Eran catro (e da Xunqueira)

Tradición oral, paisaxes sonoras e artes escénicas súmanse no proxecto transnacional de Limiar Teatro

Imaxe do espectáculo
Imaxe do espectáculo "Os catro da Xunqueira"
O teatro é un gran medio de comunicación para contar historias, sensibilizar e, sobre todo transmitir valores. Todas esas variables son as que aproveitaron Limiar Teatro (Galicia) e Mao Teatro (Portugal) para iniciar un proxecto que combina música en directo, danza, teatro, malabares para narrar a historia de Can, Boi, Gata e Galo; catro músicos que foxen da cidade buscando no mundo rural un lugar para vivir e ensaiar. Pedagoxía e tradición oral van xuntas da man neste proxecto interactivo que está de xira por Galicia.

Os catro da Xunqueira é, sobre todo, un proxecto creación colectiva no que hai tantas persoas implicadas como puntos de vista para analizala. Pero “o bo e o noso obxectivo inicial é que todas esas historias para contar estiveran ao servizo do espectáculo” explica Fran Núñez, o director desta montaxe que ten asesoramento de moi diferentes colectivos que existen en Galicia. “Nesa idea da viaxe ao rural, á aldea, de como recuperar eses espazos, pero con esa visión non romántica do progreso no rural” para esa faceta, Limiar Teatro contou co asesoramento de Xosé Manuel Rosales do Proxecto Terra, iniciativa desenvolvida polo Colexio de Arquitectos de Galicia co fin de estudar a arquitectura popular, a contemporánea e a nosa identidade territorial. Alén diso, Fran Núñez explica que a obra pretende “establecer un vínculo entre novos e maiores e incidir na tradición oral como fonte de sabedoría, polo que para tratar temáticas transversais de recollida de tradición oral e traballamos co colectivo Ponte nas Ondas, pero tamén con Carlos Reigosa para contar unha lenda que está dentro doutra lenda”. E para narrar toda esa historia, hai desde monicreques, malabares ata música en directo. A fusión de instrumentos tradicionais con outros urbanos e contemporáneos permitiu crear unha paisaxe sonora na que Chiu Longina, do colectivo Escoitar.org, desenvolveu un importante labor.

Pero o traballo non se quedou só no asesoramento, senón que Limiar Teatro e MAO buscaron que toda esa historia, inspirada no conto de Os Músicos de Bremen dos irmáns Grimm, pensaron en darlle un formato interactivo. “A nivel pedagóxico, dentro do equipo temos un músicoterapeuta, e sempre tivemos a inquedanza de traballar con actividades de coordinación e participación activa co público” explica Fran ao tempo que explica que o espectáculo cobra todo o seu sentido coa participación do público. De feito, os oito actores (o elenco está duplicado para poder acometer o número de funcións comprometidas) piden ao público que cante, baile e os axude no transcurso desta historia. “Realmente nos contamos que fora un espectáculo para nenos de Primaria e a Terceira Idade porque son os colectivos que temos experiencia pero acabamos vendo que a experiencia serve para todos os públicos” explica Fran ao tempo que afirma que a clave é o ritmo frenético que engancha ao público.

O espectáculo estreouse o pasado 30 e 31 de xaneiro no auditorio do Centro Cívico de Valadares, en Vigo e está de xira por Galicia e norte de Portugal. Segundo os cálculos de Fran, pasarán preto de 20.000 asistentes entre nenos, pais e maiores.

O salto ao profesional
“De inicio, nós, como compañía traballamos desde hai anos con diferentes asociacións de Portugal e creamos numerosos espectáculos a nivel amador” apunta Fran, un dos integrantes de Limiar Teatro. E ese pouso foi a base na que se asentou o seu proxecto profesional, formado por xente moi nova e moi formada, “somos todos licenciados en cada especializade: interpretación, dirección… tanto en Galicia como en Portugal” aclara. Cunha media de trinta anos, esta compañía ten un horizonte de traballo moi claro, “unir as dúas culturas e o idioma”. Neste primeiro proxecto, Limiar Teatro coproduciu coa compañía portuguesa MAO e co Centro Dramático Galego. Pero tamén conta co financiamento da Unión Europea a través do programa CREATIVA de cooperación transfronteiriza.

Os catro amigos

Os catro amigos