A cociña da cultura

Numerosas iniciativas incardinan á gastronomía no ámbito da cultura

A gastronomía e a cociña son unha das marcas de identidade máis propias de Galicia, pero nas últimas décadas, e agás contados casos, a súa presenza no mundo cultural foi bastante reducida e limitada aos aspectos máis lúdicos e populares. Sen embargo, nos últimos meses, estase a manifestar unha nova tendencia: a gastronomía como forma cultural para a creación en diferentes soportes e dando lugar a interesantes experimentos creativos. Repasamos algunhas das iniciativas.

A fusión entre o sector da restauración e a cultura
O Fórum Gastronómico Santiago 2010 As cociñas do Atlántico convertiuse na mostra máis visible de que a gastronomía como feito cultural ocupa en Galicia máis espazo do que se sospeitaba. Máis de 17.000 persoas pasaron polo recinto feiral de Amio, en Compostela, onde se celebraba o evento, para asistir a todo tipo de demostracións, conferencias e degustacións que introducían novas fórmulas e recuperaban vellas tradicións ao redor do feito gastronómico. O Fórum incorporou á súa programación a exposición Ao pé do lar, unha exploración da cociña como espazo doméstico en Galicia e unha reivindicación da gastronomía como un feito cultural complexo e de lenta formación ao longo dos séculos que se pode visitar no Museo do Pobo Galego. É o primeiro caso, nun congreso gastronómico en España, que se introduce a historia da gastronomía como parte da programación profesional e para todos os públicos. A exposición revelou a existencia dun público interesado en cuestións gastronómicas. Só en 15 días, do 5 ao 21 de febreiro, a exposición recibiu 5.300 visitantes. O grande éxito que tivo fixo que se ampliara o prazo da exposición ata o 21 de febreiro.

Audiovisual gastronómico
O audiovisual galego non é indiferente tamén á temática gastronómica. Dúas producións ben distintas, aínda que curiosamente destacan por certa mirada plural ou colectiva, ilustran a entrada destas temáticas no noso audiovisual. O realizador Jorge Coira está detrás de dúas producións que teñen no feito gastronómico un eixo central dos filmes. Que culpa ten o tomate é un percorrido por sete mercados populares en Perú, Bolivia, Brasil, Arxentina, Colombia, Venezuela e Galicia, con guión do propio Coira e Fernanda del Nido. A longametraxe documental tenta destacar as peculiaridades e os elementos identificativos. A película foi estreada en novembro do 2009 no MoMA de Nova York e xa foi proxectada tamén noutros festivais. E o propio Coira tamén está a dirixir 18 comidas, un filme coral feito de anacos de vida e que se filma ao redor dunha mesa -en almorzos, comidas ou ceas- producida por TicTac Producciones. Historias diferentes que teñen un percorrido imprevisible, rodadas durante oito días entre Galicia e Macedonia e cun destacado elenco de actores do cine galego e español. A película ten unha particularidade, "é un filme de improvisación", como aseguran na sinopse. Os actores non ensaian a película previamente, senón as personaxes. E só haberá un único momento de rodaxe. A película está actualmente en fase de postprodución e a previsión é que se estree no segundo semestre de 2010.

Gastronomía editorial
O libro gastronómico en Galicia é un produto esencialmente "de goteo", segundo Celia Torres, de Edicións Xerais. "Son libros que se manteñen moito tempo en catálogo, están sempre de fondo nas librarías, que se venden aos poucos". Torres destaca do catálogo de Xerais os dous libros máis vendidos, ambos os dous da profesora Fina Casalderrei: A repostería en Galicia e A empanada en Galicia. E é que as principais editoriais galegas manteñen coleccións gastronómicas, aínda que máis vinculadas aos receitarios e á cociña de tempada que a outro tipo de literatura desta temática. A gran estrela destas publicacións foi A cociña de larpeiros, de Benigno Campos, na Editorial Galaxia. O boom de Larpeiros materialízase na preparación, nestes momentos, da súa oitava edición, coa astronómica cifra de 45.000 exemplares vendidos. Dentro da mesma colección editorial, despois de Semana Santa aparecerá unha nova publicación: Cociña sen lactosa. Galaxia tamén se achega ao feito gastronómico desde o punto de vista ensaístico. Vén de editar A rosa do viño, o último ensaio do recoñecido historiador da alimentación Xavier Castro, no que indaga sobre a cultura do viño en Galicia. Tamén para nenos hai oferta gastronómica editorial, como a obre de teatro Bon appétit, de Begoña García Ferreira, gañadora do Premio Barriga Verde 2009 editado por Baía Edicións e a Xunta de Galicia. No ámbito da recuperación de publicacións, a Editorial Trea, asturiana, tamén está a recuperar nestes momentos boa parte das publicacións clásicas da literatura gastronómica galega.


Fusión gastronomía con outros ámbitos da cultura
A Fundación Carlos Casares está a dedicar os seus Cafés Voltaire a unha nova actividade, en colaboración co Museo MARCO de Vigo. Chámase O sabor das letras e o obxectivo é facer confluír a gastronomía coa literatura a través dunha disertación acompañada cunha degustación de viños e tapas vinculadas ao tema. A primeira sesión foi dirixida por Manuel Gago, e foi un percorrido pola xeografía galega da man dos escritores Álvaro Cunqueiro e Carlos Casares. Na segunda disertación, Xavier Castro falou sobre Baudelaire e a gastronomía. As xornadas están a ser un éxito de público.

Arte e gastronomía
Unha das propostas máis innovadoras desde o punto da creación é a fusión entre arte e gastronomía que está a iniciar o novo proxecto Factoría Compostela. O GastroLab, instalado no baixo do edificio, quere ser un espazo de experimentación e de fusión entre a gastronomía e a arte contemporánea. Coordinada polo cociñeiro Miguel Gil, o espazo contará con chefs convidados cada trimestre e procurará seguir a filosofía de calquera exposición de arte. "Terá docencia, investigación e comunicación", asegura Concha Fontenla, directora de Factoría Compostela. Cunha carta baseada en ingredientes, non en pratos, os visitantes poden pola tarde realizar degustacións das elaboracións do GastroLab. Esta é a primeira vez que se dá unha confluencia tan intensa entre arte contemporánea e gastronomía en Galicia.