Na procura dun símbolo

Un congreso achegarase á faceta menos coñecida do polifacético Luís Seoane

Luís Seoane. Foto: Fundación Luís Seoane
Luís Seoane. Foto: Fundación Luís Seoane
Non é a primeira vez que se lle dedica unha exposición, nin a primeira vez que se realiza un congreso internacional sobre a figura de Luís Seoane (Bos Aires, 1910- A Coruña, 1979), pero as actividades que este ano se desenvolven co gallo do centenario do seu nacemento pretenden achegar novas facetas sobre a súa personalidade e creatividade. O ano Seoane arrinca o vindeiro 6 de abril en Santiago, cun congreso internacional e unha gran exposición na Coruña.

“En Galicia era considerado un porteño e en Arxentina era considerado un arxentino con acento galego” apuntou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega na presentación de “Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha nova cidadanía”. É o primeiro congreso que, alén de dar o punto de saída de todas as actividades, pretende achegar esa dobre raíz que tivo o intelectual. Seoane naceu en Bos Aires, pero trasladouse moi neno a Galicia, onde ademais de estudar na Coruña, fixo Dereito en Santiago. Foi en 1936, co estoupido da Guerra Civil coando se exiliou a Bos Aires e iniciou desde o país austral un fondo vinculo co mundo da cultura galega do que nunca se desfixo e no que figuran actividades como a dirección da revista Galicia, fundador das editoras Emecé editores, Botella ao mar, Citania, o grupo Laboratorio de Formas do que xurdiu a restauración industrial da cerámica de Sargadelos, por non falar na constitución de numerosas asociacións xunto co seu labor como artista plástico. “A súa figura está moi mitificada e, aínda que é unha figura poliédrica quedan cousas pendentes por analizar como é a súa relación coa intelectualidade arxentina” apuntou Villares quen apuntou a necesidade de devolverlle todo o que ten feito pola cultura galega ao longo da súa vida. “Xunto con Castelao, Seoane e unha das figuras máis destacadas de Galicia, de feito, desde o punto de visto artístico é mesmo superior a Castelao” apuntou Villares a medida que puxo especial fincapé na importancia deste ano Seoane. E precisamente, a presenza de estudosos da historia en arxentina, xunto con expertos en arte tentarán achegar eses aspectos menos populares da traxectoria do poliédrico creador.


Unha exposición imprescindible
Comunicador, pintor, gravador, xornalista, editor… Luís Seoane é unha das figuras máis completas da cultura galega. Unha realidade que se poderá ver na exposición que a fundación Seoane abrirá como epílogo á última sesión do congreso internacional (que se traslada á Coruña no último día). “A través da personalidade de Luís Seoane, pódese percorrer a historia do século XX” apuntou Alberto Ruiz de Samaniego, director da fundación que leva o nome do intelectual e que atesoura fondos nunca antes exhibidos de creador. “Seoane contaba con material de Gómez de la Serna, da pintora tan allea á súa práctica creativa como Tarsila do Amaral; fixo cubertas para libros de Jean Paul Sartre e de Álvaro Cunqueiro…. Ten a capacidade de cubrir moi diversos mundos” e con eles, facer crónica do século XX. E ese percorrido poderase ver na exposición que abrirá as súas portas na Coruña a partir dos fondos que atesoura a fundación que leva o seu nome no que hai preto de 800 gravador do artista, 800 debuxos, unha inmensa colección fotográfica máis o epistolario completo de Seoane.

“A exposición, explica Samaniego, pretende facer unha relectura das súas obras en sete bloques temáticos”. Así, a mostra concentrará paisaxes e realidades elementais, ensoñación e mundos míticos, en referencia ao medievalismo, celtismos e figuras históricas que recupera o universo creativo de Seoane. Iso sen contar co seu bestiario, a súa nutrida galería de figuras míticas. “Pero tamén haberá un oco para as súas relacións co literatura que inclúe, en palabras de Samaniego, as relacións con escritores tan dispares como son Rafael Dieste, Lorca, Unamuno ou Paul Valerie”. Baixo o epígrafe de “trazos e figura”, a exposición centrarase na preocupación formal de Seoane por perfilar un corpus teórico sobre a posible existencia dunha arte galega e as liñas ou características xerais que definen. Samaniego apuntou que existe no traballo de Seoane unha vontade de experimentación que vai moito máis alá do que a primeira vista ha de aparecer.

Pero se hai unha característica definitoria da vida e obra de Seoane é que para el a pintura non era un fin en si mesmo, senón que adquiría a vocación de ser un instrumento de comunicación para contar historias. Por iso, o epígrafe “Guerra e capitalismo” centrarase nesa vocación social de artista que “contrapón a visión da torre de marfil, de artista de illado da realidade”. A exposición complementarase cun catálogo a modo de cronofotobiografía e que ten a forma de dicionario enciclopédico.

Divulgación
Alén do traballo de investigación que se centrará neste congreso internacional, que terá ramificacións en tres seminarios que se desenvolverán nas tres universidades galegas (Santiago, Vigo e Coruña que prestará atención a cuestións temáticas diferenciadas), este Ano Seoane ten tamén o reto de descubrir a importancia do creador ao público. Para Villares “ é unha das principais iconas de Galicia e significa para Galicia mais que Gaudí para Cataluña”. Para iso, o congreso, a exposición (co xa mencionado dicionario sobre Seoane) contarán cun documental que se está a elaborar coa colaboración da Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais. A mesma entidade coa que se están a desenvolver conversas que permitan levar parte da actividade á Arxentina que tivo un papel importante na creación de Seoane. Polo pronto, en Galicia, haberá numerosas actividades didácticas para contribuír á divulgación de Seoane no seu centenario.
Entrada "Debuxo" do Dicionario.