sólido traballo que pretende reforzar ese aspecto de negocio deste xénero breve. É o principal lugar de encontro de compradores, distribuidores e directores de curtas en España pero, malia ter consolidada a súa imaxe de marca a nivel internacional, o mercado galego aínda non está moi asentado. Por iso, este ano Curtocircuíto, olla (aínda máis) cara casa.

Naceu como un gran festival de curtametraxes, pensado para achegar este xénero á xente con proxeccións de balde, na rúa e en diferentes sedes, ademáis de dar a coñecer a cidade de Compostela como plató de rodaxe. Organizado inicialmente pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo (a través do ente autónomo Santiago Turismo), deu pronto o salto a Cultura, co que evidenciou as dúas partes que ten esta cita: a económica e a cultural. “Estamos moi cómodos en Cultura” apunta Tim Redford, director deste festival desde a cuarta edición, que considera que ten máis sentido na sua ubicación actual dentro do concello e desde o que espera seguir mantendo esta cita que xa ten consolidada a súa imaxe de marca a nivel internacional sen perder os seus sinais de identidade.

Máis participación galega
Alén do innegable valor cultural que ten este festival audiovisual, Redford quere poñer o énfase no aspecto industrial. Coa súa chegada a Santiago, o festival comezou a ter un mercado de curtametraxes que gana en concorrencia e adeptos co paso das edicións. Alén das cabinas de visionados de traballos que se envían ao certame, o mercado conta tamén con stands e unha potente base de datos que a día de hoxe ten preto de once mil recursos (datos de contacto e cifras que se poden consultar a través da web). Tendo en conta os ciclos do produto audiovisual (Redford apuntaba que esta semana aínda se asinou un contrato entre un distribuidor e un protudor que se coñeceron durante a última edición de Curtocircuíto) non auditan a cifra exacta dos contratos que se xeneran neste mercado. Sen embargo, o director calcula que se venden arredor dunhas trinta curtas en cada edición. Neste aspecto, Redford apunta que “malia que temos unha boa imaxe de marca consolidada a nivel internacional, non existe unha abondosa participación galega”. Por iso, no programa deste ano Curtocircuito programa un encontro entre profesionais do sector audiovisual galego co fin de que os cineastas galegos coñezan de primeira man o Festival e poidan compartir ideas e experiencias cos demais invitados e asistentes. “Queremos que usen a nosa base de datos, que participen e que saiban que lles poden dar vendas e contratos porque hai moita xente que non sabe aínda do noso traballo” insiste Redford. Pero non é o único proxecto común, desde hai un tempo están a falar de crear unha coordinadora con todos os festivais que hai en Galicia para traballar xuntos a nivel de promoción e de loxística. “Non hai nada concreto, só estamos a falar pero queremos facer unha coordinación que nos permita compartir custes e poder traer a máis compradores e distribuidores”.

Os cambios
Polo pronto, este ano Curtocircuito amanece máis cedo. “A saturación de citas audiovisuais no outono con Amal e Cineuropa en Santiago e co festival de Cine de Ourense fixo que buscaramos outra nova data” explica Tim. O resultado foi adiantalo a maio e así estender a oferta audiovisual na cidade. Pero Curtocircuíto pensa en grande e, tendo en conta que no estranxeiro é unha cita de referencia, o equipo capitaneado por Redford buscou citas próximas a outros encontros audiovisuais. “Agora estamos entre o festival de cine de Cannes e o de Annency (de curtametraxes” explica Tim ao tempo que asegura que lle permite a algún director, distribuidor, productor ou comprador facer unha pequena recalada en Santiago. Co seu orzamento (nesta edición 200.000 euros), Curtocircuito non pode competir con outras citas internacionais, pero este festival de curtametraxes coida os pequenos detalles con tanto mimo que os que veñen, repiten. “Buscamos un encontro próximo, coidar aos convidados para que sempre teñan cousas que facer (de aí o programa paralelo, as festas con Dj´s, os encontros co público…) e consigan un encontro con esta cidade”, sinala o director.

Ao mesmo tempo, a sección oficial ofrece unha escolma dun centenar de traballos entre os preto de 2.300 traballos que reciben cada ano. Tim Redford explica que “co cambio de datas e, tendo en conta a limitación que poñemos nas bases (traballos non anteriores a dous anos) este ano temos un número inferior de traballos, pero tamén é certo que hai cinco ou seis curtas realmente memorables”. O modelo actual só permite un único pase dos traballos e, conscientes diso, a organización espera que no futuro poidan conseguir facer máis pases, “o que non implica que aumentemos o número de días da sesión oficial”. Curtocircuíto busca unha profesionalización na selección, é dicir, no traballo de peneira realizado cada ano, que implica uns seis meses de visionado diario de traballos, así como a asistencia festivais e encontros para conseguir unha sección oficial (e competitiva) de alto nivel. E iso implica tamén que o público poña da súa parte. No 2009 “decidimos cobrar para que a xente respetara máis o que vai ver e así respondía a todo o traballo profesional que hai por detrás”. O prezo simbólico do encontro (2 euros por pase, coa posibilidade de ter un bono) apenas lle restou público e segue a ser unha das citas da referencia.