O plan LIX

A tentativa de crear unha literatura para os máis novos en galego demorou en dar froitos

A literatura infantil e xuvenil (LIX), que hoxe é un dos estandartes do sistema editorial galego por volume de facturación e por proxección internacional, tivo uns comezos ben pouco prometedores. A mediados dos anos sesenta, Galaxia iniciouse neste campo mediante traducións directas de obras publicadas en Cataluña e unha escasa produción propia. Un comezo pouco prometedor que tardaría en dar os seus froitos.

Montse Pena, investigadora especializa en Literatura Infantil e Xuvenil, impartía o pasado xoves na Facultade de Filoloxía da Universidade de Barcelona a conferencia As orixes da literatura infantil en galego: Xohana Torres, Galaxia e La Galera. Na súa intervención, Pena sinalaba a existencia dunha planificación clara na publicación dos primeiros títulos destinados aos máis novos na nosa lingua. “Antes de me introducir nesta cuestión non pensaba que existise unha planificación neste sentido por parte de Galaxia”, advirte esta investigadora. Foi ao analizar datos achegados por investigadores coma Mónica Domínguez sobre as traducións no Estado entre os anos 40 e 80 e do estudo de Carlos González Figueiras sobre a Literatura infantil no tardofranquismo, que se lle revelou esta cuestión. “En Cataluña, a editora La Galera comezara en 1963 un plan para publicar obras en todas as linguas do Estado. No 65 xa comezou vasco, e aí viu Galaxia que había un oco que debían cubrir”.

Os primeiros títulos
Un acordo entre as dúas entidades facilitou a tradución das primeiras catro obras que foran publicadas por La Galera dentro da colección A Galea de Ouro. O globo de papel, de Elisa Vives de Fábregas, foi a primeira obra que viu a luz no seo desta iniciativa, en 1966, aínda que non se distribuiría ata o seguinte ano. Tamén en 1967 saíu do prelo na mesma colección O abeto valente de Jordi Cots. De xeito paralelo, a colección Desplega velas acollería ese ano Todos os nenos do mundo seremos amigos de Eulàlia Valeri, e Unha nova terra de Francesc Candel. A tarefa de traducir estas obras para a nosa lingua caeu na man de Xohana Torres.

A escolla de Xohana Torres
Segundo explica Pena, “en Galaxia había unha concepción bastante patriarcal da literatura infantil. Pensábase que a muller tiña certa facilidade para a mesma, unha concepción que está bastante arraigada na cultura occidental. E Xohana Torres era case a única muller achegada ao grupo, ademais era poeta e estaba comprometida coa escrita”. Logo das primeiras obras, os editores comprobaron que algúns dos libros nose axeitaban ao noso público. “Déronse conta que algúns trataban temas especificamente cataláns, e entón solicítanlle a Torres que escriba unha obra orixinal, que sería Polo mar van as sardiñas (1967). A esta edición seguiríanlle diferentes escolmas de contos populares para os máis novos e algunhas outras obras de creación fortementes inspiradas na tardición oral.

Outros plans
Canda a Xohana Torres, outro nome xorde nesas primeiras tentativas de crear libros para os máis novos en galego. “Outra iniciativa que desenvolveron foi apoiar a Asociación O Facho nos seus certames de contos e de teatro infantil, que se celebraron en 1968 e 1973, respectivamente”, explica esta investigadora. Xohana Torres e outros membros de Galaxia participaron nos xurados destas convocatorias, nas que resultou vencedor Carlos Casares, con A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. “Casares era un pouco a segunda peza de Galaxia para planificar isto, era máis visible que Xohana Torres, que se encargaba das traducións. Ademais de escribir estas obras, o ourensán encargouse tamén de traducir, xa en 1972, O principiño. De xeito paralelo, en 1968 Edicións do Castro tira do prelo Memorias dun neno labrego que acabaría converténdose nun clásico das letras para os máis novos.

Os problemas
Malia a estes esforzos, débese sinalar que de calquera xeito a produción de obras infantís e xuvenís era escasa na literatura e que se atopaba ademais, lastrada por unha distribución moi deficiente. “Estes lanzamentos non funcionaron. O público non estaba preparado para recibir este tipo de literatura en galego, non había ensino de ningún tipo na nosa lingua e a distribución era moi deficiente. Ademais, o feito de ser A Galera quen seleccionaba os textos tamén propiciaba certo distanciamento dos mesmos”. Estes problemas revelan, a xuízo da investigadora que “Galaxia quería planificar pero non sabía como. Mesmo en Grial apenas hai publicidade destas obras. Penso que os homes de Galaxia trataron esta cuestión cun certo desleixo, malia a que estaban moi atentos ao que se facía noutros sistemas literarios. Finais dos anos sesenta é un comezo moi serodio para a nosa literatura infantil e xuvenil”, explica Pena.

Novas colaboracións
Segundo explica Penas, o fracaso comercial desta iniciativa deu en que se deixase en boa medida de atender a literatura para os máis novos. Chama a atención, entón, a existencia dun novo acordo entre Galaxia e La Galera na altura do ano 79. “Ese ano aprobouse o decreto de bilingüismo, e a editora galega viu que se abría un mercado infantil coa introdución do galego no ensino”. Aínda doutra volta, en 1983 un novo convenio entre as editoras daría pé á edición de diferentes volumes para os máis novos. “Da colaboración destes editoras e mais da vasca Elkar sairía a colección A chalupa, que recollía textos orixinais de autores galegos, cataláns e vascos canda a contos populares, e que continuaría ata 1992”, lembra Pena, que ten clara a orixe desta iniciativa. “Nesta ocasión, o detonante foi a Lei de Normalización Lingüística. En todos os casos obsérvase que Galaxia respondía a ocos que ía detectando no mercado. De feito a primeira colaboración con La Galera coincide cun momento de apertura do réxime franquista”, conclúe Pena.Do mesmo xeito, diferentes editoras do país e foráneas se introducen rapidamente neste nacente mercado.

O despegue da literatura infantil en galego non chegaría, ao seu ver, ata 1985, cando Paco Martín gaña o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con Das cousas de Ramón Lamote. “Ese foi o comezo dunha estabilidade que despois dará nun sistema normalizado”, conclúe esta investigadora.