Un camiño de cans

Todo o que tes que saber para ir ao festival de cans

¿Para ir? Un John Deere. ¿Para comer? Raxo. ¿Para vestir? Algo de Pacita Moda e ¿para beber? Licor café. Estas son algunhas das indicacións que dá a organización para acudir á setima edición do festival de cine de Cans. Unha peculiar cita co audiovisual que mañá abre as súas portas nesta localidade pontevedresa.

Vaia por diante que o Festival de Cans é, por riba de todo, unha cita co audiovisual malia que se disfrace de música, sorpresas e gran actividade lúdica. Pero co seu peculiar enfoque e cunha aldea completamente envorcada no seu apoio e seis anos de traballo, o resultado é un encontro que esgota as súas entradas en menos dunha hora, que cada ano atrae a máis xente e que se converte nun fenómeno social.

As claves do encontro
Naceu coa gracia de que se desenvolve nunha localidade pequena, cun nome que se pronuncia parecido ó da meca europea do cinema, Cannes (malia que en francés non se le o “s”) e no que os veciños do lugar teñen tanto protagonismo como os convidados. E así foi como Alfonso Pato artellou un encontro atípico a todas as citas dese sector asentado na ideosencrasia galega e no rural, sen perder un ápice de glamour. De agroglamour, para ser máis exacto.

Como coinciden no tempo (terceira semana de maio), o mesmo día no que as irreverencias de Michael Moore sobre os atentados do 11 de setembro (Fahrenheit 9/11) gañaban a Palma de Ouro en Cannes, esta pequena vila pontevedresa comezou a escribir a súa pequena historia. Naquel ano, Juan Pablo Etcheverry e Ben Temple gañaron os premios do xurado, do público e de animación con De tripas e corazón e A petición de man. O primeiro homenaxeado pola súa traxectoria foi Luis Tosar que, xunto con organización, público e veciños percorreu a rúa no seu peculiar medio de transporte: os chimpíns. Hai varias claves que evidencian que o de Cans é un festival peculiar: non hai alfombra vermella, nin limousinas, nin traxes de luces nin os fotógrafos que se agolpan nas entradas dos grandes auditorios. Polo demais, Cans ten todos os ingredientes que se precisan para un bo festival: público, películas e moita festa.

Desde aquel 2004, Alfonso Pato foi perfeccionando o seu modelo. Os premios pasaron a ter contía económica (no ano 2008), estiveron de xira por Galicia, e ser gañador en Cans concedía billete directo para estar no catálogo de curtas do Consorcio Audiovisual de Galicia (catálogo de promoción por excelencia que garantía a presenza en encontros internacionais). Ampliaron seccións (agora ten tamén videoclips), abriu a programación a longametraxes (sempre fóra de concurso) e os veciños foron adquirindo máis protagonismo. Precisamente este é un dos grandes reclamos do encontro, a importancia e relevancia que teñen os habitantes de Cans no seu deseño e desenvolvemento. Cans non sería o mesmo se os veciños non abriran as portas dos seus galpóns, pasearan a visitantes e convidados nos seus chimpins e se implicaran do xeito que o fan. De feito, eles son coprotagonistas cada ano.

As novidades desta edición
Precisamente ese peso dos veciños nótase nesta sétima edición na que, por primeira vez, terán voz e voto. A composición deste peculiar xurado terá diferentes idades e procedencias (dos diferentes lugares da parroquia). O “Premios dos veciños” non terá dotación económica pero, como aseguran desde a propia páxina web terá un “valor incalculable”. Ademais, son estes mesmos veciños os que ultiman estes días o seu “Torreiro das estrelas”, un muro da fama no que os premios de honra e as estrelas que pasen polo festival vaian deixando a súa pegada. Son dúas das múltiples novidades que presenta este encontro. Da man de Agadic, Cans este ano contará cun programa dedicado a “catar” o que se fai na outra beira do Miño. Na sección “Cans da Raia-Creativa” poderán verse propostas audiovisuais, música e unha Can Parade con artistas da comarca da Louriña e da zona de Vilanova da Cerveira.

No apartado musical, Cans este ano conta con dous novos espazos. Dunha banda o Jaliñeiro Unplugged para concertos de pequeño formato e, da outra, co Rock´n´Roal de actuacións na estrada de grupos novos da comarca. O apartado musical ten tamén con dúas referencias de altura: Luis Tosar con Di Elas (Piti Sanz, Iván Laxe, Suso Alonso e Ro Muñoz), que presenta o seu segundo disco, máis Coque Malla.

A historia do Mono Paco, que chegou de África a Redondela por un mariñeiro e que foi moi coñecidio nos noventa pola súa adicción ao sexo, e o primeiro grelos-wetern da historia, Naipe de Sangue, son as dúas “estreas mundiais” que hai no apartado audiovisual. Xunto coa selección de doce curtas de ficción, sete de animación e catorcevideoclips que optan aos nove premios que ten o encontro. Iso sen contar cos catorce traballos innovadores no eido da animación). E tamén haberá un oco para a banda deseñada porque David Rubín estará no festival e debuxará as súas conclusións, opinións e todo o que por alí aconteza. O resultado poderase ver na oitava edición deste encontro que, malia que a sétima aínda non comezou, xa está quentando motores.