Estratexia para animar libros

Galaxia e OQO abren mercado no sector audiovisual

Traballan con historias, son empresas editoras pero buscan novo futuro para esas creacións. Despois de tímidos intentos, Oqo e Galaxia dan o salto ao mundo audiovisual, iso si, sen perder o referente do libro.

“Como produtora estabamos dados de alta no rexistro do ICAA desde hai xa bastante anos, pero decidimos dar un pasiño máis e seguir traballando neste campo e integrarnos na Asociación Galega de Produtoras Independentes” explica Pilar Sampil, xerente de Galaxia, que está a desenvolver nos últimos tempos unha serie de proxectos a medio camiño entre a literatura e o audiovisual. Un percorrido semellante ao que desenvolveu Oqo filmes, a división audiovisual da novísima editora pontevedresa, que segundo explica Marcos López, “tentamos que o libro teña máis vida e máis traxectoria e que a aposta plástica poida pasar a outros formatos”. En ambos casos, as editoras crearon unha división interna dentro da empresa que se encarga do desenvolvemento de proxectos audiovisuais, aínda que, na práctica, responden a proxectos de orientación bastante diferente.

Unha Galaxia de historias
Hai xa un tempo que Galaxia comezou a buscar novas saídas para as súas historias. Ten realizado, á espera de producir un libro co que facer a distribución dos dous produtos, unha longametraxe documental sobre Ángel Llanos, o coñecido fotógrafo vigués. Pero non é o único traballo con base audiovisual xa que cunha axuda a desenvolvemento da Consellaría de Cultura fixeron o guión de As crónicas do Sochantre que, por diferentes motivos, quedou gardado nun caixón. Algo semellante a unha longametraxe, con guión de Víctor Freixanes, sobre a faceta persoal de Castelao co título provisional de A mirada de Castelao e do que chegou a ter ata director, Antonio Gonzalo, coñecido por películas como Unha paixón singular, sobre a figura de Blas Infante.

Todos estes proxectos marcaron un camiño que agromaba pero non acababa de atopar a súa saída, ata que hai unhas semanas, decidiron integrarse en Agapi e abrirse definitivamente a este camiño. “Para 2011 faremos con Ignacio Vilar a adaptación cinematográfica de A Esmorga, pero tamén estamos iniciando unha liña de libro-DVD para sacar películas en galego pegadas a libro e para o que temos o título provisional de Árbore Audiovisual (de xeito análogo á serie Ábore Arte)” explica Sampil. Os traballos audiovisuais de Galaxia beben da literatura pero non teñen que ser necesariamente adaptacións porque como a propia Sampil nos confirma non teñen que estar necesariamente relacionadas co produto libro, aínda que si se teña unha sensibilidade especial. “En Galicia hai un número de proxectos que viven da literatura inferior ao que sería nunha cultura normalizada e nós, desde aquí, que temos un amplísimo catálogo podería se incrementar o número das historias xa escritas e susceptibles de ser pasar ao sector audiovisual” apunta Pilar.

O caso OQO
Marcos López, de OQO Filmes explica que “o traballo xa o viñamos desenvolvendo desde hai uns meses pero a presentación oficial tivo lugar no marco da Feira de Boloña”. E alá presentaron a primeira serie de produción Os contos do camiño que se integra dentro da colección OQO de tres a sete anos, composto por autores contemporáneos e a tradición oral. “Trátase de curtas de animación de dez minutos de duración a partir deses libros e que leva unha aposta plástica diferente” explica López que apunta que lle quere dar aos produtos unha triple dimensión: a historia, a aposta plástica e a musical.

En todo caso, Marcos López asegura que “o que tentamos é alongar a vida e sempre a partir do catálogo de OQO editora e convertelo en novos soportes”. Para o desenvovlemento, a empresa facilita todo o material e só contrata os directores para os distintos proxectos. Iván Prieto, Coke Riobó... son algúns dos directores cos que OQO conta para esta división. “É outro produto que bebe do libro para converterse noutro soporte e, polo tanto, tamén implica unha xestión diferente” apunta López quen asegura que a a distribución parte dun acordo co Imagina International Sales do grupo Media Pro e Globo Media.