Audiovisual: Cela 211

Miguelanxo Fernández, os directores de Play Doc e Alfonso Pato seleccionan Cela 211 como a produción galega do ano

Fotograma de <i>Cela 211</i>
Fotograma de Cela 211
Ao igual que aconteceu con outros sectores culturais, o audiovisual estivo moi marcado pola mudanza de goberno e os cambios normativos que se desenvolveron a nivel estatal e europeo. O decreto que desenvolve a Lei do Cine, a nova Lei Xeral Audiovisual, o cambio do goberno en Galicia… A produción galega intensificouse en canto a curtametraxes, mantívose en documentais e caeu en longametraxes. As fontes consultadas destacan un título propio: Cela 211.

Miguelanxo Fernández, escritor, ensaísta e investigador cinematográfico galego; Sara García e Ángel Sánchez, codirectores de PlayDoc, o festival de documentais de Tui; e Alfonso Pato, director do desaparecido programa da TVG Banda curta coinciden en seleccionar a Cela 211 como a produción galega do ano, “ainda que teña director de fóra” como apunta Miguelanxo Fernández. Para os codirectores de Play Doc “é un thriller brillante, ben dirixido e cun reparto excelente que logrou un notable e merecido éxito comercial. A interpretación é excepcionalmente boa. O ritmo e a tensión dramática mantéñense ao longo de toda a película. Una bocanada de aire fresco dentro do panorama de cine de ficción feito en España”. Un comentario no que coincide Alfonso Pato, que o cualifica como o “mellor filme feito en Galicia en moito tempo”. Ademais de destacar o traballo de Luis Tosar, para Pato “creo que este será o filme que lance definitivamente a Luis Zahera, un dos grandes actores que temos en Galicia”. Pato aproveita tamén para “chamar a atención tamén sobre o traballo da productora Vaca Films, que ten moito que ver nesta película. É unha produtora que está demostrando moi bo criterio á hora de elixir os seus proxectos, sempre nunha liña moi próxima ó thriller. Afinan moi ben cando elixen. Creo que nos Goya, este filme nos pode dar mais de unha alegría”.

Alfonso Pato, Sara García e Ángel Sánchez coinciden tamén en destacar Banda Curta, o desaparecido programa de Televisión de Galicia. “Toda televisión que se precie ha de ter un programa dedicado á música en directo. Banda Curta dábanos a oportunidade de descubrir e achegarnos ás novidades da escea pop e rock de Galicia. Además, o programa estaba realizado con moito gusto e moita profesionalidade. Os amantes da música botarémolo de menos”. Alfonso Pato recoñece que “non queda ben elixir algo que fai un mesmo, pero gustaríame escoller Banda Curta como un programa de televisión dos que xa non quedan, e que só son posibles nunha televisión pública. Foi a gran ventana do pop e do rock galego, que sen este espazo quedaron orfos. Un producto digno, pegado a realidade do que pasaba na rúa, e dirixido a un público xuvenil ó que se lle presta escaso interese nas televisións” .

Entre as diferenzas, os directores de Play Doc, escolleron un documental atípico. Trátase de Tanyaradzwa polo uso arriscado da linguaxe cinematográfica e a busca experimental de novas formas de narración. “Un documental audaz e independiente con una marcada personalidad, completamente al margen de todos los estándares” apuntan. No campo documental, Miguelanxo Ferández escolleu Señora de…, o traballo elaborado por Patricia Ferreira que foi premiado na sección Tempo de Historia do festival de Valladolid, a Seminci.

No campo da curtametraxe, Alfonso Pato seleccionou un xénero completo “as curtametraxes de animación”. “A animación é o xénero que mais prospera nos últimos anos en Galicia, e a gran canteira está nas curtametraxes. Este ano hai tres curtas de animación que están a ser recoñecidas por todo canto festival pasan, e reciben unánimes eloxios: The Werepig de IB Cinema, dirixida por Sam Ortí, O soldadiño de Chumbo, dirixida por Virginina Curiá e Tomás Conde, e ese gran descubrimento que é Jorge Morais e o seu Pintor de Ceos. A colleita mais fecunda dos últimos anos, por iso quero salientar esta triloxía de curtas de animación. A animación ten futuro”. Neste formato breve, Miguelanxo Fernández seleccionou a multipremiada X nada, dirixida por Dani de la Torre e ambientada no acoso escolar e a violencia como diversión na xuventude de hoxe en día.